4.6.19

ANTÓN FRAGUAS. LETRAS GALEGAS 2019

Dedicamos este ano o Día das Letras Galegas a  Antón Fraguas (Cotobade, 1903- Compostela, 1999) por ter sido un... incansable historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. Por terse involucrado e ser membro dos máis destacados colectivos e institucións en favor da lingua e cultura galegas do S. XX: as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento e a Real Academia Galega .
E porque os seus traballos sobre ritos e tradicións, oralidade, Arqueoloxía, Arte, Historia e Xeografía, constituíron unha achega científica ao eido das Humanidades en Galicia.
Se non o coñecías, agora xa non poderás dicir o mesmo... e recorda que, tal e como el a considerou, na lingua que falas colle un mundo enteiro de coñecemento.

Feliz día das Letras Galegas 2019!

Centóns a centos!


Preguntarédesvos que é un centón… pois para nós un pretexto para achegar a poesía á rapazada creando poemas propios a partir de versos prestados. Silvia Plath, Daphné B., Las Sinsombrero ou Carlos Negro, son algunhas das voces que inspiran os catro centóns resultantes en cada unha das linguas de estudo no noso instituto.  Os textos de partida non foron escollidos ao chou, senón que gardan unha conexión temática: o universo feminino e a loita por facer visible as desigualdades que o rodean.
 A partir destes poemas de autoría variada, o alumnado foi escollendo aqueles versos que lle resultaron máis significativos para ir creando un novo texto poético.
Esta actividade é unha pequena experiencia de colaboración entre os Departamentos de Linguas do instituto no marco da Biblioteca Escolar, que á súa vez se integra no programa O Mundo que Queremos, que estamos traballando este ano.
Verso a verso colleron forma para seren inaugurados o 23 de abril, Día Internacional do Libro.

Parabéns ás profesoras e ao alumnado polo traballo!

Charla con Arelas e os colectivos de El Salvador. Visita Sur tamén na Biblioteca!


No marco do programa O Mundo que Queremos no que participa a nosa biblioteca, iniciamos abril cunha visita excepcional: os colectivos ORMUSA e CONCAVIS TRANS chegan da outra beira do Atlántico, para presentarnos como é a loita polos dereitos civís da muller e do colectivo LGTBI en América Latina, concretamente en El Salvador. Estamos convencidas de que a proximidade e o relato en primeira persoa sempre chega mellor e move conciencias.

Nesta mesma liña, ARELAS, asociación de familias de menores trans, ofreceunos unha charla sobre a realidade dos adolescentes trans aquí en Galicia. Outro relato en primeira persoa que nos deu unha lección de humanidade, a toda a comunidade educativa que asistiu durante a mañá e á tarde, no Grupo de Encontro de Familias que organiza a Biblioteca Escolar.

Sen dúbida, estes encontros servirán para coñecer mellor unha realidade distante só aparentemente, coa esperanza posta en educar actitudes máis tolerantes ante a diversidade sexual.

Aquí vos deixamos as webs destas tres asociacións para quen tiver máis curiosidade sobre o traballo que desenvolven:



Encontros de Bibliotecas Escolares, obxectivos 2030 e a nosa Biblio


A finais do mes de marzo, o persoal da Biblioteca Escolar do IESP Pedra da Aguia asistiu ás Xornadas de Encontro das BE de Galicia. Sempre atopamos inspiración no traballo e suxestións de tanto profesorado que traballa para dinamizar as biblios dos centros de ensino. Como sorpresa, nesta edición, a ponencia de Alicia Sellés titulada “Bibliotecas e Axenda 2030, tamén na escola” durante a cal reflexionou sobre o rol clave que as bibliotecas xogan para o acceso á información e, por tanto, para o desenvolvemento das persoas e das comunidades no contexto da Axenda 2030 (cultura, coleccións e recursos pertinentes, alfabetización dixital e informacional, conectividade e acceso a contidos, espazos seguros e plurais/neutrais, aprendizaxe autónoma e ao longo da vida) A nosa biblioteca sábeo ben e por iso é parte importante do traballo interdisciplinar que estamos a desenvolver no Plan Proxecta deste ano, O Mundo que Quremos.