19.3.10

AUMENTA O USO DAS BIBLIOTECAS
Aumenta o uso de visitantes das bibliotecas; e aumentan tamén os diferentes usos que se lles dan. Pero non pensedes que falo da nosa, que tamén. Falo en xeral, como se pode ver neste vídeo que nos chega vía Biblioafonso.
Chegará a nosa a ser así?? Que medo!!

18.3.10

SAÍDA DE 3º -PROXECTO TERRA
Así de presumidos, como o pavo da foto, iban os de 3º na súa saída a Ferrol, encadrada dentro do Proxecto Terra. Os do club de lectura tamén sabemos algo diso, porque non hai moito que limos o estupendo cómic de Miguelanxo Prado sobre o tema.
Podedes saber máis sobre esta saída, coma sempre, dando unha voltiña polas Pedras do Vilán.

14.3.10

MIGUEL DELIBES, ATA SEMPRE
Quedan as letras tristes coa ausencia de Miguel Delibes. Quedan tristes, ademais, porque marchou un home de pobo, que sempre preferiu vivir no mundo rural, que tan ben reflectiu nas súas obras. Un home dos de 'patear monte', que non destrozar. Dicía de si mesmo que era un "hombre sencillo, un cazador que escribía", un amante da natureza. Delibes é inseparable da súa 'Castilla' e dos seus campos, amigo da xente que traballa e vive neles.
Perdemos a un dos grandes, dos que mellor manexaba o Castelán, a un gran creador de personaxes inesquecibles, como Daniel el mochuelo (El camino), Azarías, Paco el Bajo (Los santos inocentes), Cipriano Salcedo (El hereje)...
Podedes saber máis sobre el neste especial do diario "El País ". Tamén tedes unha despedida dos seus "fillos " literarios, (que nos envían do IES de Sampaio).Lede algo na súa memoria!

11.3.10

UNHA SIMPLE PORTADA
A través do blog "Trafegando Ronseis" chéganos esta curiosidade sobre a creación da capa dun libro. Unha curiosidade máis para os que disfrutamos cando temos un nas mans e, tamén, unha demostración de que as cousas non saen ben así coma así: hai que 'pelexarse' con elas, correxir, re-mirar, refacer, retocar...
A próxima vez que miredes un libro pensade cal será a cantidade de traballo que hai detrás, desde que o escritor ten unha idea e empeza a preparalo e escribilo ata que chega ás nosas mans.
Boas lecturas!

10.3.10

THINK B4 U POST
Pensa antes de colgar
Chéganos desde a biblio do IES de Poio unha información que descoñeciamos sobre un tema que sempre tiñamos na cabeza: o uso seguro e correcto de internet, especialmente do que 'colgades', ás veces sen pensalo moito. Hai que ser conscientes de que cando colgamos algo xa non hai forma de paralo e pode convertirse xusto no contrario do que queriamos; ou atoparnos con que alguén sabe algo de nós que non queriamos que soubese... Hai unhas normas mínimas a seguir antes de colgar algo, seguindo a nosa creatividade e evitando ferir a outros:
-Configurar adecuadamente as opcións de privacidade na rede (Tuenti, Facebook...)
-Facer unha selección de contacto e amigos.
-Pensar nas consecuencias antes de subir unha foto, vídeo, comentario...
-Solicitar permiso das persoas que aparecen nas imaxes ou vídeos.
Sabiades que hai empresas que se dedican a buscar datos na rede sobre unha persoa antes de contratala? As fotos das bromas dun botellón, por exemplo, non soen ser boa publicidade para conseguir un emprego!
Atoparás unha páxina interesante sobre o tema aquí.