26.3.21

Encontro online do club de lectura de adult@s con Eva Mejuto

O noso club de lectura de adultos organizou un encontro online coa autora Eva Mejuto para conversar sobre o libro Memoria do Silencio. Unha hora e media deu para falar sobre moitos detalles do seu traballo e, pouco a pouco, a autora foi debullando algúns aspectos do libro e da súa elaboración, diferenciando as persoas reais, históricas, dos personaxes de fición, as motiviacións para elaborar o texto, os seus potenciais destinatarios, etc. Falamos tamén da importancia de recuperar figuras como as das protagonistas do relato, que son a auténtica historia e que tanta veces pasan desapercibidas e quedamos apenas con visións alleas como as ofrecidas polo cinema americano, por exemplo. Tamén foi destacada a importancia de que xente nova coñeza esta parte da historia, do valor da lectura e da conversa en si mesma.

Falar desta novela breve transportou aos participantes ás rúas de Ribadavia e á historia que desprenden

En fin, un encontro moi aproveitado no que con certeza tanto Eva Mejuto, como os lectores e lectoras, aprenderon moito.

 

 

Encontro literario con María Lado, poesía para acabarmos o mes

Este mércores 24 de marzo gozamos coa visita de María Lado, a través dun obradoiro de creación poética, que organizou a Biblioteca Escolar no marco do programa Encuentros Literarios promovido polo Ministerio de Cultura y Deporte.

 

A poeta da Costa da Morte, que fai parte do actual e puxante panorama poético galego, falounos do oficio de poeta e narradora, da súa traxectoria e da creatividade literaria. Na segunda parte do encontro, a través dun recurso dadaísta, o grupo participante de 3ºESO, foi compoñendo un poema colectivo sobre a temática eterna: o amor. Con moita picardía e non menos romanticismo, crearon un novo poema a partir de versos alleos. Ao grupo e á poeta non lle faltaron humor e lirismo nunha das poucas actividades presenciais que organizamos este curso a causa da Covid.

A experiencia xerou algúns materiais durante o proceso: un padlet de videopoesia de poetas actuais e unha publicación dixital coas creacións poéticas realizadas nas aulas de Lingua Galega e Castelán, departamentos que colaboraron activamente coa Biblioteca Escolar. Se sentides curiosidade, premede nos hipervínculos para acceder.