Mostrando entradas con la etiqueta Dereitos Humanos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Dereitos Humanos. Mostrar todas las entradas

11.12.11


DÍA DOS DEREITOS HUMANOS
63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

23.11.11

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Deixamos aquí un vídeo, realizado polo Instituto asturiano da muller, sobre  a prevención da violencia de xénero. Unha curtametraxe de Ángeles Muñiz titulada “Propiedad Privada” na que se  aborda a violencia que poden sufrir as mulleres na súa vida cotiá e nas súas relacións afectivas.
Resulta interesante ver como a situación de violencia psicolóxica que se reflexa no vídeo sucede nun ambiente de boa posición social e económica e como, de cara ao exterior, a imaxe ofrecida polo home é toda sorrisos e amabilidade. A tolerancia dos outros, nai, amigas... non axuda a atopar unha saída. Debe esperar máis a protagonista para tomar unha decisión? Que farías se foras ela? Que farías se foras el?
Hai un interesante material didáctico para traballar sobre o tema neste enderezo.



25.1.11

O PERIGO DUNHA ÚNICA HISTORIA
Este non é un vídeo para que o pasedes ben un rato.
É un vídeo para reflexionar con calma.
Aqueles de vós que sodes máis maduros poderedes entender o discurso de Chimamanda Adichie (eu vou encargar xa un libro seu). Para os adultos, e especialmente para aqueles que nos movemos entre libros, entre historias, debera ser obrigado.
Podedes practicar inglés, pero tamén podedes subtitulalo en castelán picando en 'view subtitles', na parte inferior do vídeo.
Que nunca conten a vosa historia como unha historia única!

20.10.10

UNHA HISTORIA REAL
...aínda que non o pareza! Este é un proxecto real que se está a dar en Colombia e xa se extende por algunhas zonas de Portugal.
Neste mes que se celebra o Día das Bibliotecas merece a pena adicarlle 5 minutiños a ver as realidades doutros lugares, pode que así empecemos a darnos de conta, polo menos un pouco, do que temos, do que tedes. Desde o meu punto de vista este si que é un auténtico heroe.
Comparando esforzos, case (case) que se me olvidan as queixas polo pouco tempo que teño este curso para atender a biblio como me gustaría.

29.1.10

POLA PAZ
Xa sabedes que na biblioteca non podemos deixar pasar este día, (30 de xaneiro, día da PAZ), así como así. Sempre defenderemos as ideas e as palabras e non as armas!
O grupo Fuxan os Ventos musicou hai anos un precioso poema de Celso Emilio Ferreiro, que podedes ver e escoitar aquí abaixo.

Non podo resistirme a poñer aquí unha das cancións máis utilizadas a favor da PAZ. Imagine (imaxina), desde que foi composta por John Lennon. E recorda que a PAZ empeza cos xestos máis pequenos e por nós mesmos e os que nos rodean.
You may say I'm a dreamer,
but I'm not the only one.
I hope someday you'll join us
and the world will be as one
se queres a tradución podes vela aquí.

10.12.09

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES COS DEREITOS HUMANOS
Tal día coma hoxe, un 10 de decembro de 1948, aprobouse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Hai xa 61 anos desta data e seguimos aínda sufrindo a falta destes dereitos, ou sufrindo ataques directos aos mesmos, nunha grande parte do mundo no que vivimos.
Son moitas as persoas e as organizacións en todo o mundo que intentan poñer todos os medios para que estes dereitos sexan realidade para todos os humanos e conseguir que se fagan realmente universais.
As bibliotecas escolares queremos poñer o noso gran de area neste empeño, en recordo, por exemplo, daqueles que nunca na súa vida poderán ter acceso á educación.
Así podemos ver o cartel que nos envían dende o CEIP de Pazos, no que todas as cores forman parte da mesma man. Ou estoutro do IES Río Cabe, que nos deixa ver a desigualdade entre dous mundos que habitan o mesmo planeta.
Desde o CEIP San Martiño-Salcedo mándannos un enlace para saber algo máis sobre os Dereitos Humanos cun sinxelo xogo, da Cruz Vermella.

9.11.09

A CAÍDA DO MURO
Hai hoxe vinte anos caía o Muro de Berlín, símbolo da guerra fría entre a URSS e EEUU que dividía Berlín en dúas zonas: oriental e occidental. Este muro de 45 quilómetros impediu durante 28 anos a libre circulación dos cidadáns alemáns polo seu país, e provocou a separación de moitas familias e a morte de moitos dos que intentaron saltalo. Empezou a ser derrubado a noite do 9 de novembro de 1989 ante os ollos atónitos dos espectadores de TV e dos cidadáns alemáns que o contemplaban "in situ".
Aquel día semellaba que o mundo era máis libre. Pero o tempo pasa e a historia repítese, e volven a construírse muros, a maioría invisibles, e, polo tanto, cada vez máis difíciles de derrubar. Con todo aquel 9 de novembro era o final dunha época.
Pode ser unha boa ocasión para lembrar aquel muro ao que cantaba o grupo Pink Floyd, que x alá xa polo 1979 falaba doutras formas de aillar á xente.
Vía "biblioblogs escolares", a través de Antonio Alonso.

27.3.09

La hora del planeta




Mañá, de 8:30 a 9:30 é "A hora do Planeta" promivida por WWF. Se queres saber de que vai tes unha boa páxina aquí. Se cres que é importante, anímate e participa. Non seremos moi visibles nun lugar pequeno, pero sentirémonos mellor, seremos parte de algo.

Nota: o debuxo superior está en gris debido ao "cambio cromático"

Aquí tes o vídeo oficial de "A hora do Planeta"

19.1.09

ONTE, HOXE
Seguindo co mes da paz, chégannos estas fotos, vía o blog Mesturas (que circulan pola rede, asinadas por Rodolfo Walsh), sobre a situación en Palestina e a actuación do exército de Israel. É unha montaxe con fotos dobres: unha sobre o que sufriron os xudeos durante a II Guerra Mundial e outra do propio exército israelí hoxe en día, na Franxa de Gaza.
Sempre acaban sufrindo os mesmos, os máis débiles e os máis inocentes!