24.11.06

Estamos abertos!!

Dende hai xa unhas semanas temos a biblioteca aberta os xoves pola tarde, de catro a seis, para que poidades vir a traballar nela, a ler, a facer deberes, levar libros... Alí atoparedes a Berta, que atende o servizo de préstamos.
Cando pensamos en abrir pola tarde, polo menos unha vez por semana, coa axuda do Concello, foi pensando no alumnado do instituto e nos ex-alumnos, pero tamén nos pais e nais e do público en xeral. Sería unha mágoa que teñamos unha biblioteca, aínda que sexa pequena, e que a xente non puidera utilizala.
Os servizos que presta a biblioteca están á vosa disposición, usádeos!! E animade aos vosos familiares a facelo tamén.
Semana das Ciencias

Os de primeiro e segundo nivel foron hai pouco a Santiago a ver teatro en inglés (e aprenderon mogollón) e tamén fomos ver o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago. Aquí podes ver a visita.

Por iso na entrada da biblioteca podedes ver unha pequena mostra dos materiais que tedes na biblio con referencia a este tema. Como podedes ver o material é 'tocable' e de paso querémosvos lembrar que este tipo de materiais tamén os podedes levar en préstamo, aínda que algúns días menos que se foran libros de ficción. O que non podedes sacar da biblioteca son os dicionarios e enciclopedias, porque poden facer falta en calquera momento.

20.11.06



Aprendendo a usar a Biblioteca




Estes días os de primeiro, como cada curso, andan pola biblioteca adiante a facer uns traballiños para saber moverse por ela. Xa sabemos que non é unha biblioteca moi grande, pero están aprendendo como está organizada e como atopar aquilo que necesitan para os traballos que lles manden os pesados dos profes ou, simplemente, porque lles apetece ler algo do que aquí temos. Andan trasteando coa famosa CDU; e os demais? Lembrades o que indicaba cada número?
Podes velos neste album.

19.11.06

Un 'Blog' ou 'web log', como se lle chamaba nun principio, é unha especie de diario, ao xeito dos 'cadernos de bitácora' dos barcos, onde o Capitán anotaba as incidencias importantes que ían sucedendo mentres navegaba.
Aquí, nos blogs, o Capitán, (neste caso o editor do blog) vai deixando ver as súas inquedanzas, ou simplemente mostrando aquilo que lle interesa e tamén recollendo opinións que os demais, navegantes da rede, poden deixar cando len o que o blogger escribiu.

No noso caso temos este blog para informar de aqueles acontecementos que teñan relación coa biblioteca, as súas novidades, as actividades previstas, etc.

Hai un blog paralelo -tes o enlace na columna da dereita- chamado
¡Alerta Lectores! onde podes ir anotando as túas impresións sobre os libros que alí vaian aparecendo. Anímate, verás como entre todos/as podemos ir sacando isto adiante. Tamén podes mandar as túas suxerencias a este enderezo de correo