17.11.12

UNHA SEMANA ATRÁS
IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
Non está mal poñer aquí unha nota sobre as Xornadas de Bibliotecas celebradas en Santiago hai xusto unha semana. E digo que non está mal poñelo hoxe porque hai uns días este blog estaba en folga.
Explícome: está ben que se saiba que o venres pasado, logo de traballar pola mañá, dous profesores do centro (graciñas Rosana, por asistir) marcharon a Santiago, coa comida na boca, para comenzar as xornadas ás 4:30 e saír a eso das 8 da tarde. Na mañá do sábado comenzaron de novo ás 10 e saíron outra vez pasadas as 8. Eso mesmo fixérono algo máis de 1100 profesores e profesoras de toda Galicia, Por suposto sen cobrar un peso, facendo quilómetros con coche propio e pagándose do seu peto o hotel e as comidas.
Certo que algúns non pagamos, xustamente porque nos invitaron a contarlles aos demais a experiencia nacida na nosa biblioteca chamada "Cine para falar" e, xa de paso, falar tamén do "Grupo de Encontro e Debate" que xa son cousas inseparables. Invitación que nos honra e que agradecemos polo recoñecemento que supón ao traballo feito.
E quero dicir esto nestes intres, nos que tanto se fala dos funcionarios, de que o único que nos interesa é a paga de Nadal que non cobraremos e de se temos que traballar máis horas, sen pararse a pensar que menos profesores quere dicir peor atención aos rapaces, por moito que nolo queiran vender envolto en papeis de cores. E tamén quero dicilo, como non, antes de que nos caiga enriba a nova lei de educación(?), que ás veces un pensa mal e resulta que é meigo.
Non é o momento de que me estenda aquí sobre a calidade das xornadas e o que supoñen sempre de aprendizaxe, de innovación, de motivación, que daría tema para un blog completo. A gran pregunta é: seguirán existindo moito tempo??