Neste tempo de magostos e Samaín, o noso alumnado e profesorado implicáronse moito para facer dos últimos días de outubro toda unha celebración.
O alumnado do centro traballou para decorar a entrada con centos de morcegos e arañeiras... Outros déronlle forma ás cabazas que adornaron os chanzos da escaleira, mentres o equipo de voluntariado da biblioteca creaba o mural temático do Samaín. Desde a biblioteca, tamén sacamos de festa dúas mesas de libros con títulos en relación ao tema do terror, a etnografía e contos do extraño...
A xornada do 30 de novembro foi intensa e misturou un magosto a media tarde, un xogo de pistas polo interior do instituto, e un tempo para a caracterización como personaxe de medo. A velada continuou cunha cea nese espazo tan ben decorado nos días previos, con mesa corrida á lus do candil e ambientación musical.
Logo chegou o momento das contadas onde varios alumnos, narraron historias inventadas ou rescatadas da tradición para o resto de asistentes. A biblioteca foi un espazo ideal para esta actividade e máis para a proxección do filme "Coco", que aborda a temática da morte desde a emotividade e as relacións humanas.
Á media noite, despois de sustos, berros e sorpresas variadas, chegou o momento de retirármonos dereitiños ás casas...
As imaxes dan boa conta do traballo realizado desde os equipos de Actividades Extraescolares e Biblioteca, Titorías da ESO e Dpto. de Ed. Física:
Galería de Fotos
Grazas a todos e todas pola vosa participación! Pasámolo de medo!