29.6.11

UNHA DESPEDIDA MOI SENTIDA

Este curso que acaba ten un sentimento especial, moi especial, entre a alegría e a tristeza. Alegría porque queremos desexarlle a Auri o mellor, e porque queremos celebrar con ela todos estes anos de traballo, de dedicación, de saber estar en cada momento, sobre todo nos difíciles, de aprendizaxe, en fin, para tantos de nós, que fumos sabendo que era isto do ensino seguindo os seus pasos.

E estamos tristes porque quedamos, dalgún xeito, orfos. O instituto perde unha gran profesional. Na biblioteca perdemos, ademáis, un dos pilares máis sólidos que tivemos en todos estes anos de funcionamento, primeiro co apoio desde a dirección (anos duros, de crear un ‘instituto’ onde só había un local valeiro) e logo como colaboradora imprescindible e incansable. Sempre disposta a botar unha man, sempre aí cando se lle necesitaba, sacando traballo adiante, en tantas cousas que as veces non se ven desde fora, pero que son as que facilitan que todo funcione.

Podería dicir moitas cousas sobre estes anos, pero ela mesma o di mellor do que podería decilo eu. Estas palabras son súas:

Eran outros tempos, outro século… Hai desto uns corenta anos, tiña 19 anos recén cumpridos. Convenientemente instruída por miña nai, unha excelente mestra, empecei a traballar en Santa Mariña (Camariñas)… Quixera que puidésedes imaxinar aquela escola pechando os ollos. Sobre a corte duns burros (creo que eran 3), nuns bancos corridos, sen respaldo, 75 nenos e nenas mirábanme con curiosidade esperando aprender. Non había televisión e non coñecían a maioría das cousas máis sinxelas que poidades imaxinar… Lémbro o meu primeiro día de clase, con todos aqueles nenos e nenas louros, cos ollos ben abertos, tan asustados coma min. Supoño que lles ensinei algo…, eu aprendín moito con eles. Para min o seu mundo era totalmente alleo, non comprendía nin tan sequera o que falaban (galego), dicían palabras coma caluga, rebuldar, preguiceiro… que eu nunca antes escoitara.

Fun cambiando de destino e seguín aprendendo cos meus alumnos: Ortigueira, Mugardos... e co meu SEAT 600 crucei toda España para chegar ata El Campillo na provincia de Huelva. Acabei volvendo por azar ao principio da miña andaina, no concurso de traslados déronme A Ponte do Porto (ano 1978) e aquí quedeime.

Percorrín as diferentes etapas educativas: infantil, primaria, secundaria e fun coñecendo as innumerables reformas educativas.

Para min o traballo foise convertendo nunha das partes máis importantes da miña vida. Aprendín, xunto cos meus compañeiros, a sacarlle partido a todo o que ocorría arredor da escola… Fun collendo confianza e seguridade e cheguei a disfrutar de traballar en liberdade, con seguridade do que se debe facer o o que non se debe facer nunha clase, e coa liberdade tamén chegou a alegría de vivir unha aventura cos rapaces, de abrirlles portas, de serlles útil, de ... Non acabaría nunca de dicir todo o que os meus alumnos e alumnas me aportaron, a cantidade de cousas que aprendín con todos e cada un eles! O mellor é que aínda hoxe, cada día, aprendo algo novo e teño a ilusión de que tamén eles aprenden comigo.

Voume satisfeita do traballo realizado. Espero que todos vós disfrutedes tanto dun traballo tan fermoso. Prometo non deixarvos de todo e pasar de cando en vez polo instituto, aínda que sei que cada vez me resultará máis difícil.

Querida Auri, disfruta da túa nova vida, pero non nos abandones de todo, aínda te necesitamos. Aínda te necesito. Un bico.