31.10.09

MEDO ME DEU!
Que medo pasei este venres, na biblio, durante a entrega de premios dos micro-relatos e de ilustración!!
Menos mal que logo entregamos os premios do concurso de cabazas e xa a cousa foi algo máis tranquila.
A verdade é que temos que felicitar ao alumnado de 1º ciclo, que tivo unha moi boa participación, en cantidade e, sobre todo, en calidade. Tanto foi así que o xurado tivo auténticos problemas para decidir a cal outorgarlle o premio. Finalmente, e dada a case nula participación do alumnado de 2º ciclo, (para desesperación do bibliotecario) decidiron repartir dous premios, en lugar dun, tanto para os contos en castelán como en galego.
Esperemos que os que tan ben o veñen facendo neste curso continúen así en anos sucesivos.
Os traballos premiados podedes velos no Recanto Literario, e unha mostra das cabazas e pantasmas, neste vídeo. En Pedras do Vilán podedes ver unha entrevista coas gañadoras do concurso de cabazas. (As fotos na biblio, para quen queira copialas)

De Películas

25.10.09

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
Non foi mal xeito de celebrar o día das Biblios Escolares! Máis de mil (si, si, liches ben: máis de mil) profesores/as, encargados e colaboradores das Bibliotecas Escolares de toda Galicia, xuntámonos en Santiago a tarde do venres e todo o sábado, para escoitar aos mellores especialistas, e para escoitarnos entre nós, falando de algo que tanto nos gusta e que tan importante nos parece; cada vez máis!
Hai que seguir mellorando e, sobre todo, hai que seguir poñendo ao alcance do alumnado, profesorado e familias, os mellores recursos cos que contemos para axudar a aprobar, si, pero sobre todo para axudar a que cada un, cada unha, chegue a ser a mellor persoa posible.
Grazas, coma sempre, a Cristina e Pilar, da Asesoría de Bibliotecas, pola organización exquisita, e por todo o traballo inmenso que veñen facendo dende hai anos.
Aquí podedes ver algo do ambiente que alí había: