CLUBS DE ENCONTRO 24/25: CULTURA E DIVERSIÓN NOS TEMPOS DE LECER
Dinamizados pola BE, en todos os tempos de lecer o alumnado do noso centro tivo a ocasión de participar nalgún club de encontro organizado por profesorado de diferentes departamentos. Os clubs propostos neste curso 2024/2025 foron: coro, escritura creativa, horta escolar, interpretación teatral de textos literarios, palillo, videoxogos e xadrez. A participación foi de entre 45 e 50 alumnos.
O coro escolar estivo composto por once alumnos e alumnas de 1º a 4º da ESO e tres profesoras, que se reunían unha vez á semana durante o recreo. Preparáronse cancións en galego, francés e castelán, fomentando así a diversidade lingüística. O proxecto foi coordinado pola Biblioteca e polo Departamento de Lingua Francesa e para a instrumentalización dos temas contouse coa colaboración do Departamento de Música, configurándose así como un proxecto interdepartamental. Grazas ao compromiso de todos e todas, o coro consolidouse como unha actividade lúdica, formativa e integradora de diferentes perfiles e sensibilidades do alumnado.
O club de escritura, organizado polo dpto. de LGAL realizouse unha vez por semana con dous integrantes: alumna de 4ºda ESO e o docente mediador. Reflexións sobre o proceso de escritura e creación de textos diversos, non só literarios. Importancia da análise crítica como lectora como paso necesario para ser unha mellor creadora. A alumna gañou o certame de novembro do programa prensaescuela de La Voz de Galicia.
O club de encontro Horta Escolar, contou neste curso 24/25 cun total de vinte e dous participantes, doce do cales foi alumnado, principalmente de 1ºESO, xunto con dez profesores e profesoras (que recibiron formación, a través dun PFPP, sobre cultivo ecolóxico da man de Amigas da Terra). Os seus obxectivos foron coñecer técnicas básicas sobre o cultivo ecolóxico de diferentes variedades de plantas e sobre o coidado e o control de pragas; observar os procesos naturais que afectan ao desenvolvemento das plantas e incluír e fomentar a participación do alumnado. Todos os días da semana un grupo de profesores e alumnos foron á horta para facer tarefas concretas; o alumnado amosouse moi participativo e entusiasmado, mantendo a maioría o seu compromiso.
O club de interpretación organizado polo dpto. de LGAL contou con catro integrantes: tres alumnos de 2º e un docente. Do xogo teatral das primeiras sesións pasouse aos ensaios de diferentes teatralidades (xestuais ou verbais, tráxicas ou cómicas, etc.) e púxose en práctica o aprendido actuando para a comunidade escolar en varias ocasións.
O club de palillo desenvolvouse principalmente nos segundos recreos de toda a semana agás os martes. Este grupo estaba composto por 12 integrantes, 6 profes e 6 alumnas. O obxectivo deste club é que os participantes aprenderan os puntos básicos do arte do palillo, arraigado aquí nesta terra camariñá. O club participou na o 15 de maio na I Feira da educación, formación e emprego.
O club de videoxogos foi proposto e mediado por un docente do Dpto. de Lingua Inglesa e neste curso consistiu nun campionato de combates Pokémon que comezou en novembro e finalizará, aproximadamente, a mediados do mes de xuño. Cada venres realizáronse dous combates no recreo e levouse constancia da clasificación nunha páxina en liña para que o alumnado soubese cal foi o seu rendemento a final do curso. Creouse tamén un curso en E-Dixgal onde se subiron os materiais necesarios para que os participantes estivesen en igualdade de condicións: listaxe de todos os equipos inscritos cos seus ataques, lista de debilidades e fortalezas de cada tipo de pokémon, repeticións dos combates máis salientables e ligazóns á clasificación e outros recursos Pokémon. Tamén se realizaron medallas para os tres primeiros clasificados e outras para o resto de participantes co material dispoñible na aula de Polos Creativos. De cara ó curso que vén, escoitáronse propostas de mellora por parte do alumnado, como a realización de combates dobres, por parellas, ou con outros requisitos para aumentar a dificultade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario