6.3.08



8 de marzo

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Andrea contoume o outro día que esperaba que súa nai e seu pai lle deixaran ir de excursión co seu curso ó rematar 4° de ESO, xa non a deixaran ir en Primaria a unha acampada. A seu irmán, que é un ano máis novo, déixano ir a todas as excursións.

Andrea queixábase tamén das horas de chegada a casa os fins de semana. Ela, sendo maior, non pode chegar despois das 10 da noite; en cambio seu irmán nunca chega antes das 11 e ninguén lle di nada. Un día Andrea chegou un pouco despois das 10 e os pais reñéronlle e castigárona sen saír. Ela non se puido conter e botoulles en cara que non a trataban igual que a seu irmán. Seus pais dixéronlle que debía comprender que ela era muller.
¿Que pensas desta situación e doutras similares?
Se picas aquí terás máis información sobre situacións reais en diferentes lugares do mundo.


4.3.08

Boletín 6
Xa tedes na biblioteca o novo número de Vilán, o boletín da biblio, onde podedes ver un resumo dos últimos actos que tiveron lugar na Biblio e no Instituto. Desta volta non publicamos no boletín os premios gañadores do certame "Palabra Namorada" porque, sendo cartas, eran máis longos que os poemas de anos anteriores e, ademáis, podedes lelos completos no apartado do Recanto Literario deste blog.
Agora só falta esperar que o primo-irmán deste boletín, "O Rexubeiro", vexa pronto a luz cun novo número. Animádevos a escribir algo, do que vos guste, para que o equipo de redacción poda incluílo no seguinte número. Por certo, apetéceche ser redactor/a do rexubeiro?? Non tes máis que avisar na biblio. Anímate!!

3.3.08

Entrega de Premios
Xa rematamos o II Torneo Escaques 07/08. Foron dez longas e feroces batallas que deixaron a máis de un polo camiño. Os que chegaron ao final tiveron hoxe a súa recompensa: para todos e todas (na foto vedes a algúns) un recordo da participación en forma de camiseta co anagrama do torneo e, de propina, un videoxogo. O gañador final tivemos que decidilo tras dun desempate, xa que tanto Carlos como Álvaro chegaron ao remate do torneo con 9 puntos sobre 10 posibles!! Finalmente foi Carlos quen conseguiu o trofeo e o premio gordo: un xadrez electrónico de peto!
E como estabamos de premios repartimos tamén os de "Palabra Namorada", que os pobres gañadores/as xa estaban pensando que nos esqueceramos deles. Nada máis lonxe da realidade! O que ocorreu foi que eran uns regalos moi "tecnolóxicos" (que o namoramento non está reñido coa técnica) e houbo que localizalos.
Podedes ver con máis detalle do que vos falo se picades na foto.