E chegou o Entroido! A festa onde todas as apariencias son posibles, os
doces teñen forma de orellas, flores e filloas e, a música e o humor o invaden
todo. O noso instituto non queda á marxe desta celebración tradicional e o
pasado venres, 21 foi o día grande logo de tres semanas de preparativos. Pasalo
ben e convivir ao longo dunha xornada atípica non era o único obxectivo. O noso
propósito foi usar o Entroido como un pequeniño proxecto interdisciplinar
impulsado desde as titorías do centro e coordinado desde a Biblioteca Escolar.
O noso tema foi a macedonia… e non foi escollido de xeito casual. Quixemos
usar esta ensalada de froitas como pretexto para falarmos da diversidade e da
inclusión, temas de varios programas educativos que se están a desenvolver
neste curso e nos que participa a Biblioteca Escolar. Semana a semana o alumnado procurou información sobre a froita que
lle tocou á súa titoría, deseñarou o seu disfraz, elaborou unha pancarta
explicativa con informacións de distintas áreas (Bioloxía, Xeografía, Historia,
Linguas…) e montou a súa actuación que consistiu en coreografías, monólogos,
cancións ou relatos teatralizados. A colaboración dos departamentos de Música, Ed.
Física, e por suposto, dos titores e titoras, foi fundamental. O resultado foi
unha explosión de colorido ao longo da mañá, que culminou este proceso de case
un mes de traballo, onde procuramos facer valer a mensaxe de que a diversidade
fai que a mistura sexa máis saborosa!
E para ver o produto final que resultou no vistoso festival de Entroido, preme AQUÍ.