2.12.20

Certame de relato curto: día Internacional dos Dereitos Humanos 2020


Este mes de decembro dedicaremos boa parte do noso traballo a visibilizar a importancia dos Dereitos Humanos. Tomaremos como pretexto a celebración internacional no día 11, para tomar conciencia das desigualdades presentes no mundo actual e reflexionar sobre o papel da cidadanía no ámbito local e global.

Deste xeito, a proposta enmárcase tamén nunha liña de traballo desta biblioteca arredor dos ODS 2030, os Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable acordados pola ONU.

Neste sentido, unha das nosas actividades vai ser o Certame de Relato Curto aberto a todo o alumnado do centro, de 1º a 4º ESO, como unha oportunidade para promover a a creación literaria.


Esta será unha colaboración cos Departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá, que contará con dous premios para os mellores relatos.

Preme nas BASES para saberes máis!  


Envía o teu relato ao enderezo da Biblioteca Escolar: biblioteca.ies.pedradaaguia@gmail.com

POR CAUSA DA SITUACIÓN SANITARIA o prazo de entrega adíase ata o 22

 de decembro e o fallo do xurado ata o 8 de xaneiro!


Inauguramos as nosas Lecturas ao Vivo!

 

Neste curso 20-21 imos apostar por un novo formato de lectura co alumnado. Faremos lecturas en voz alta, compartidas e dirixidas. Isto, que non é nada novo en educación, é unha aposta por recuperarmos un espazo máis para a lectura vivida en comunidade. Chamámolo Lecturas ao Vivo e comeza como unha colaboración entre o departamento de Xeografía e Historia e a Biblioteca Escolar que aspiramos a espallar a outras áreas de coñecemento.

As lecturas programadas servirán para afondar en temas complementarios ás materias nun formato descontraído e participativo. Arrancamos desta volta con títulos como A revolta dos animais de G. Orwell, Nómades de Xosé Tomás, La vuelta al mundo de un forro polar rojo de Wolfang Korn e Soy un punto de Giancarlo Macrí e Carolina Zanotti.

As lecturas serán dirixidas pola profesora da materia durante as sesións de aula ao longo do curso. Deste xeito, traballaremos tamén os ODS 2030, os Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable, acordados pola ONU co obxectivo de promover unha educaión para a cidadanía global.

1.12.20

Outubro: lecturas contra a violencia

Remata o mes de outubro, un tempo para reflectirmos sobre a importancia da educación para facer frente á violencia, en calquera das súas expresións. Co 25N no horizonte, os clubs de lectura da nosa Biblioteca Escolar traballaron diferentes formas de violencia presentes na vida cotiá desde as relacións persoais no ámbito da escola, pasando polas relacións sentimentais na adolescencia ou a mesma trata de persoas que afecta a millóns de nenos, nenas e mulleres no mundo. É fácil posicionarse contra a violencia extrema, contra un asasinato… mais é nos estadios previos onde a educación pode facer a diferenza e contribuir para a súa erradicación.

As sesións de club de lectura xiraron arredor dos seguintes títulos: Unha estrela no vento de Ledicia Costas, As cousas claras de Neira Cruz e a Lección de August de R. J. Palacio

Velaquí a actividade do noso alumnado no blog do Club de Lectura Arao:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2020/10/la-leccion-de-august.html

https://clublecturaarao.blogspot.com/2020/11/as-cousas-claras.html

https://clublecturaarao.blogspot.com/2020/11/unha-estrela-no-vento.html