14.12.09

Nadal de libro!
Como cada ano por estas datas (e por outras) publicamos unha guía de posibles lecturas para disfrutalas nas vacacións. Queremos mostrar un pouco de todo, tanto para vós como para os vosos familiares. Por iso vos invitamos a que levedes a casa unha copia da guía, que atoparedes na biblio, ou que a visitedes mesmo aquí debaixo.
Esperamos ter acertado. Boas lecturas!

13.12.09

NOVOS CAPÍTULOS
Xa temos dous capítulos máis na nosa historia andante. Logo do capítulo feito por Raquel, de 4ºB, temos outro máis realizado por Javier Brey, o profe de Plástica. Mirade como deixaron ao pobre Emilio nos últimos capítulos publicados! (Ata lle medrou o pelo!!)
Esperemos que nos seguintes, (que aparezan pronto!!) alguén teña un pouco de misericordia... Que pasará co pobre Emilio, que non ten culpa de nada? Quen seguirá contando a historia??
De momento podedes seguila picando no libriño que hai na columna da dereita.

10.12.09

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES COS DEREITOS HUMANOS
Tal día coma hoxe, un 10 de decembro de 1948, aprobouse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Hai xa 61 anos desta data e seguimos aínda sufrindo a falta destes dereitos, ou sufrindo ataques directos aos mesmos, nunha grande parte do mundo no que vivimos.
Son moitas as persoas e as organizacións en todo o mundo que intentan poñer todos os medios para que estes dereitos sexan realidade para todos os humanos e conseguir que se fagan realmente universais.
As bibliotecas escolares queremos poñer o noso gran de area neste empeño, en recordo, por exemplo, daqueles que nunca na súa vida poderán ter acceso á educación.
Así podemos ver o cartel que nos envían dende o CEIP de Pazos, no que todas as cores forman parte da mesma man. Ou estoutro do IES Río Cabe, que nos deixa ver a desigualdade entre dous mundos que habitan o mesmo planeta.
Desde o CEIP San Martiño-Salcedo mándannos un enlace para saber algo máis sobre os Dereitos Humanos cun sinxelo xogo, da Cruz Vermella.

30.11.09

BIBLIOTECA, ESPAZO DE ENCONTRO
A biblioteca do Insti ten moitos usos, e máis que debera ter. Un dos máis importantes é o de servir de espazo común para todos os que forman parte da comunidade educativa do centro. Por iso gustounos tanto que hoxe se celebrara aquí a primeira reunión do Grupo de Encontro e Debate.
Falar, dialogar... é a única forma posible de entendernos entre nós e chegar a sacar de cada un o mellor que poida dar. Longa vida ao Grupo de Encontro!
E esperemos que haxa cada vez máis encontros de todo tipo: de pais, nais, profes, alumnos, alumnas, lectores, non lectores, cinéfilos, non cinéfilos... e o que se vos ocorra. A biblio terá sempre as portas abertas.

Grupo de encontro on PhotoPeach

29.11.09

As Bibliotecas Escolares en "La Voz de Galicia"
Hoxe vén de publicarse unha plana enteira en "La Voz de Galicia" falando sobre a animación á lectura que se fai en moitas bibliotecas escolares de Galicia. Está moi ben que fóra das paredes do centro se saiba o que se fai, que se fale dos clubs de lectura, da Hora de Ler, das mochilas viaxeiras, e que se saiba que desde aquí 'exportamos' estas iniciativas ao resto do España. Se queredes ver as noticias orixinais picade nos enlaces.