Estes días tivemos a sala de usos múltiples, e algún dos espazos exteriores do insti, cheíños de cousas interesantes: azucre que se converte en carbón, contas feitas ao estilo dos exipcios, ou dous maias, móbiles que se autodirixen seguindo unha liña marcada, peixes que nos deixan ver aos seus 'inquilinos', o luminol para detectar o sangue... Vaia, que nin os do CSI! Hai que agradecerlles aos profes o esforzo da organización e a preparación das diferentes probas. A mellor recompensa é saber que funcionou estupendamente. E ollo, porque ademais pode ser que o que aquí se viu sirva para unhas cantas preguntas do noso concurso "Sabías que...?" Faltan as semifinais, das que sairán tres equipos, e logo... A Gran Final, unha proba contrarreloxo. Atentos!
14.4.11
10.4.11
Este venres celebrouse en Santiago o Encontro das Bibliotecas Escolares de Galicia acollidas ao Plan de Mellora, do que xa sabedes que formamos parte. Este ano, ademais, tivemos a honra de expoñer o que aquí facemos en "Cine para falar" e no "Grupo de encontro e debate", que tivo moi boa acollida e polo que recibimos moitas felicitacións. Sempre é de agradecer que os demais valoren o que aquí se fai. Como cada ano, o nivel de organización (case catrocentas bibliotecas representadas) e de calidade dos ponentes foi excelente, aínda que as bibliotecas máis veteranas tivemos que conformarnos con asistir só o venres, e perdernos algunha exposición do máis interesante. Pero pagou a pena escoitar a Monica Baró e a Teresa Maña, dúas das maiores expertas en B. Escolares, e asistir ao peche das xornadas a cargo de Neira Vilas, o autor das "Memorias dun neno labrego" que tanto supuxeron para a literatura xuvenil en Galicia.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)