26.2.10

BLANCO SOBRE BLANCO
Así quedou Víctor (Blanco, claro), cando se viu no medio da pista de xeo. Logo el, cos outros de 3º e 4º, decidíronse a cazar (fotograficamente, por suposto) osos (Blancos, claro). Podedes velo con máis detalle en Pedras do Vilán.

22.2.10

ORGULLOSOS DO NOSO
ORGULLOSOS DO GALEGO
E seguimos co tema, porque cadra que a Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística acaba de poñer en funcionamento unha páxina web coa idea de que todo aquel que queira poida colaborar nela. Para empezar hai un par de vídeos, aquí vos deixo un. Na súa páxina podedes ver outro coa colaboración de xente como Luis Tosar, Martín Rivas, Susana Seivane... Tamén atoparedes material para imprimir, emoticóns e outras cousas. A ver quen se anima a facer algo!

21.2.10

DÍA INTERNACIONAL
da LINGUA MATERNA

En 1999 a UNESCO creou o Día Internacional da Lingua Materna, coa idea de potenciar a variedade lingüística e, especialmente, de defender aquelas linguas que estiveran en maior perigo de desaparición. Non é o caso do galego (de momento) pero é unha boa ocasión, agora que o tema anda tan revolto, de poñer en valor o que é noso e nos identifica. Respectemos as linguas dos demais se queremos que respecten a nosa; que cada quen se sinta orgulloso da súa.

Hai uns consellos estupendos no apartado "transmisores das linguas e os afectos", ilustrado por rapaces de infantil, nesta páxina, ademais doutras curiosidades sobre este tema. Resulta curioso ver, por exemplo, a cantidade delas que hai en "mapas vivos" das linguas.