25.11.15

SEMPRE VIVAS
Hoxe, para lembrar este 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, xuntámonos rapaces e rapazas do centro de Primaria de Camariñas, de A Ponte do Porto e do noso Instituto para ler, diante do Concello e co seu patrocinio, un comunicado conxunto deixando claro que este tipo de xente non ten cabida nunha sociedade moderna e igualitaria.
Rematada a lectura do comunicado o Alcalde axudou a Oumaima, a gañadora do concurso de carteis, a facer a primeira pegada do mesmo na fachada da Casa Consistorial, seguida logo por outras rapazas e rapaces que completaron a pegada. Algo máis tarde Oumaima tivo unha intervención estupenda en Radio Nordés, que podedes oír aquí.

23.11.15

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Precioso cartel saído do traballo nas aulas relacionado co día contra a violencia de xénero. Parabéns! Efectivamente, querémolas como as flores: Sempre Vivas.
E moi interesantes os puntos de vista sobre a igualdade nos Encontros de Pais/Nais de hoxe na biblio do centro. Un tema que parece que xa está "falado" e no que vemos como caen (caemos) cada día en desigualdades, cando non en violencia directamente. Non hai máis que ver o que leva pasado este ano e o número de mulleres mortas.
Pero temos que meter nas nosas cabezas que a violencia de xénero non existe unicamente cando apaecen as noticias nos xornais, empeza moito antes, con actitudes que parecen máis "inofensivas", máis "pasables" e que xustificamos con falsas razóns: "e que me quere moito, me controla porque me quere...". Nunca se debe pasar por aí, hai que cortalo ao primeiro indicio. Hai cousas que un macho fai, un home non.