O IESP Pedra da Aguia acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”, convocado pola Agencia Española de Cooperación Internacional, que recoñece o labor desenvolvido arredor da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable impulsada pola ONU. De entre os seus obxectivos, o alumnado escolleu a Igualdade e a desigualdade de xénero para traballar ao longo de seis meses desde o Plan Proxecta O Mundo que Queremos, que convoca a Consellería de Educación.
Foi tempo de experiencias con diversos medios de creación e comunicación como o audiovisual, o teatro, a radio, a cartelería, a escrita creativa... impulsadas de xeito interdisciplinar desde os departamentos de Lingua Castelá e Ciencias Sociais, coordinadas desde a Biblioteca Escolar, e co apoio de todo o centro. O resultado foi un proceso de aprendizaxe enriquecido polos traballos do alumnado en prol da igualdade social e de xénero nas súas múltiples facetas e concretado nunha mostra final o pasado maio, na que deron a coñecer a toda a comunidade educativa as conclusións e reflexións dos seus traballos.
Con este recoñecemento o IESP Pedra da Aguia terá a súa experiencia de boas prácticas educativas publicada xunto coas outras quince seleccionadas a nivel estatal, e todas serán obxecto de divulgación durante unha estadía en Xordania, onde o profesorado responsable deste programa poderá coñecer de primeira man os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que a AECID ten radicados nese país.
Ler máis en Que pasa na Costa, La Voz de Galicia ou en El Correo Gallego.