6.3.09

A poesía está na nosa vida
Así o afirma un 'ghaçafello' que anda solto pola biblioteca, autor dun dos poemas premiados no certame "Palabra Namorada" e que ademais montounos un Taller de Poesía para o alumnado de 1º que quixo asistir.
O resultado é que xa temos os premios do certame literario deste curso. Os premios de Castelán quedaron desertos, pero a cambio temos dous en francés e un en inglés, ademais, claro está, do premio en galego. Os poemas gañadores podes lelos no apartado de Recanto Literario e tedes máis información sobre o tema en Pedras do Vilán.
Saúde e poesía!!

4.3.09

ARAOS DE INTERCAMBIO

Os araos seguen estirando as súas ás. Ultimamente son capaces de voar sobre Inglaterra, viaxar ata Austria, darse un paseo pola capital, Viena, e regresar a tempo de ter a xuntanza na biblio o mércores pola tarde. Parece que o único que lles custa 'certo traballiño' é soltar os 'trinos' de un en un e escoitar a beleza do canto dos demais araos. Pero todo chegará...

17.2.09

Música Namorada
Tedes aquí abaixo as catro cancións que aparecen no poemario de Palabra Namorada, para que vexades que a poesía con música entra. Tamén soa unha fermosa canción se picades no poemario para velo en grande.

Cal delas vos parece a mellor canción de amor? Podedes votar publicando un comentario!

Discover Wet Wet Wet!
Escaques 'Perigosos'
Andan estes días os participantes no torneo "escaques" a pelexar coas pezas do xadrez, e teño que avisalos que é un xogo perigoso, non só porque haxa unha morte 'real' (a do rei), senón porque os cerebros dos xogadores poden soportar unha tensión tremenda!! Os que non me crean poden ver estas dúas películas que tedes na vídeoteca da biblio.
Por certo, caramelo de premio para quen me diga que son os escaques, que xa van dous ou tres que non saben por que o torneo se chama así!

15.2.09

PALABRA NAMORADA
Chegou San Valentín e con el as flores aos corredores do Instituto. Chegou tamén o certame Literario "Palabra Namorada". Tedes á vosa disposición un poemario (incompleto, claro!) para os que queirades participar. As bases podedes lelas premendo aquí e o poemario podedes velo na columna da dereita deste blog. Picade encima e verédelo en grande.
Recordade que podedes participar con poemas en calquera das linguas que se estudan no insti e que podedes entregar un en cada lingua!
E ollo, que parece tamén hai profes dispostos a rimar, pero tranquis que os vosos premios están asegurados!