20.6.09

FALTAN FOTOS!
Non hai como deixar de facer algo para que a xente o bote de menos: faltan unhas fotos e entón si que aparecen comentarios no blog! (e si non mirada na entrada de abaixo).
En fin, que non sempre se pode andar á última. Pero intentaremos correxirnos, que para iso valen as broncas que nos bota o alumnado!!
As 'afotos' das que falades, e outras, están en Pedras do Vilán, que é o blog das actividades que non son da biblio, OK?

16.6.09

UN VERÁN DE LIBRO
Xa tedes á vosa disposición a guía de verán deste curso. Van recollidos nela unha serie de libros recomendados e de novidades acabadas de chegar á nosa/vosa biblio. Tratamos de dar unhas ideas que nos parece que poden funcionar, pero xa sabedes que podedes atopar moitos outros títulos nos andeis.
E non olvidedes que tamén pode ser de interese para a xente da vosa familia, que cada vez somos máis os "raros" que lemos libros. Xa sabedes que durante estas vacacións podedes levar ata 5 libros!
Hai mellor tempo para ler a gusto que o verán??

11.6.09






AS LINGUAS SUMAN
Este tríptico informativo foi elaborado pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Pensamos que pode ser de interese para os pais, para a comunidade educativa e para toda a sociedade en xeral. Nós queremos defender o dereito dereito dos nenos e nenas que educamos a ser igualmente competentes en galego e castelán, segundo se establece no actual Decreto, no que tanto tempo vimos a traballar sen ningún conflito. Pica no tríptico para poder lelo.

6.6.09

XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA 2009
Celebrouse este venres 5, en Santiago, a xornadas dos Clubs de Lectura deste ano. Coma sempre, como nos teñen acostumados Cristina e Pilar, a organización foi perfecta (grazas!) e os conferenciantes de alto nivel. Empezamos escoitando a Mireia Manresa (da Universidade Autónoma de Barcelona) e profesora de Secundaria falando sobre os hábitos lectores dos adolescentes (algunha vez acordeime dalgún que me sei eu). Rosa Aneiros falaounos da súa experiencia de autora asistindo a Clubs de Lectura (imos ter que incluir algún título seu nos nosos clubs) e logo escoitamos a catro compañeiras/o falando dos seus clubs, da práctica diaria (meu deus, canto traballiño!). Mercedes Caballud e Carmen Carramiñana puxéronnnos os dentes largos falando da experiencia "Leer juntos" na vila de Ballobar (Huesca) onde teñen prácticamente a medio pobo ligado aos clubs de lectura e incluso exportan a experiencia a outros lugares. Impresionante!
É unha lástima que a estes encontros non poidamos ir máis xente, profes alumnos e pais. A máis de un encantaríalle.

1.6.09

CHEGAN OS PREMIOS
Hoxe no recreo fixemos entrega dos premios do Sabías que...? deste ano que, aínda que algún non o crea, incluían libros! Tivemos que andar a cazar aos 'afortunados' que, con tantas calores, andaban perdidos polo patio adiante. Tampouco foi fácil facerlles as fotos, que xa se sabe que: ai, non profe, a min non!! pero en fin, aquí tedes unha mostra do que pasou: