Adeus Auri, compañeira
Deixáchenos coa chegada da primavera e entrando a celebración do día da
poesía, curiosas coincidencias. Amante da natureza. O teu xardín, coidado con
esmero, sempre foi a miña envexa. Colaboradora incansable da biblioteca e
promotora de iniciativas sen fin. Sei que seguirás entre os libros que tan
coidadosamente forraches, entre a selección de títulos que considerabas que non
podían faltar, co teu empeño constante porque a Lingua Galega tivese o papel
relevante que lle correspondía na biblioteca do noso instituto. Si, e digo o
noso, porque fuches capaz, en tempo récord, de que comezase a funcionar. O
mesmo abrindo caixas, colocando mesas ou indo a casa para falar por teléfono
(non había móbiles) e no instituto non había máis nada que paredes. Cantas
horas dedicadas a que todo funcionase e que os retos se cumprisen!
Déchesme forza e acompañáchesme nesta profesión, marabillosa
profesión! e xuntas defendemos a nosa lingua, aínda que nos primeiros
tempos tróuxonos máis dalgún desgusto.
Foi unha sorte inmensa contar contigo neste camiño de vida
persoal e pedagóxica. Sempre estarás entre nós.
Silvia