21.12.10

FELICES FESTAS
e FELIZ ANO
Xa chegamos a fin de ano! Comezamos as vacacións e a biblio despídese ata o ano que vén.

Queremos dersexarlles a todos e todas os que convivimos no centro unhas festas estupendas e que o ano que nace sexa mellor que o que se vai!

Pasádeo ben nas vacacións, disfrutade (cun bo libro nas mans aínda mellor) e descansade moito para chegar en xaneiro 'a tope'.
Para dar exemplo, aquí podedes ver como nos tomamos as vacacións os do equipo da biblio.
VÉMONOS!!

Personalize funny videos and birthday eCards at JibJab!
PLAY & WIN
Xa rematou o torneo de basket dos recreos. Tedes máis información e algunhas imaxes da final, coma sempre, en Pedras do Vilán. (Por certo, agora que non nos escoita ninguén: a alguén se lle ocurreu a idea de agradecerlle a Javier a organización do torneo e o feito de estar dispoñible para vós durante os recreos...?)

19.12.10


VILÁN, O NOSO BOLETÍN
Xa está nas mans dos asiduos á biblioteca o número 11 do boletín Vilán. Nel recollemos as novas que se produciron en relación coas actividades que realizamos ao longo destes meses desde o inicio do curso: os clubs de lectura, as mochilas viaxeiras, os microrrelatos do Samaín, as tarxetas vermellas contra a violencia de xénero...
Gustaríanos contar cun equipo de xornalistas que colaboraran connosco na redacción desta pequena publicación. Se houbera alguén interesad@ estariamos encantados. Animádevos a colaborar, é moi sinxelo, só se trata de recoller imaxes e información ao longo do curso. Poñédevos en contacto co equipo de biblioteca.
GUÍA DE LECTURAS - NADAL 2010
Desde este venres tedes a disposición na biblioteca a nova guía de lecturas, correspondente a este primeiro trimestre. Nós pensamos que vos poden gustar (hainas para todos os gustos). Procuramos que haxa suxestións de todos os tipos e para toda a familia: libros de aventuras, fantasía, misterio, terror, informativos, cómics, películas...
Moitos de vós, dos que pasades habitualmente pola biblio xa a leváchedes, pero aínda queda algunha; por certo, quedan poucas.
Nela atoparedes ideas para levar algún libro para ler nestas vacacións. Xa sabedes que en vacacións podedes levar máis de un título.
APURADE SE NON QUEREDES QUEDAR SEN ELA!
Boas vacacións e boas lecturas!

9.12.10

ARAOS 2.0
Xa levamos un tempiño funcionando co Club de Lectura Arao neste curso. Algunha xente é nova e outros xa son 'veteranos', e incluso contamos con algúns que non nos queren abandonar a pesar de que xa deixaron o 4º atrás.
Os máis atrevidos e atrevidas deixan aquí algunha reflexión sobre a lectura e o club. A ver que vos parece:

Arao 1 from Libraco on Vimeo.

1.12.10

A PESAR DO FRÍO
Non hai máis que ver as caras para saber o frío que facía onte en Cee. Pero o ambiente caldeouse rapidiño! Tan rapidiño como os/as nosos/as atletas, que tiveron que pedir prestada unha carretilla para cargar con todo o lote de medallas que conseguiron nas distintas categorías.
Hai información na Voz de Galicia, e tedes a crónica (feita por Michael e David) e as fotos no blog Pedras do Vilán.

28.11.10

NON AO MALTRATO
Xa temos as tarxetas coas vosas frases contra a violencia de xénero. Perdoádenos que algunha quedou polo camiño por un problema coa cámara. En calquera caso, todas contan, e podedes velas durante uns días na corcheira do corredor.
Hai que felicitar tamén a toda a xente que acudiu á homenaxe ás vitimas, celebrada en Camariñas o mesmo día, sempre esperando que nunca máis sexa necesario recordalas por este motivo.

25.11.10

TARXETA VERMELLA!
Moitas, moitas tarxetas vermellas víronse hoxe no Insti. Moita xente quixo paralle os pés aos maltratadores. Sumámonos así á campaña "Saca tarjeta roja al maltratador", incorporando a nosa foto. Quen quixo, ademais, deixounos unhas frases contra o maltrato que expresan con bastante claridade o que toda a xente de ben desexa: que nos respetemos todos como persoas!
Desde a biblio queremos agradecervos a todas e todos a participación no acto. Gústanos moito cando a xente responde así ás iniciativas que propoñemos.

24.11.10

25 de NOVEMBRO


DIA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.

" Si me matan...
Yo sacaré mis brazos de la tumba y seré mas fuerte"
(Minerva Mirabal)

Minerva Mirabal era unha das irmás chamadas "Mariposas". Elas son a razón de que a ONU elixira este día, o 25 de novembro, xa que foi o día que elas morreron asasinadas na República Dominicana por orde do ditador Trujillo.

Pasan os anos e seguen morrendo mulleres como consecuencia da violencia de xénero. Neste ano foron asasinadas moitas mulleres en España. O ano pasado (2009) morreron 56 e este ano, que aínda non rematou, xa superamos esta cifra. Se queres saber máis pica aquí.

23.11.10

TARXETA AO MALTRATADOR
Este xoves 25 é o día CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Temos que sacarlle a tarxeta vermella aos maltratadores, e expulsalos do xogo.
Este xoves, no recreo, faremos unha foto coa tarxeta vermella, colaborando coa campaña Saca tarjeta roja al maltratador, para mostrar que somos, primeiro de todo, persoas, e logo homes e mulleres.
Animádevos a escribir unha frase contra a violencia de xénero na vosa tarxeta. Temos que encher con elas os corredores do instituto!
Aquí tedes un vídeo sobre este tema, que ten o valor engadido de que foi realizado por adolescentes:

21.11.10

AS MOCHILAS VIAXEIRAS
Outro ano que comeza a viaxe destas 5 mochilas polas casas dos rapaces e rapazas de 1º de ESO. Despois tocaralles aos de 2º que algún xa anda a preguntar cando lle toca.
Este curso, coma o anterior, foron moitos os rapaces e rapazas de 1º que se anotaron para participar.
O venres día 5 de novembro fixeron a 1ª viaxe, e este venres pasado a 2ª. Agardamos que todas as familias se animen a facer comentarios sobre esta actividade nas libretas.
Algúns dos que xa as levaron a 1ª semana din que queren repetir a experiencia. Formidable!

17.11.10

ENTREGA PREMIOS
RELATOS DE MEDO

Por fin puidemos realizar o acto de entrega dos premios aos mellores micro-relatos de medo deste curso. Pagou a pena esperar, porque había un ambiente estupendo, en gran parte grazas á decoración da nosa 'graffitera' oficial, Aitana, e ao excelente público que enchía a biblio.
No blog do Recanto literario tedes os textos completos das gañadoras (si, todo mulleres, a ver se espabilamos, ehhh!). Aquí deixo un vídeo do que aconteceu, aínda que o deixo con gran tristura (e un pouco de medo, por se me queren dar un pao) porque fallou nos relatos de Isabel e de María. O de Clara escóitase pero vese mal. Os de 2º ciclo vense bastante ben. Será que os maiores teñen enchufe!

Que medo me dás!! 2010 from Libraco on Vimeo.

13.11.10

STEVENSON
Seguro que te tes fixado na imaxe que hai estes días ao lado da caixa de búsquedas de google. Pois é unha homenaxe a Robert Louis Stevenson, que por estes días cumpliría 160 anos.
Naceu en Escocia, viviu en Estados Unidos e acabou nas Illas dos Mares do Sur, que tanto lle gustaban, en Samoa. É un dos grandes escritores ingleses e seguro, seguro, que aínda que non lésedes nada del oíchedes falar da Illa do Tesouro e do pirata John o Largo. Na biblioteca do insti podedes atopar obras súas polo menos en tres idiomas, entre elas a mencionada Illa do Tesouro, de aventuras, e a novela de medo Dr. Jekyll e Mr. Hyde, por nomear dúas das novelas máis famosas, levadas ao cine nunha chea de ocasións.

10.11.10

OS ARAOS SAEN DO NIÑO
Hoxe puidemos, por fin, arrancar co Club de Lectura de Alumnos, os Araos pequenos. Xa ía sendo hora, que xa se queixaban que non hai dereito (e teñen razón) de que os Araos maiores xa tiveran dúas reunións e eles ningunha. Pero as cousas foron así, para os maiores tiñamos libro (o último que leran os pequenos o curso pasado) e o dos alumnos non daba chegado.
Pero chegou! Imos ler Poderosa, aínda que dúas alumnas que xa o leron (e que nos recomendaron o libro) lerán Poderosa 2. E os máis maiores lerán algo un pouco máis complexo: A cabeza de Medusa. A disfrutar!

9.11.10

PRIMEIRA SESIÓN
Onte na biblio celebramos a primeira sesión de "Cine para Falar". Xuntámonos un grupo grande de pais e nais, alumnos e profes. A biblio non daba para máis, sobre todo cando quixemos poñernos en círculo para poder vernos as caras.
Vimos unha comedia, "Ponte en mi lugar", que deu pé a falar sobre as diferentes visións do mundo que podemos ter adultos e adolescentes.
No seguinte trimestre teremos a segunda sesión, e xa houbo quen deixou preparada a última do ano decindo que habería que celebralo cunha merendiña! (no patio claro, xa sabedes que na biblio...nin se come nin se bebe).
Felicidades, e grazas, ás familias que quixeron vir a compartir esta experiencia con nós. Aquí tedes algunha foto da sesión.

7.11.10

QUE MEDO ME DAS 2010
Xa temos aquí os micro-relatos de medo deste ano. Esta vez a colleita foi boa: temos 30 relatos sanguentos para escoller. Ademais, este ano... tachánnn!!... podedes votar polos que máis vos gusten. Logo o xurado escollerá entre os máis votados.
Para lelos podedes ampliar a imaxe, e pulsar co rato para pasar páxina. Anota o títulos dos que che gustan. Na última páxina tedes o enlace coa enquisa.
Si xa os tedes lidos e queredes pasar directamente á votación podedes picar aquí.

4.11.10

VOLCÁNS SI, VENTO NON
Puidemos facer estoupar volcáns e xogar coa terminoloxía de Tecnoloxía, pero... pasamos sen papaventos. OOOOHHH!!!
Imos confiar en que o tempo 'empeore', só un pouquiño, e teñamos algo de brisa mañá, ou o luns, e que veña da dirección axeitada!
Así tamén tedes unha oporfunidade, os que deixáchedes o papaventos na casa, de traelo. A ver cantos podemos ter no aire ao mesmo tempo!

3.11.10

XORNADA POLA CIENCIA EN GALEGO
Mañá celébrase o Día da Ciencia en Galego, para que quede claro que todo canto se faga, se estude, se explique, se investigue, se publique... pódese facer en galego, pois parece que aínda andan por aí algúns que non o teñen claro, a estas alturas do século XXI!!
No noso Instituto queremos sumarnos a esta iniciativa, esperando que un día non moi lonxano non sexan necesarias xornadas así. Para celebralo hai varias actividades, desde páxinas web a volcáns e voo de papaventos.
Queredes ver o que din os científicos? Por certo que a algún, noviño el, deberiades recoñecelo, que é de aquí ao lado, de Baio.

En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.



1.11.10

MIGUEL HERNÁNDEZ MUSICAL
Non podemos deixar pasar a celebración do centenario sen, polo menos, escoitar algún dos seus poemas, xa que o pouco tempo non deixou celebralo mellor.
Hai xa tempo que Joan Manuel Serrat musicou por primeira vez os poemas de Miguel, e agora, hai pouco, volveu a sacar disco con máis poemas. Aquí deixo unha mostra do primeiro disco co poema "Romancillo de Mayo" para namorados, e unha canción a dúo con Sabina "Para la libertad".


27.10.10

MIGUEL HERNÁNDEZ
POETA DO POBO
Estamos a punto de celebrar o primeiro centenario (30 de outubro) do nacemento do poeta Miguel Hernández. Non é unha celebración importante só porque fose un gran poeta, senón porque foi o poeta da xente, dos humildes, do pobo.
Miguel foi quen de pasar de pastorear cabras na súa vila natal, Orihuela, a crear algúns dos máis fermosos poemas escritos en Castelán. Ademais da temática sobre o amor e a natureza, a súa poesía ten un marcado carater social, en defensa dos máis débiles e oprimidos. Pagou esta posesía coa vida: morreu (morrérono) nos cárceres franquistas da postguerra. Quen sabe onde chegaría como poeta de ter vivido máis anos. Grazas, Miguel.

26.10.10

O GRUPO DE ENCONTRO, EN MARCHA
Xa comenzaron as sesións deste curso do Grupo de Encontro e Debate, que reúne a nais, pais, profes e, de cando en vez, fillos e fillas. Coma sempre, a sesión foi do máis participativa e todo o mundo se animou a aportar as súas opinións. Daba xenio ver o 'viva' que estaba a biblio.
Queremos desde a biblioteca darlle a benvida á xente nova que se incorpora este curso, e recordarvos a todos que hai un blog específico deste grupo, no que podedes participar e deixar as vosas opinións e impresións. Chegades a el picando aquí.
Medio pan y un libro
Celebramos o Día das Bibliotecas, da nosa/vosa biblioteca e queremos facelo co discurso de García Lorca cando inaugurou a biblioteca da súa vila. Hoxe dispomos dos medios que naquela época non había, aproveitémolos!
Medio pan y un libro.
Locución de Federico García Lorca al Pueblo de Fuente de Vaqueros (Granada). Septiembre 1931:
"Cuando alguien va al teatro, a un concierto o a una fiesta de cualquier índole que sea, si la fiesta es de su agrado, recuerda inmediatamente y lamenta que las personas que él quiere no se encuentren allí. ‘Lo que le gustaría esto a mi hermana, a mi padre’, piensa, y no goza ya del espectáculo sino a través de una leve melancolía. Ésta es la melancolía que yo siento, no por la gente de mi casa, que sería pequeño y ruin, sino por todas las criaturas que por falta de medios y por desgracia suya no gozan del supremo bien de la belleza que es vida y es bondad y es serenidad y es pasión. Por eso no tengo nunca un libro, porque regalo cuantos compro, que son infinitos, y por eso estoy aquí honrado y contento de inaugurar esta biblioteca del pueblo, la primera seguramente en toda la provincia de Granada. No sólo de pan vive el hombre. Yo, si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle no pediría un pan; sino que pediría medio pan y un libro. Y yo ataco desde aquí violentamente a los que solamente hablan de reivindicaciones económicas sin nombrar jamás las reivindicaciones culturales que es lo que los pueblos piden a gritos. Bien está que todos los hombres coman, pero que todos los hombres sepan. Que gocen todos los frutos del espíritu humano porque lo contrario es convertirlos en máquinas al servicio de Estado, es convertirlos en esclavos de una terrible organización social.Yo tengo mucha más lástima de un hombre que quiere saber y no puede, que de un hambriento. Porque un hambriento puede calmar su hambre fácilmente con un pedazo de pan o con unas frutas, pero un hombre que tiene ansia de saber y no tiene medios, sufre una terrible agonía porque son libros, libros, muchos libros los que necesita!
Vía "Nosololibros"

23.10.10

ROMÁNICO na RÍA
Da gusto ver como imos sendo quen de valorar o que temos na nosa zona. Hoxe fixemos unha excursión, organizada polo Seminario de Estudos Comarcais, inte-resantísima (das 'aburridas' que diriades vós) visitando igrexas románicas ubicadas na ría de Camariñas, de gran valor artístico e histórico.
A ver se recoñecedes a alguén, aínda que iso non ten moito mérito. Ten máis mérito recoñecer as igrexas: invito a piruleta a quen me diga o nome de, polo menos, tres das que aparecen nas fotos. Algún atrevido/a???

20.10.10

UNHA HISTORIA REAL
...aínda que non o pareza! Este é un proxecto real que se está a dar en Colombia e xa se extende por algunhas zonas de Portugal.
Neste mes que se celebra o Día das Bibliotecas merece a pena adicarlle 5 minutiños a ver as realidades doutros lugares, pode que así empecemos a darnos de conta, polo menos un pouco, do que temos, do que tedes. Desde o meu punto de vista este si que é un auténtico heroe.
Comparando esforzos, case (case) que se me olvidan as queixas polo pouco tempo que teño este curso para atender a biblio como me gustaría.

17.10.10

ARAOS EN VOO

Xa estamos preparando o novo curso no Club de Lectura ARAO . Ultimamente algúns xa non me preguntan polos corredores que 'a ver cando empezamos', e iso non é bon sinal, porque indica que empezan a desesperar: pois non, home, non!
Xa estamos aquí, este xoves vémonos na biblio no recreo para ver cantos somos neste curso: os que permanecedes doutros anos e os novos que se queiran integrar no noso club.
Animamos a todos os 'leóns e leonas' a compartir lecturas e comentarios. Vémonos!!

30.9.10

BALARE-ANDO
Logo dun día estraño, o 29, (nun curso estraño como ben saben os da Anpa), retornamos á 'normalidade'. E que mellor forma que cunha xornada de convivencia, dándonos un soberano paseo ata a praia de Balarés. Un día de sol estupendo, tempo para falar cos amigos e cos profes (sen que che pidan os deberes) e unhas ondas estupendas para darse un chapuzón. Quen dá máis? Tres hurras por Javier Sesma, que nos leva por eses lugares tan fermosos: hip, hip...
Aquí vos deixo algunhas fotos; o lote completo no ordenata da biblio, vale?

21.9.10

XA ESTAMOS TOD@S
Logo da presentación para o novo alumnado, tocoulle o turno aos 'veteranos' de 2º a 4º, pasando polo PCPI. As listas por aula debían de estar bastante ben porque parece que non houbo moitas 'separacións' traumáticas.
Agora xa empezamos a ritmo normal, aínda que ao principio coste poñer o motor en marcha, pero en poucos días xa estaremos todos coas pezas ben engrasadas.
Que teñades un bo curso!

17.9.10

DÍA DE
PRESENTACIÓN
Unha das cousas que máis gusto daba hoxe era ver a biblioteca chea de nais e pais, moitos deles apuntándose ás diferentes actividades que se lles propuxeron durante a presentación anterior.
Preguntas, inquedanzas, interés... medos e preocupacións. Pois claro, normal! Benvidos sexan estos 'temores' que indican que non hai espazo para a indiferencia, o peor dos males. O resto xa se irá axeitando según o curso avance.
De novo, benvidos, e grazas por asistir!

16.9.10

INICIAMOS NOVO CURSO
Xa estamos en marcha de novo, un novo curso que comeza!
Dificultades aparte, estamos convencidos de que unha das mellores formas de empezar é, precisamente, dándolle a benvida aos novos alumnos e alumnas e ás súas familias, presentándolles o instituto e, como non, a biblioteca, que desde hoxe xa pasa a ser a vosa biblioteca, de pequenos e maiores.
Usádea moito, será unha boa compañeira de viaxe nestes anos!
A todos, aos recén chegados e aos 'veteranos'...BENVIDOS!!

22.6.10

PARLA CATALÁ??
Xa están de volta os viaxeiros de 4º que veñen de darse unha voltiña por eses mundos de máis aló de Pedrafita.
Veñén decindo que nada, que foi un horror, que non queren voltar de excursión outra vez nin loucos, que moita envexa lles daba Anabel, que tivo que quedarse aquí (mira queee...!), que total para dedicar unha habitación a roupeiro que xa tiñan a súa na casa, que para ver a Sagrada Familia podían quedarse mirando a igrexa de Arou, que Barcelona pouco máis grande é que Camelle, que no Aquapark non fixeron máis que mollarse, que para ver golfiños xa teñen as maragotas de Camariñas... En fin, que estaban desexando volver ao insti, coas súas clases e os seus exames, que ao fin e ao cabo, son cousa coñecida.
Aquí podedes ver algunha foto solta, coas caras de aburrimento que tiveron toda a semana, só pensando en estar de volta no seu querido insti.

20.6.10

ADEUS A SARAMAGO
Outro amigo que se nos vai. Este ano é de despedidas tristes. José Saramago non era só un escritor, era un home bo que sempre se posicionou claramente a favor do ser humano, a favor dos máis débiles e contra as inxustizas. Podedes saber algo máis de como era nesta páxina de El País.
Fillo de dous labregos sen terras, sempre se definiu a se mesmo como un campesiño, e nunca olvidou as súas orixes, ben humildes, como recordaba no seu discurso de aceptación do premio Nobel de Literatura, falando dos seus avós, alá, no seu Portugal natal:
"El hombre más sabio que he conocido en toda mi vida no sabía leer ni escribir. A las cuatro de la madrugada, cuando la promesa de un nuevo día aún venía por tierras de Francia, se levantaba del catre y salía al campo, llevando hasta el pasto la media docena de cerdas de cuya fertilidad se alimentaban él y la mujer".
Sobre os libros dicía cousas tan fermosas coma esta:
"Empezar a leer fue para mí como entrar en un bosque por primera vez y encontrarme de pronto con todos los árboles, todas las flores, todos los pájaros. Cuando haces eso, lo que te deslumbra es el conjunto. No dices: me gusta este árbol más que los demás. No, cada libro en que yo entraba lo tomaba como algo único."
Saramago non escribía libros xuvenís, xa o leredes cando sexades algo máis vellos, e el mesmo explica, neste vídeo, canto lle gustaría ser capaz de facer libros para nenos pequenos. Se tedes algún pequeno cerca seguro que o recoñecedes no protagonista desta historia.

17.6.10

ÚLTIMO VILÁN DO CURSO

Xa todo vai rematando, e o boletín da biblio tamén. Xa tedes no corredor, e na propia biblio, o último boletín deste curso. Coma sempre, leva con el un pequeno recordatorio do que foi acontecendo neste trimestre, e non só na biblio, que no boletín hai sitio para todo.
O Vilán despídese, por este curso, cun desexo: que o pasedes realmente ben nas vacacións, e cunha pregunta: algún de vós se atreverá o próximo curso a participar na súa elaboración?? Xa vedes que poñemos a pregunta en cor "verde esperanza"!
Chao, ata a próxima!!

15.6.10

LECTURAS DE VERÁN
Xa tedes a disposición a nova guía de lecturas, coas recomendacións e as novidades da biblioteca para este verán.
Xa sabedes que durante estas vacacións podedes levar máis libros que durante o curso, que con sol (esperemos) e días longos (e sobre todo sen exames) hai tempo para todo. Eso si, apurádevos porque este ano está habendo moitas peticións! (Jo, que gustazo!!)
E, ademais, unha nova que acabamos de descubrir: temos unha alumna que, caladiña ela, ten un blog dedicado aos libros (oééééé, oé oé oé!!) Podedes visitalo picando aquí ! BRAVO POR ELA!!

10.6.10

UN LIBRO

MOI ÚTIL

Cumpro a miña promesa aos Araos "grandes" do Club de Lectura, aos que tanto lles gusta voar! (Aos Araos pequenos aínda os vexo cada día). Aquí vos deixo o vídeo prometido que demostra ben ás claras que os libros son sempre extremadamente útiles, e para as máis variadas funcións. E tamén demostra o ben que se poden entender as tecnoloxías tradicionais impresas coas novas tecnoloxías dixitais!!

Serva esta entrada do blog de despedida ata o curso que ven, no que voaremos xuntos de novo. Boas Lecturas de verán!
! video

31.5.10

CONTINUARÁ
Hoxe tivemos na biblioteca a última reunión do Grupo de Encontro de Nais e Pais. Aquí tedes a 'foto de familia', aínda que falta algún que outro/a que non puido asistir hoxe. Parece que a experiencia foi do agrado de todos e todas e están (estamos) dispostos a continuar o próximo curso. Logo da autoavaliación final do grupo (aprobamos!) xa estamos argallando cousas novas cara o curso que vén.
De novo dicir que é un pracer ver a biblio así, tan chea, polas tardes (grazas por vir) e agradecer moi moito a colaboración de Lupe, de Neria, e de Ali e Patricia, do Concello.
Vémonos a principio de curso!

26.5.10

AMIGO XABIER
Tivemos hoxe a visita no Club de Lectura do escritor, e amigo, Xabier Docampo. Veu falar do libro "A casa da luz" e acabamos falando da vida, do mundo, de nós, do amor, da literatura...
Gran conversador, acabou regalándonos tres historias, tres misterios, á luz das velas, contadas como el sabe facelo, co seu gran saber dicir.
Podedes saber máis no blog do Club de Lectura Arao.

22.5.10

CORRE
LINGUA 2010
Temos xa as fotos do Correlingua deste ano, que por primeira vez no noso centro, asistimos ao de Santiago, que se celebrou o pasado 3 de maio. Por suposto que, mantendo a 'tradición' de moitas 'manis' na capital, houbo chuvia para remollar o día. Pero iso non impediu nin os sorrisos nin a defensa do noso idioma, que nesta época boa falla lle fai ao pobre!

18.5.10

MOITO TEATRO
Logo din que non lle botan teatro á cousa, pero o certo é que llo botan, e moito! Hoxe, no día das letras, puidemos ver a unha boa 'representación' do alumnado do Insti representando dúas obras. Uns bos teatreiros dos que deixamos constancia aquí, así como do bo labor de Rosario.
Podedes ver a primeira obra, con Judit, Miriam e Manuel aquí e tamén podedes ver a segunda aquí, con Clara, Laura, Lucía, Marina e, de novo, Manuel, un tal doutor Melquiades nunha consulta un tanto especial.
Noraboa tamén ás premiadas no Certame Intercentros: Clara en narrativa e Aurora en poesía.

13.5.10

Letras 2010 UXÍO NOVONEIRA (3)
Seguimos co poeta homenaxeado no Día das Letras. Premendo na imaxe tedes un enlace a unha páxina chea de recursos sobre o tema, webquests incluídas. Nós quixemos poñer tamén o noso gran de area, ou mellor, as nosas follas de carballo e castiñeiro: tedes estes días, na entrada do instituto, un par de "árbores" con follas impresas cos pequenos poemas e frases de Uxío. É froito dun traballo colaborativo entre a nosa biblio e a de Fene, en Ferrol. Aquí podedes ver a totalidade das follas impresas, que andan polos centros de media Galicia sinalando camiños ás exposicións sobre o o poeta.

11.5.10

UXÍO E O COUREL (2)
Diciamos onte que o poeta estaba moi apegado á súa terra, O Courel, no sureste da provincia de Lugo. É unha terra fermosa, de gran valor natural.
Desde a biblioteca do IES de Arzúa nos chega esta montaxe, realizada polo alumnado de Agraria (grazas, rapaces), que nos mostra a esplendorosa paisaxe e a flora do Courel. Unha axuda máis para entender mellor a poesía de Uxío Novoneyra.

10.5.10

UXÍO NOVONEYRA

Este ano as Letras Gablegas están adicadas a Uxío Novoneyra, o poeta do Courel. Uxío estudou en Lugo, e logo marchou a Madrid, onde comenzou a escribir algúns poemas en castelán. Logo voltou ás montañas do Courel e alí crearía a maioría dos seus poemas, que teñen moito que ver coa coa natureza agreste do lugar e a vida diaria das súas xentes.
Os amigos da biblio do IES Luis Seoane, dePontevedra, fixeron esta fermosa presentación sobre o poeta, cunha escolma de poemas, acompañados de imaxes do seu querido Courel. Disfrutádea.

LETRAS GALEGAS 2010




9.5.10

VIDA FORA DO INSTI
Pois si, hai vida fora do insti e o noso alumnado, afortunadamente vive outras vidas máis aló de libros e exames. Hai poucos días tiñamos na prensa a Sara Carballo e a súa medalla en Judo. Hoxe temos o equipo de Bádminton no Campionato Galego en Idade Escolar, celebrado en Baiona.
Na competición por equipos as escolas municipais de Camariñas participaron en cadete feminino. Tivemos a baixa de Yulia Rodríguez (1ºC), polo que todos os partidos comenzaron cun 0-1 inicial. As outras compoñentes do equipo eran: Karen Rodríguez, Estela López, Sara Carril e Nerea López. Quedaron no 7º posto.
En individual, das escolas municipais de Camariñas, participaron: Fran Pais (do instituto de Vimianzo) e Nerea López (4ºA). Fran conseguiu o 5º posto na categoría cadete masculino e Nerea conseguiu o bronce galego en feminino. Queremos ver na biblio todas as medallas conseguidas este ano, vale?

6.5.10

3º EN CORES
Parece que a primavera non solo fai subir as calores no instituto; tamén fai subir as cores. Por eso os de 3º, pincel en man, e baixo a man de Cristina, puxéronse a facer a súa propia interpretación dos pintores galegos máis coñecidos. O colorido resultado podedes velo aquí abaixo. Quen dixo que non teñen alma de artistas? Noraboa polo traballo!

4.5.10

NON ME PODO RESISTIR
Chéganos, a través do blog amigo Trafegando Ronseis , a noticia de que hai pouco que atoparon, rebuscando entre os cascallos dos estudos de gravación Abbey Road, unha sesión dos ensaios de "Get Back", unha das últimas cancións dos Beatles. A gravación é do ano 69, cando vós non estabades nin en proxecto e ao grupo quedábanlle días contados. Aparecen, ademais de Yoko, Billy Preston ás teclas e Mick Jagger mirando a sesión (aprendendo?). Pouco despois farían o mítico concerto no tellado dos estudos, antes de desfacer o grupo. Se tedes curiosidade por velos tocando este tema nos tellados picade aquí
. video