12.6.19

Charo Sánchez-Gabriel
Hoxe sobrecolleunos o pasamento da compañeira Charo Sánchez-Gabriel, responsable que foi da biblioteca escolar do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.


Querida compañeira, querida amiga.
Vimos de saber do teu pasamento e non podemos menos que dedicar uns intres na túa lembranza.

Hai tempo que faltas na familia PLAMBE que ti contribuiches a fundar. E xa daquela faltounos o teu humor fino, a túa intelixencia aguda, a túa ironía elegante, a túa mirada diversa, a túa man comprensiva, o teu gusto pola exploración en calquera territorio, o teu espíritu de pioneira, e o teu amor pola Lingua que abrazaches como propia e defendiches con máis forza que moitos dos seus fillos.

A túa forma de estar no mundo, sempre curiosa e sensible, sempre atendendo a todo con esa atención aparentemente distraída foi un exemplo para quenes tivemos a honra de tratarte.

Xa daquela, cando a enfermidade se cruzou no teu camiño deixáchesnos, no universo da Bibliotecas escolares de Galicia, un valeiro irreemplazable.
Pero o de hoxe é difinitvo: non só nos faltas a nós, fáltaslle ao mundo. Co que precisamos neste momento xente coma ti!

As Bibliotecas Escolares de Galicia, chórante.

Os que te coñecimos, despedímoste con amor e cun sorriso ao tempo que enviamos un abrazo cariñoso á túa familia.

Os que non tivéchedes a honra de coñecela, podedes achegarvos á súa maneira de entender o mundo paseando polo blogue que creou: Mesturas.

Ata sempre, Charo!
Pilar Sampedro, Carmen Suárez, Isabel Vázquez, Beni Nerga, Emilio Roca, Olga Rodríguez e a familia PLAMBE

9.6.19

Actividade final de O Mundo que Queremos e a Biblio ten sección propia!

Chegou o día e despois de tanto traballo e preparativos, só nos quedaba gozar do momento... E con máis ou menos nervos, o equipo de alumnado de O Mundo que Queremos fíxoo xenial! Un orgullo ver o ben que vos desenvolvedes! Explicar cada unha das actividades, acompañar ao resto de compañeiros e compañeiras por todo o centro para mostrarlles o voso traballo de todo un curso, coidar de que todo saíse ben... E como colofón final, Lara González e Érika Blanco facendo balance de todo o programa e convidando a toda a comunidade educativa a sumarse a eses pequenos xestos que fan posible grandes cousas! O esforzo pagou a pena! As profesoras que guiamos o proxecto estamos moi orgullosas do voso resultado!
Parabéns a todos e todas vós! ...e por suposto, ao alumnado do club de lectura que estivo fabuloso na parada 6 co seu espazo para a reflexión con cada un dos grupos da ESO.
Se queres recordar todo o camiño realizado ao longo destes últimos meses, preme AQUÍ para o Prezi do acto de clausura... E se prefires ver un vídeo repaso dos mellores momentos, AQUÍ.