21.1.15

TEMPO DE POEMAS
Esta tarde tivemos tempo para a poesía. Tivemos tempo para a charla, tempo para o intercambio, tempo para opinar, para diferir, para acordar, para os sentimentos, para os sentidos.
Foi un pracer ter conosco, co Club Arao, a Juan Besada e o seu xeito de mirar a vida, de mirar as persoas, co seu ir, co seu pararse, co seu dicir e escoitar e o seu volver de novo, para non perderse nada, para non pasar páxina antes de ter disfrutado de cada momento, de cada sensación.
Poesía de proximidade, carnal, etérea. Na que identificarte, que te identifica. Mundos paralelos que, non obstante, te explican. Literatura.
 Grazas, Juan, e grazas aos membros do club que sempre conseguen sorprenderme, a pesar do tempo compartido, coa súa sensibilidade e a súa capacidade de acollida. O dito: un pracer.

18.1.15

MY ENGLISH FRIENDS
Alá fomos, buscar aos nosos amigos ingleses. Atopámolos en Santiago, nun escenario teatral. E polo que me contan parece que o persoal pasouno ben e ademais, sorpresa, moita xente entendeu moito do que alí se falaba.
A verdade é que hai que felicitar ao alumnado que nos acompañou, que demostraron unha vez máis que saben comportarse (cando queren) como debe ser e sempre mellor que outros centros que por alí andan. Tamén hai que agradecerllo aos "pastores" do "rabaño de cabras" (éramos máis de cen!!) que se brindaron a acompañarnos. O único que nos sobrou foi algo de chuvia, que a collemos toda. Non podía faltar a comida e as compras, como non, no centro comercial. Habería vida antes dos centros comerciais!! Eu teño as miñas dúbidas! As fotos, ao completo, xa sabedes onde.