29.10.11

DÉRONLLE CABAZAS!
Ben, en realidade a cabaza deuna ela.
O que fixo o xurado foi concederlle un premio polo traballo ben feito e por esa pinta de "Dona Rogelia" (para os que recordan a tal "señora") con cara de tomarse o mundo a cachondeo.
Temos algún "cheque" máis esperando aos alumnos que non teñan "medo" de escribir e/ou ilustrar o micro-relato de terror do certame literario deste ano. 
Na biblio xa estamos esperando, sedentos de sangue, que chegue o día das lecturas, para chantarlle os nosos "cairos de vampiro" a quen se atreva a entrar alí. Se non me credes mirade este vídeo para ir sabendo o que vos agarda... 

Personalize funny videos and birthday eCards at JibJab!

25.10.11

OS ARAOS SAEN DO CASCARÓN
Por fin nesta semana conseguimos que os Araos do Instituto, os membros do Club de Lectura de Alumnos, saian do cascarón. Os Araos maiores lles gañaron a partida hai uns días, pero agora xa estamos todos en marcha.
Queremos darlle a benvida aos novos araos, que pasan a formar parte do Club este curso. Os máis veteranos xa saben como vai a cousa, e digo eu que se repiten, por algo será...
Saúdos tamén a todos os lectores/as do insti (que os hai, e máis do que parece) que non están no club. Gustarianos telos con nós, pero sabemos que non sempre é posible. A porta sempre estará aberta.
Esperemos que todos poidades encher os vosos carnés cunha chea de libros que vos gusten e vos fagan disfrutar.
Que a lectura vos acompañe!

18.10.11


QUE MEDO ME DÁS!!
Xa temos aquí cerquiña o Samaín-Halloween. É tempo de pasar medo!
Xa podedes ir afiando os coitelos... para preparar as cabazas. E podedes ir afiando os lapis para escribir eses terroríficos relatos de terror aos que nos tedes acostumados, e para debuxar esas espantosas (porque dan espanto, ollo) ilustracións.
As cabazas hai que entregalas os días 26 e 27 deste mes. Os relatos e debuxos teñen de prazo ata o 4 de novembro, para que teñades tempo de ir afiando os dentes.
En calquera caso podedes ler as bases aquí debaixo. Así que... Ánimo, sen medo!!!

9.10.11

A RITMO:
sip, sap... boing
Para min foi unha mágoa que só cheguei a tempo de compartir o taller de ritmo cos de 4ºB, pero paseino de medo... Xoán e Álvaro enrróllanse moi ben e teñen, realmente, moito ritmo. Conseguiron en 50 minutos escasos que acabaramos practicamente facendo música cos nosos corpos, cunha axudiña da guitarra de Xoán.
A sorpresa máis grande foi pola tarde, na Casa de Pedra, onde, a pesar de que o local non ten a acústica adecuada, descubrimos un feixe de músicos estupendos, excelentes instrumentistas (Camariñas, terra de músicos), que fan unha música propia, lonxe dos éxitos 'prefabricados' de moitas discográficas internacionais e que mestura con acerto tendencias moi variadas. Quen dixo que a xente nova só sabía facer botellón e xogar coa Wii?
Aquí vos deixo unha mostra do taller e a páxina de Xoán na que podedes ver e escoitar algunha das cousas que disfrutamos no concerto.



29.9.11

AQUÍ HAI MARCHA!
Que non digan que non hai 'marcha' neste Insti. E que marcha! De Camelle a Laxe, pasando por Traba e Soesto.
Todo o centro en movemento, un día excelente para camiñar, unha paisaxe marabillosa, o sol que aparece ao chegar a Laxe para o baño final... que máis se pode pedir? Home, xa postos... un pincho de tortilla polo camiño! Pois meu dito meu feito. En Soesto apareceu o servicio de 'catering' (léase  directora/secretaria) para cumprir colmadamente os nosos desexos. 
E que gusto daba vervos a todos/as en marcha (incluso aos que non se deixan fotografar!). Un ano máis queremos agradecerlle a Javier a organización do día e as 'pateadas' previas comprobando tempos e camiños.
Só queda desexarnos a todos que esta 'boa marcha' nos dure todo o curso. Que así sexa!