8.12.14

... E O MES DO DEPORTE
Logo das Ciencias e das Artes tocáballe o turno ao deporte, que xa se sabe que non hai mente sana se non hai un corpo sano que a sosteña. Así que, como outros anos, alá nos fomos, a Cee, a darlle voltas ao campo de fútbol, todo primeiro (case) e todo segundo (case) en dous autobuses con destino ás medallas, que algunha caeu.
Santa paciencia a de Bruno repartindo dorsais, que algúns pensaban que os árbitros xa os ían recoñecer polo famosos que son na redonda... Coma sempre, as imaxes podedes collelas, estas e outras, nos ordenatas da biblio.
...CHEGA O MES DAS ARTES...
Efectivamente, logo do mes da Ciencia tócalle ao mes das Artes, especialmente a Música, a 7º arte, o cine, e á 9ª, o cómic. Empezamos cos Araos de 3º e 4º co visionado de  "Bajo la misma estrella", e continuando coa lectura de "La Ola" en formato cómic (que logo veremos en película).  Pouco despois fomos a Coruña, a escoitar un concerto da Sinfónica no que, aínda que pareza mentira, algúns disfrutaron bastante e ninguén saiu ferido. Ademais, mentres, os Araos Adultos tamén foron ao cine a ver a versión cinematográfica de "A esmorga", libro que lemos o ano pasado. De novo os de 3º-4º volven ao cine, desta volta en sala grande, para ver a primeira parte de "Sinsajo", xa que lemos e vimos o comenzo da saga tamén o curso pasado. Como vedes un mes completiño, e aínda nos queda algún que outro 'evento' importante no mesmo mes...

7.12.14

LOGO DO MES DA CIENCIA EN GALEGO...
Primeiro foi o mes da Ciencia en Galego, novembro, que parece que algúns aínda pensan que en galego non se fai ciencia! Pois tivemos unha boa mostra de ciencia do máis variado, con temática de practicamente todas as materias "científicas" do centro. E poño "científicas" entre comiñas porque penso que xa somos moitos os que cremos que todo forma parte dalgunha ciencia e que a división "clásica" entre Ciencias e Letras está quedando obsoleta. Estaremos voltando aos valores do Renacimento?