16.12.11

LIBROS PARA O NADAL
Hai xa uns días que tedes á vosa disposición a selección de libros, cómics e pelis que recomendamos desde a biblioteca. Aquí debaixo tedes as recomendacións en formato dixital para que poidades picar enriba de cada libro e ter algo máis de información sobre cada un deles.
Sabedes tamén que as nosas recomendacións non son as únicas posibilidades que tedes. Podedes escollar calquera dos fondos que hai nas estanterías, incluídas as novidades máis recentes.
Unha boa tarde de frío e choiva, unha lareira (ou no seu defecto, unha boa calefacción ) e un bo libro... quen da máis??

13.12.11

VISITA CIENTÍFICA

            O pasado venres 18 de novembro, os alumnos e alumnas de 4º de ESO, coñeceron o Instituto de Ciencias Forenses "Luis Concheiro", ubicado na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, á fronte do cal se atopa o prestixioso xenetista galego Ángel Carracedo Álvarez.
Os rapaces e rapazas recibiron unha charla sobre a importancia da proba de ADN na casuística forense, e sobre o traballo que neste centro se leva a cabo. Ademais, durante a visita guiada polos laboratorios do instituto, achegóuselles ao "día a día" dun equipo de investigación punteiro.
            A saída completouse co CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), conseguindo así a interdisciplinariedade da mesma, implicando ao alumnado de Bioloxía e Tecnoloxía.
Seguro que, dentro duns anos, os alumnos e alumnas do insti do futuro irán de visita a algún centro experimental de alto nivel que estará dirixido por algún dos alumnos de hoxe. Quen será?

Científicos de visita on PhotoPeach

11.12.11


DÍA DOS DEREITOS HUMANOS
63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)