22.11.07

As letras están de loito

Abandonounos Fernando Fernán Gómez e as letras deste país quedan tristes. Marchou un dos grandes, dos máis grandes. Fixo ben practicamente todo aquelo no que se embarcou: escritor, autor e director de teatro, actor, director de cine...
Todos os compañeiros de profesión están de acordo en que foi o mestre de moitos, e o seu labor foi recoñecido con moitos premios, tanto literarios (ademais era membro da Real Academia) como teatrais e cinematográficos. Moito mérito tiña este home que se consideraba un simple 'cómico', que é como se denominaba antes aos actores.

Podes ver algunhas das súas películas na colección da nosa biblioteca. Se queres saber máis sobre el pica na foto e no seu nome.


18.11.07

MAN de Camelle
Celebrouse en Camelle, na súa casa, un encontro sobre a figura de Man, o alemán de Camelle. Parece que agora, logo da súa triste despedida, comezamos a comprender e valorar a súa obra. Man era, como alguén explicou no Encontro, un dos artistas máis radicais da segunda mitade do século XX, encadrado (se é posible encadralo) na tendencia denominada Land Art. Pero no caso de Man levado ao extremo, de xeito que se confunden a súa obra e a súa propia vida. A súa vida foi a súa obra.
Un recordo para Man
E para a organización en xeral, felicitacións, que foi un traballo grande e ben feito, a pesar de que o espazo era máis un inconveniente que unha axuda. Para Ana, a bibliotecaria, felicitacións dobres, polo traballo e polos premios ó labor da biblioteca de Camariñas.
Que ocasións coma estas sirvan, tamén, para recordarnos que vivimos nun entorno privilexiado que non merece que o enchan de cemento!
(Se non podes ver as fotos pica aquí)