9.11.09

A CAÍDA DO MURO
Hai hoxe vinte anos caía o Muro de Berlín, símbolo da guerra fría entre a URSS e EEUU que dividía Berlín en dúas zonas: oriental e occidental. Este muro de 45 quilómetros impediu durante 28 anos a libre circulación dos cidadáns alemáns polo seu país, e provocou a separación de moitas familias e a morte de moitos dos que intentaron saltalo. Empezou a ser derrubado a noite do 9 de novembro de 1989 ante os ollos atónitos dos espectadores de TV e dos cidadáns alemáns que o contemplaban "in situ".
Aquel día semellaba que o mundo era máis libre. Pero o tempo pasa e a historia repítese, e volven a construírse muros, a maioría invisibles, e, polo tanto, cada vez máis difíciles de derrubar. Con todo aquel 9 de novembro era o final dunha época.
Pode ser unha boa ocasión para lembrar aquel muro ao que cantaba o grupo Pink Floyd, que x alá xa polo 1979 falaba doutras formas de aillar á xente.
Vía "biblioblogs escolares", a través de Antonio Alonso.

4.11.09

ARAOS CON CORAZÓN DE TINTA
Logo de que os araos maiores botaran a voar fai uns días, tocoulle o turno aos araos 'pequenos', aínda que algúns xa non son 'tan' pequenos.
O primeiro voo non estivo mal, xa que nos dedicamos a ver unha peli que non puidemos ver o curso pasado: Corazón de Tinta.
Os que xa leron o libro poden ver as diferenzas. Os que non o leron poden disfrutar da lectura e ver todos os detalles que non caben nunha peli. Para todos por igual dicir que a historia continúa con dous libros máis: que pasará cando "os que quedaron aquí" entren no "mundo de tinta"...?


2.11.09

ASTERIX E OBELIX
Asterix e Obelix naceron un 29 de outubro de 1959. Cumpríronse 50 anos e para celebralo publicouse un novo álbum. Todos os personaxes envelleceron, sobre todo os protagonistas. Obélix non está de acordo e quéixase ao debuxante, Albert Uderzo, que agora xa ten 82 anos.
Este novo álbum leva o título de O aniversario de Astérix e Obélix. O libro de Ouro. Esperamos que chegue pronto aos andeis da nosa biblioteca! Para celebralo imos sacar a pasear os títulos que xa temos para que disfrutedes con eles.

31.10.09

MEDO ME DEU!
Que medo pasei este venres, na biblio, durante a entrega de premios dos micro-relatos e de ilustración!!
Menos mal que logo entregamos os premios do concurso de cabazas e xa a cousa foi algo máis tranquila.
A verdade é que temos que felicitar ao alumnado de 1º ciclo, que tivo unha moi boa participación, en cantidade e, sobre todo, en calidade. Tanto foi así que o xurado tivo auténticos problemas para decidir a cal outorgarlle o premio. Finalmente, e dada a case nula participación do alumnado de 2º ciclo, (para desesperación do bibliotecario) decidiron repartir dous premios, en lugar dun, tanto para os contos en castelán como en galego.
Esperemos que os que tan ben o veñen facendo neste curso continúen así en anos sucesivos.
Os traballos premiados podedes velos no Recanto Literario, e unha mostra das cabazas e pantasmas, neste vídeo. En Pedras do Vilán podedes ver unha entrevista coas gañadoras do concurso de cabazas. (As fotos na biblio, para quen queira copialas)

De Películas

25.10.09

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
Non foi mal xeito de celebrar o día das Biblios Escolares! Máis de mil (si, si, liches ben: máis de mil) profesores/as, encargados e colaboradores das Bibliotecas Escolares de toda Galicia, xuntámonos en Santiago a tarde do venres e todo o sábado, para escoitar aos mellores especialistas, e para escoitarnos entre nós, falando de algo que tanto nos gusta e que tan importante nos parece; cada vez máis!
Hai que seguir mellorando e, sobre todo, hai que seguir poñendo ao alcance do alumnado, profesorado e familias, os mellores recursos cos que contemos para axudar a aprobar, si, pero sobre todo para axudar a que cada un, cada unha, chegue a ser a mellor persoa posible.
Grazas, coma sempre, a Cristina e Pilar, da Asesoría de Bibliotecas, pola organización exquisita, e por todo o traballo inmenso que veñen facendo dende hai anos.
Aquí podedes ver algo do ambiente que alí había: