15.2.12

CARTAS PREMIADAS
Xa temos preparadas as cartas que resultaron premiadas no certame de onte. Xa veredes como non mentía cando dixen que ademais dos talentos musicais habiaos literarios.
Desta volta non houbo máis que un atrevido/a que escribira nun idioma estranxeiro. Fallaronme os de inglés!! Como somos discretos, deixamos os textos firmados co pseudónimo...
Este ano, curiosamente, o xurado tivo serios problemas para otorgar os premios do segundo ciclo. E foi unha pena ter que deixar desertos premios no primeiro ciclo, que case sempre se distingue pola alta participación. Pero seguro que outro ano se compensará cunha participación masiva.
Aquí tedes os textos:

14.2.12

PALABRA NAMORADA 2012
 Este ano, as palabras namoradas do noso Insti tomaron camiños novos: fíxeronse carta e fixéronse canción. Ademais os nosos carteiros do amor tamén tiveron traballo, aínda que seguro que en vindeiros anos han ter máis.
O que si está craro é que os talentos 'ocultos' (non tanto) do alumnado non deixan de sorprendernos. Non só os hai que escriben moi ben, e con moito sentimento, é que ademais cantan moi ben, (e algunha especialmente ben, verdade Laura?) como quedou demostrado hoxe. Sentímolo por Érica, que non poido cantar a súa canción (fallos da técnica, a pesar dos nosos esforzos, sorry so much!), e todos sabemos desde o festival anterior o ben que o fai.
Queredes que a próxima vez as cancións sexan adicadas?

9.2.12

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
UN GRANDE
E resulta que, como todos os grandes de verdade, é unha persoa encantadora, cercana, acolledora... que consegue que unha vídeo-conferencia se pareza máis ben a un encontro entre amigos no salón da casa. Fala e di as cousas, como nos seus libros, cunha claridade que fai que todo pareza fácil.
Acabamos de ler, no Club Arao de adultos, o seu libro "Non hai noite tan longa" (enlace): fácil de ler, clariño, que te leva suavemente pero con firmeza... e logo nos conta o traballo que lle levou: os apuntes, as notas biográficas, a documentación, os debuxos dos lugares, o primeiro proxecto, os sucesivos borradores... e o traballo de 'limpeza', de 'debullar' as palabras, as frases, de 'sacrificar' parágrafos, capítulos...Tes que lelo unha segunda vez (unha terceira, dentro dun tempo) para ver ese traballo, porque na primeira simplemente te deslizas polo texto con total suavidade. E aínda ten tempo de comentar a entrada no blog do noso club!
Grazas, Agustín, por este libro, por tantos outros e polos que veñan. Grazas por ser.


6.2.12

BICENTENARIO DE CHARLES DICKENS

Hoxe, 7 de febreiro, celébrase o bicentenario do nacemento de Charles Dickens. Charles Dickens, escritor inglés da época victoriana,  naceu o día 7 de febreiro de 1812 en Inglaterra. É un dos novelistas ingleses máis recoñecidos da literatura universal. As súas novelas e relatos foron moi coñecidos mentres estaba vivo o escritor e, na actualidade, estanse reeditando continuamente.
Na súa época (s. XIX) adoitaban   escribirse as novelas por entregas e el así o viña facendo. Cada nova entrega era esperada con entusiamo polos seus lectores.
Entre os seus relatos é moi coñecido Conto de Nadal. Aquí tedes un fragmento dunha animación sobre esta pequena novela.
Entre as súas novelas máis coñecidas: Oliver Twist, David Copperfield , A pequena Dorrit, Historia de dous cidades, Grandes esperanzas...


3.2.12

O BUZÓN DO AMOR
Achégase o día de San Valentín e, coma todos os anos, achégase Palabra Namorada. Este ano temos un buzón do amor no que podedes depositar as vosas cartas de amor (ou desamor). Tedes ata o día 10 para entregar as vosas misivas.
E si queredes que as cartas cheguen a un destinatario/a en concreto non tedes máis que avisalo na propia carta: indicádenos a quen queredes que se lle entregue e, o mesmo día 14, a nosa escuadra de "Carteiros do amor" fará entrega da mesma.
As bases tédelas na entrada da biblio, así como o buzón no que deixar as vosas cartas.

28.1.12

CONSTANCIA
Non sei por que sería, pero vendo este vídeo que aquí vos deixo, non puiden menos que acordarme dos meus alumno/as. Que mos recordaría?
Cantas veces lles falamos de que as cousas non sempre saen á primeira. Cantas veces insistimos na constancia no esforzo para chegar a conseguir algo a pesar das dificultades e dos erros cometidos no camiño. As cousas boas requiren esforzo, e a constancia ten o seu premio, seguro que mellor que o do porquiño do vídeo:

22.1.12

CONVERSAS NA BIBLIO

Xa sabiamos que os alumnos/as do Club de Lectura deste centro non andaban moi ben da cabeza (A quen se lle ocorre andar a ler libros!??) pero é que ultimamente xa empeza a cousa a ser preocupante: dáselles por afirmar que os libros falan entre eles cando non os vemos, e que incluso están preocupados pola forma de actuar dos lectores. Eu non cría nada disto, pero eles din que deixaron unha cámara oculta e que gravaron o que aquí vedes. Cada un que saque as súas conclusións:

10.1.12

Celso Emilio Ferreiro
Isaac Díaz Pardo
DÚAS FIGURAS  SENLLEIRAS
Estes días de atrás cadraron dúas datas moi importantes para o noso país. Dunha banda tivemos a centenario do nacemento dun dos máis grandes poetas das nosas letras: Celso Emilio Ferreiro, que non só escribiu sobre temas sociais, senón que fixo algunha da máis sentida poesía amorosa da nosa lingua.
Doutra banda abandonounos Isaac Díaz Pardo, un dos últimos pensadores galeguistas, intelectual, artista, creador... Aquí podedes ver un traballo sobre a súa persoa que elaborou o equipo de biblioteca do IES de Elviña. E tamén podedes velo a el mesmo neste vídeo:

26.12.11

EXPLOSIÓN DE TALENTO
Neste festival de fin de ano no noso insti descubrimos, ou máis ben, deixáronse ver por fin, unha chea de talentos do máis diverso. Sabiamos xa de habilidades en danza e coreografía e tamén tiñamos experiencias estupendas en teatro, tanto de alumnos como de profes. Pero do musical tiñamos poucas mostras nos festivais, a pesar de ter incluso un disco gravado! Só nos deixaban ver unhas pingas en momentos dispersos. Neste festival por fin asistimos a unha maior concentración de músicos e cantantes. De sempre os profes de música (case todos) animaron o "cotarro" (un recordo para Almudena) e Charo non ía ser menos. Esperemos que estes talentos nos sigan deleitando en moitas outras ocasións.
O vídeo do festival é moi longo para colgalo enteiro, aquí vos quedan un par de mostras. Terédelo a disposición na biblio, onde o iremos vendo nos recreos, e quedará permanentemente no Canal Vilán, vale?
A diasfrutar das vacacións!

16.12.11

LIBROS PARA O NADAL
Hai xa uns días que tedes á vosa disposición a selección de libros, cómics e pelis que recomendamos desde a biblioteca. Aquí debaixo tedes as recomendacións en formato dixital para que poidades picar enriba de cada libro e ter algo máis de información sobre cada un deles.
Sabedes tamén que as nosas recomendacións non son as únicas posibilidades que tedes. Podedes escollar calquera dos fondos que hai nas estanterías, incluídas as novidades máis recentes.
Unha boa tarde de frío e choiva, unha lareira (ou no seu defecto, unha boa calefacción ) e un bo libro... quen da máis??

13.12.11

VISITA CIENTÍFICA

            O pasado venres 18 de novembro, os alumnos e alumnas de 4º de ESO, coñeceron o Instituto de Ciencias Forenses "Luis Concheiro", ubicado na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, á fronte do cal se atopa o prestixioso xenetista galego Ángel Carracedo Álvarez.
Os rapaces e rapazas recibiron unha charla sobre a importancia da proba de ADN na casuística forense, e sobre o traballo que neste centro se leva a cabo. Ademais, durante a visita guiada polos laboratorios do instituto, achegóuselles ao "día a día" dun equipo de investigación punteiro.
            A saída completouse co CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), conseguindo así a interdisciplinariedade da mesma, implicando ao alumnado de Bioloxía e Tecnoloxía.
Seguro que, dentro duns anos, os alumnos e alumnas do insti do futuro irán de visita a algún centro experimental de alto nivel que estará dirixido por algún dos alumnos de hoxe. Quen será?

Científicos de visita on PhotoPeach

11.12.11


DÍA DOS DEREITOS HUMANOS
63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

8.12.11

HOMENAXE MERECIDA

O pasado sábado, durante o descanso do partido, o Club de Balonmán Boya, de Camariñas, tivo a feliz idea de homenaxear ao noso Javier. Non estamos afeitos a que se recoñeza publicamente o noso traballo e foi, para todos nós, unha alegría que alguén recoñecese o labor realizado por Javier durante todos estes anos.
Estou certamente seguro, e penso que non son o único, que o deporte neste concello non sería igual sen a súa presenza, esforzo e constancia. Desde logo, eu non sería igual!
Desde aqueles primeiros anos cambiaron moitas cousas, pero sempre quedarán na memoria as Festas da bicicleta, os equipos de deporte escolar, as primeiras clases de vela, as carreiras de campo a través, o descenso do río en piragua, as clases de esgrima, de escalada, de... Non, rapaz, ideas nunca che faltaron!

30.11.11

UNHA VIAXE MUSICAL POR EUROPA
Hai uns días tivemos a sorte e o pracer (grazas Charo), de escoitar un trío de música clásica do máis ameno e variado. Non só tocaban ben, ademais aprendemos moitas cousas sobre os países, os compositores e as diferentes épocas e estilos musicais europeos.
Presentado polo noso antigo coñecido Serafín Marcos, que tocou a guitarra clásica, o programa contou coa actuación de Dalibor Sebestik ao violoncelo e de Lucía Bustabad ao piano. Leváronnos de viaxe por diferentes países de Europa, ao tempo que aprendiamos sobre estilos e compositores e tamén, por que non, as súas anécdotas. Alguén pensara algunha vez que unha pinga de auga podía inspirar unha composición musical? Eu tampouco.
Quedamos á espera doutras actuacións... da man do noso virtuoso alumnado!