22.4.24

Conmemoración Día do Libro- Tertulia no recreo

 O próximo venres día 26 no 2º recreo celebramos o Día do Libro ao redor de Heartstopper a través dunha tertulia entre o alumnado máis afeccionado.

Non perdas a oportunidade de compartir as túas impresións sobre o último volume e a colección ao completo e aproveita para intercambiar recomendacións lectoras.


Apúntate!




22.3.24

Recital poético e entrega de premios do concurso de poesía

 No IES Pedra da Aguia celebramos o Día da Poesía e da Árbore por todo o alto.

A xornada comezou cun recital poético e musical no cal alumnos e alumnas de todos os cursos declamaron poemas de composición propia acompañados polo profesor de Música coa guitarra.

Todo o alumnado de 1º da ESO contribiu á mellora da contorna do instituto coa plantación de 16 árbores de especies autóctonas (carballo, faia, freixo e capudre). 

Tamén se entregaron os premios do concurso de poemas sobre natureza que foron para os seguintes alumnos e alumnas:

- Na categoría 1º e 2º ESO: o primeiro premio foi para Karla Ageitos de 2º A e o segundo, para Xana Martínez de 2º B.

- Na categoría 3º e 4º ESO: o primeiro premio foi para Aaron Suárez de 4º PDC e o segundo, para Ainhoa Castro de 3º B.

Parabéns aos premiados e moitas grazas a todos e a todas os que participastes nas actividades dun día tan especial. Máis fotos nos arquivos adxuntos!





18.3.24

Día da Poesía e Día da Árbore

 Celebra coa Biblio o Día da Poesía e das Árbores o vindeiro xoves, 21 de marzo. Temos preparada unha conmemoración que xunta lírica e ecoloxía para festexar a data ao longo de toda a mañá.

Comezaremos no primeiro recreo cun recital lírico e musical na Biblio a cargo dos nosos poetas voluntarios. Tamén se entregarán os premios do concurso de poemas na categoría de 1º e 2º da ESO.

Deseguido, o alumnado de 1º ESO realizará a plantación de varias árbores autóctonas coa axuda dunha brigada forestal.

E remataremos no segundo recreo coa continuación do recital poético e a entrega dos premios correspondentes á categoría de 3º e 4º ESO.

Non perdas a oportunidade de celebrar un día tan fermoso e desfruta de todas as actividades que temos previstas para ti!




13.3.24

Primeiros encontros do Torneo de Xadrez 2024

 Nestas semanas de marzo, estase disputando a liguilla de grupos para coñecer que dous xogadores de cada grupo pasarán a cuartos de final á volta de Semana Santa.

Está sendo un torneo moi emocionante acompasado polo tik-tak do reloxo.







28.2.24

Maleta viaxeira cargada de seres vivos

 O alumnado de 1ºESO aproveitou, na materia de Bioloxía, os recursos proporcionados polo CEIDA.


Desta vez, a maleta viaxeira viña cargada de exemplares de guías de campo e o alumnado comezou a familiarizarse con este recurso.

Aquí deixamos algunha imaxes da actividade que se desenvolveu na Biblioteca.







6.2.24

Obradoiro de ilustración co alumnado de 1ºESO do Club de Lectura

 O luns, día 5 de febreiro, celebramos o Día da Ilustración cun encontro na Biblio coa autora coruñesa Xulia Pisón.



Ao encontro asistiu o alumnado de 1º da ESO pertencente ao Club de Lectura e tiveron a oportunidade de descubrir os segredos de como foi creado o libro que leron, "Microalgas". 




O obradoiro foi eminentemente práctico e os asistentes usaron os seus lapis e pinturas de cores para aprender unha morea de trucos sobre como se debuxan as personaxes dos cómics e das películas de animación. 

Ademais de achegarse ao mundo da ilustración e da creación artística, o alumnado pasou unha boa mañá na compaña de Xulia Pisón. 







30.1.24

Día da Ilustración_ Encontro con Xulia Pisón

 Cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data nacemento de Castelao, celebramos o Día da Ilustración.  

Dende a Biblioteca unirémonos a esta conmemoración cun encontro coa ilustradora Xulia Pisón que se celebrará o vindeiro luns, 5 de febreiro.

No encontro, que consistirá nun obradoiro de ilustración, participarán os alumnos e alumnas de 1º e 2º ESO que sexan membros do Club de Lectura, posto que xa leron e coñecen o libro "Microalgas", obra da autora que nos visita.

Xulia Pisón é unha ilustradora e debuxante de cómics coruñesa que ten publicados numerosos libros para público infantil e xuvenil. 




11.1.24

Apúntate ao torneo de xadrez

 Xa está convocado o gran torneo de xadrez anual do IES Pedra da Aguia!

Se a túa paixón é este deporte mental e te queres sentir coma un auténtico mestre de xadrez, apúntate XA na ficha de inscrición que está no taboleiro da entrada da Biblio.

Anima as túas amizades e aproveita para facerlle "xaque mate" á rutina e á monotonía. Agardamos por ti!




8.1.24

Hora de Ler 2ª avaliación

Despois da parada do mes de decembro, retomamos a hora de ler na segunda avaliación. 

Comezaremos o martes, día 9 de xaneiro, na cuarta sesión e remataremos o 28 de febreiro. 


Non esquezas o teu libro favorito e goza desta oportunidade de mergullarte na lectura!!