14.4.11

CIENCIAS, MATES, TECNO...

Estes días tivemos a sala de usos múltiples, e algún dos espazos exteriores do insti, cheíños de cousas interesantes: azucre que se converte en carbón, contas feitas ao estilo dos exipcios, ou dous maias, móbiles que se autodirixen seguindo unha liña marcada, peixes que nos deixan ver aos seus 'inquilinos', o luminol para detectar o sangue... Vaia, que nin os do CSI! Hai que agradecerlles aos profes o esforzo da organización e a preparación das diferentes probas. A mellor recompensa é saber que funcionou estupendamente. E ollo, porque ademais pode ser que o que aquí se viu sirva para unhas cantas preguntas do noso concurso "Sabías que...?" Faltan as semifinais, das que sairán tres equipos, e logo... A Gran Final, unha proba contrarreloxo. Atentos!

10.4.11

ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

Este venres celebrouse en Santiago o Encontro das Bibliotecas Escolares de Galicia acollidas ao Plan de Mellora, do que xa sabedes que formamos parte. Este ano, ademais, tivemos a honra de expoñer o que aquí facemos en "Cine para falar" e no "Grupo de encontro e debate", que tivo moi boa acollida e polo que recibimos moitas felicitacións. Sempre é de agradecer que os demais valoren o que aquí se fai. Como cada ano, o nivel de organización (case catrocentas bibliotecas representadas) e de calidade dos ponentes foi excelente, aínda que as bibliotecas máis veteranas tivemos que conformarnos con asistir só o venres, e perdernos algunha exposición do máis interesante. Pero pagou a pena escoitar a Monica Baró e a Teresa Maña, dúas das maiores expertas en B. Escolares, e asistir ao peche das xornadas a cargo de Neira Vilas, o autor das "Memorias dun neno labrego" que tanto supuxeron para a literatura xuvenil en Galicia.

5.4.11

EMPEZAMOS

Xa temos en marcha o concurso deste ano de Sabías que...? Como novidade, este ano cambiamos o formato, e agora xogamos equipo contra equipo. Os gañadores pasan á seguinte fase, e irán enfrontándose entre eles, ata chegar á Gran Final. Na primeira fase tedes unha serie de preguntas cun máximo de 30 segundos para contestar. Na segunda fase cada equipo contará con 5 minutos para averiguar as respostas dunha serie de preguntas encadeadas, e no caso de que os dous atopen as solucións, o tempo empregado por cada un será o que decida quen é o vencedor. Emocionante, non si? Se non estás nun dos equipos, podes asistir como público na biblio durante os recreos. Sorte aos participantes!

29.3.11

THINK B4 U POST (II) Pensa antes de colgar
Hoxe @s alumn@s de 2º estiveron na sala de usos múltiples escoitando a charla sobre os riscos de internet (que son moitos). Prestaron moita atención, parece que a charla era do seu interese. Algún dicía que xa o sabía case todo, outros disque aprenderon moitas cousas que ata o de agora ignoraban. O que é seguro é que agora estamos todos mellor informados, polo que navegar e tuentiar seguro que vai ser moito máis seguro. Non si?

Aquí tes un vídeo da Xunta de Andalucía que seguro que che vai gustar.

23.3.11

A IGUALDADE: MISSIÓN POSIBLE

Está convocado o concurso de curtas realizadas co móbil, ou coa cámara de fotos, sobre o tema da igualdade, seguindo o slogan gañador do concurso do ano pasado: A igualdade, missión posible! Colabora con nós, para sacar adiante a iniciativa e premiar aos gañadores, a Concellalía da Área de Igualdade do Concello. Haberá dous premios, un do Xurado e outro por votación popular. En canto teñamos os vídeos preparados (un pouco de paciencia) colgarémolos neste blog para que poidades votar polo que máis vos guste. Podedes consultar as bases aquí. E recordade, a igualdade conséguese día a día, entre tod@s.