21.5.17

OLIMPIADA DO SABER



A semana pasada celebrouse a final do concurso “Olimpiada do Saber”, organizado polo Departamento de Xeografía e Historia.
Para participar no concurso había que formar equipos de 4 persoas, unha por cada nivel da ESO. Este dato era importante, xa que as preguntas de arte, xeografía e historia abarcaban dende 1º a 4º da ESO.
Un total de 8 equipos participaron nesta primeira edición. Durante unha semana enfrontáronse entre eles utilizando a plataforma dixital KAHOOT, que permite responder usando o móbil.
As tres mellores puntuacións, correspondentes aos equipos “Os Calqueras”, “Os Crejas” e "KKdeVK” víronse as caras na final, que tivo lugar na Biblioteca do Centro.
Tras 16 roldas de preguntas, resultou gañador o equipo dos “Crejas”, integrado por Iago Mouzo (4º), Juan Antelo (3º), Sergio Paz (2º) e Abel Luaces (1º), a quen se lles entregará un diploma como vencedores desta edición, ademais dun suculento premio. Parabéns!!!!








Pinceladas con Talento

Laura Caamaño (esquerda) e Lara González (dereita)
Noemi Lobelos

Aquí están as gañadoras do concurso "Ilustrando palabras"! No primeiro ciclo levaron os premios Lara González, de 1º A e Laura Caamaño, de 1ºB. No segundo ciclo o premio foi a parar ás mans de Noemi Lobelos, de 3º A. Grazas ás tres por compartir con todos nós a súa creatividade e imaxinación a través dos versos de Gloria Fuertes e dos textos de Carlos Casares.

9.5.17



Ilustrando palabras
Como ilustrarías un poema de Gloria Fuertes, da que este ano se celebra o centenario do seu nacemento,  ou un texto de Carlos Casares, a quen se lle adica o Día das Letras Galegas?
Lara González (1ºA), Laura Caamaño (1ºB) e Noemi  Lobelos (3ºA)  aceptaron o reto e presentaron ó concurso “Ilustrando palabras” carteis orixinais e creativos , nos que traduciron en imaxes persoais o que as palabras destes dous autores  lles inspiraban.  O seu traballo e as súas  ideas tiveron recompensa e alzáronse cos premios do concurso,  pero houbo moitos traballos interesantes, nos que os alumnos deixaron voar a súa imaxinación, dándolle vida e cores as palabras. A continuación presentamos os carteis realizados polos alumnos:

7.3.17

ENTROIDO 2017
Hawaianos, zombies, militares, equipos de fútbol, dormilóns, mimos, cantantes de gospel, pitufos... o patio do Insti encheuse de colorido, bailes e festa neste entroido 2017.
Houbo comparsas de todo tipo e moita participación das clases, con moita imaxinación nos disfraces e nas coreografías.
Pitufos e mimos resultaron gañadores do concurso, pero todos tiveron premio cun excelente chocolate que preparou Norma para degustalo cuns postres propios da época. Seguro que foi o momento en que Paula, coordenadora de todo o "tinglado", estivo máis relaxada en toda a mañán!

17.2.17



CUPIDO SOBREVOA O INSTI 💗
Este 14 de febreiro visitounos Cupido literario
 Quen dixo que o amor non está de moda? Os nosos mensaxeiros de afectos non pararon de traballar, repartindo as numerosísimas cartas de amor e amizade que se enviaron no instituto.
Ademais , Xabier e Laura presentáronnos as visitas que tivemos para acompañarnos ese día, e que ante todo o público asistente volveron demostrarnos   o seu amor, que sigue tan intenso como o primeiro día: Juana, a tola, e Felipe, o fermoso ( Tania e Fran); Romeo e Julieta (Nico e María) e  de dona Inés e don Juan (Helena e Yerai).
Esperamos que este sentimento perdure todo todo  o ano...

30.1.17



Día de campo……. a través mollado
O venres 27, 18 intrépidos/as atletas do instituto participaron  na fase intercomarcal de campo a través na Serra de Outes. A pesar da choiva non quedaron na casa e demostraron una vez máis o dito: se chove, que chova!
Máis de 500 participantes e algunhas caídas (xa que o circuíto estaba propio dun día invernal coas follas das árbores cubrindo o percorrido), pero bo ambiente e ningunha lesión.
Recibimos o parabén da organización por ser un centro público (había clubs federados), que conseguira clasificar un número tan elevedo de participantes. Pero a nosa sorpresa foi maior cando comprobamos que volviamos a casa con 8 medallas!: 
Individuais
Carla Valiña: medalla de ouro en infantil feminino.
  
Antonio Luaces: medalla de bronce, cadete masculino.
Equipos
Sergio Lamas, Pablo Martínez, Ádam Méndez, Sergio Paz, Daniel Luaces e Jairo Campaña: medalla de bronce, infantil masculino.
Parabéns a todos e todas!
Clasificáronse para a fase provincial Carla e Antonio.


19.1.17

MANUEL GAGO
 E O SEU ANXO
Onte tivemos a sorte de contar no Club de Lectura Arao-Adultos coa presencia de Manuel Gago, autor de "O Anxo Negro". Resultou que Manuel, auténtica enciclopedia ambulante en Ciencias da Información, en Historia, en Arqueoloxía, Gastronomía, Etnografía..., é en realidade un anxo branco, cercano e amigable, que coñece a nosa zona como poucos e á que defende, xentes e patrimonio, con todas as súas forzas, que son moitas. Contounos mil e unha historias relacionadas co seu libro (sorprendente a cantidade de sucesos reais detrás da ficción) e outras que non o eran tanto, e ata nos adiantou algunha miguiña do seu próximo traballo, que xa estamos adoecendo por ler.
Quedáramos xa contentos coa lectura do seu libro e máis contentos quedamos aínda coa súa presencia, como mostran as imaxes de aquí abaixo. Tamén Manuel deixou constancia da visita no seu blog "CapítuloCero". Vémonos Manuel!

8.1.17

O FESTIVAL
E quedaba contar algo do festival de Nadal! Uns cachiños seleccionados, porque todo enteiro sería moi longo dados os diferentes talentos mostrados nese día.
Seguro que para máis dun a sorpresa maior foi ver que os profes e profas, limpadoras e persoal non docente en xeral tamén saben mover os pés. Pois si, hai vida máis aló da clase ou da vasoira!
E logo foi a quenda do alumnado. Sempre sorprende a cantidade de cousas que sabedes facer (ademais de estudar moitísimo, claro) e non sei moi ben como conseguides ter tempo para todo. Ben sei que a música e o baile esixen tempo e constancia. Se é que cando queredes...

A DESPEDIDA
Case case me convencedes para quedar no instituto un ano máis... !!
Non, en serio, a verdade é que foi unha marabilla e aínda hoxe me emociono recordando esa mañá. Recibín moito afecto de todas partes, moito máis do que esperaba recibir. Xa contei algo nunha antrada anterior neste mesmo blog e insisto: sodes estupendos! Sempre estiven convencido de que esta profesión de profe é unha das máis importantes que se poden exercer, pero agora tócame entrar noutra etapa!
Dáme un pouco de "nonseique" falar de min mesmo nesta entrada, pero dado que sempre tentei contar o que pasaba no insti, terei que poñer tamén o que pasou ese día, así que aquí deixo o vídeo para quen teña gañas e paciencia de velo. E aínda falta un...