2.3.20

Este Entroido 2020 celebramos a diversidade!

E chegou o Entroido! A festa onde todas as apariencias son posibles, os doces teñen forma de orellas, flores e filloas e, a música e o humor o invaden todo. O noso instituto non queda á marxe desta celebración tradicional e o pasado venres, 21 foi o día grande logo de tres semanas de preparativos. Pasalo ben e convivir ao longo dunha xornada atípica non era o único obxectivo. O noso propósito foi usar o Entroido como un pequeniño proxecto interdisciplinar impulsado desde as titorías do centro e coordinado desde a Biblioteca Escolar.
O noso tema foi a macedonia… e non foi escollido de xeito casual. Quixemos usar esta ensalada de froitas como pretexto para falarmos da diversidade e da inclusión, temas de varios programas educativos que se están a desenvolver neste curso e nos que participa a Biblioteca Escolar. Semana a semana o alumnado procurou información sobre a froita que lle tocou á súa titoría, deseñarou o seu disfraz, elaborou unha pancarta explicativa con informacións de distintas áreas (Bioloxía, Xeografía, Historia, Linguas…) e montou a súa actuación que consistiu en coreografías, monólogos, cancións ou relatos teatralizados. A colaboración dos departamentos de Música, Ed. Física, e por suposto, dos titores e titoras, foi fundamental. O resultado foi unha explosión de colorido ao longo da mañá, que culminou este proceso de case un mes de traballo, onde procuramos facer valer a mensaxe de que a diversidade fai que a mistura sexa máis saborosa!


E para ver o produto final que resultou no vistoso festival de Entroido, preme AQUÍ.

No hay comentarios: