20.12.12

AMERICAN FAST FOOD
Desta volta cambiamos o "Yankees go home" polo "Yankees come home". Na honra de Dan, o noso 'amigo americano', e seguindo os seus consellos, tivemos unha xornada gastronómica en plan americano: 'hot dogs, pancakes, peanut butter, ketchup, mustard'... e todo a precios "módicos", pagado cos "cartos" duramente conseguidos nos días anteriores cos exercicios nas clases.
'I'm so sorry' polos que non puideron participar, pero era imposible facelo para todos os niveis, aínda que algún espabilado doutras clases conseguiu algún que outro dolar para probar as delicias que alí ofreciamos. Que tal unha de comidas do mundo para outra ocasión???



12.12.12

GUÍA de LECTURA para o NADAL
Xa temos aquí a guía de lectura deste Nadal. Unhas cantas ideas, entre moitas outras, para pasar estas vacacións con algúns dos nosos mellores amigos, os libros, e algunhas das nosas mellores amigas, as películas.
Coma sempre vos dicimos. non sexades 'egoístas': levade a guía a casa, que seguramente a alguén lle pode interesar o que nela hai. E xa sabedes canto nos gusta que a biblioteca a utilice canta máis xente mellor. Recordade sempre que é vosa, é nosa, é de todos.
Apurade antes de que vos leven o que vos interesa e...
que disfrutedes! 

5.12.12

FACENDO CARREIRA
Ou carreiras, que houbo varias. Algunha que outra medalla trouxemos colgada ao pescozo. Tamén trouxemos algunha "ferida de guerra" (e se non que llo pregunten a Laura) e algún que outro desmaio. Nótase que a alimentación "mañanera" é a especialidade dalgunhas...
Haille que dar as grazas a Bruno, pola pacencia e polas ganas, que se encargou de todo o papeleo para que puideramos disfrutar deste día. Por certo, imaxino que veriades que tiñamos encargado un espléndido día de sol, non si??

Campo a través Cee 5-12-12

25.11.12

25 de novembro:
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Está claro que non é cuestión de un día, pero non está mal ter un día para recordal. Ademáis da presentación explicando o porqué deste día tedes unhas guías, tituladas "para rapazas", pero que todos debemos ver e pararnos un pouco a pensar nos nosos hábitos.

17.11.12

UNHA SEMANA ATRÁS
IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
Non está mal poñer aquí unha nota sobre as Xornadas de Bibliotecas celebradas en Santiago hai xusto unha semana. E digo que non está mal poñelo hoxe porque hai uns días este blog estaba en folga.
Explícome: está ben que se saiba que o venres pasado, logo de traballar pola mañá, dous profesores do centro (graciñas Rosana, por asistir) marcharon a Santiago, coa comida na boca, para comenzar as xornadas ás 4:30 e saír a eso das 8 da tarde. Na mañá do sábado comenzaron de novo ás 10 e saíron outra vez pasadas as 8. Eso mesmo fixérono algo máis de 1100 profesores e profesoras de toda Galicia, Por suposto sen cobrar un peso, facendo quilómetros con coche propio e pagándose do seu peto o hotel e as comidas.
Certo que algúns non pagamos, xustamente porque nos invitaron a contarlles aos demais a experiencia nacida na nosa biblioteca chamada "Cine para falar" e, xa de paso, falar tamén do "Grupo de Encontro e Debate" que xa son cousas inseparables. Invitación que nos honra e que agradecemos polo recoñecemento que supón ao traballo feito.
E quero dicir esto nestes intres, nos que tanto se fala dos funcionarios, de que o único que nos interesa é a paga de Nadal que non cobraremos e de se temos que traballar máis horas, sen pararse a pensar que menos profesores quere dicir peor atención aos rapaces, por moito que nolo queiran vender envolto en papeis de cores. E tamén quero dicilo, como non, antes de que nos caiga enriba a nova lei de educación(?), que ás veces un pensa mal e resulta que é meigo.
Non é o momento de que me estenda aquí sobre a calidade das xornadas e o que supoñen sempre de aprendizaxe, de innovación, de motivación, que daría tema para un blog completo. A gran pregunta é: seguirán existindo moito tempo??

31.10.12


QUE MEDO ME DÁS!!
Canto medo pasei hoxe no recreo!! Os relatos terroríficos dos gañadores fixeron que o sangue se me conxelase nas veas!
Se non me credes podedes ler vós mesmos os escritos que levaron premio. (E algún cargou ben a bolsa, que levou dous premios, un de relato -en inglés- e outro de ilustración. a que sí, Brais!)
Lamentamos que os premios de Francés quedaran 'defuntos', xa que ninguén tivo o valor de atreverse con eles. Quedaredes de covardes ou o próximo ano haberá relatos nesa lingua?? Tamén podedes ver algunha foto do acontecido, coas caras de medo dos fotografados!

18.10.12

OS ARAOS XA TEÑEN PLUMÓN
Os araos deste curso xa romperon a casca e saíron ao mundo exterior. E este ano tivemos unha boa niñada, tan boa que hai que repartir, cando menos, en dous grupos: os máis veteranos, de 3º e 4º por unha banda (que xa fan un bo grupo)  e os recén chegados de 1º e os de 2º pola outra (que forman un grupo 'enoooorme'). Nas fotos podedes ver a uns cantos, aínda que non a todos.
Seguro que tanto uns coma outros serán capaces de ir superando as dificultades (exames, traballos, deberes...) do camiño, e disfrutarán dos bos momentos, compartindo a súa afección cos outros tolos e tolas que o pasan ben co nariz metido entre as follas dun libro.
  A todos: benvidos e encantados de tervos con nós!!

7.10.12

QUE MARCHA HAI NO INSTI!
Está claro que somos un 'insti' con moita marcha. No primeiro intento non puidemos saír, que o tempo non o permitía. Pero nós non  podiamos permitir que o tempo nos deixase sen saída, así que... este xoves alá fomos. Ata Balarés, un pouco a pé e un pouco andando. Nada se nos resiste, asfalto, dunas, pedras, monte, praia...
Pasámolo ben, (eu polo menos) o ambiente estivo fenomenal e só lamento terf perdido ao brilé. Pero xa me vengarei noutra ocasión! Fallounos un pouco o mar, que xa estaba un tanto invernal, pero seguro que nalgunha outra tamén haberá baño.

17.9.12

RECOMENZANDO
Xa estamos un ano máis "ao pé do canón". Empezamos un novo curso, cos desexos e esperanzas case sen estrear e cos nervios propios do día:
- Con quen me toca?
- Quen é o meu titor?
- Será moi difícil?
- Iremos de excursión?
- Aprobarei todo?
Pois nada, ánimos a todos e todas, que seguro que teremos moi bos momentos e, ante todo, BENVIDO  o novo alumnado que chega este curso. E benvidos tamén os seus familiares, cos que queremos ter boa colaboración. O instituto, e especialmente a Biblioteca, esperamos que estedes moi ben entre nós e que fagamos moitas cousas xuntos.
Aquí vos deixo unhas imaxes do día da presentación. Mirade a ver se alguén ten cara de susto!?

Presentación 1º 12-13 - presentacion imagenes

26.6.12

FELIZ  VERÁN!!
Xa rematamos e só nos queda a despedida por este curso. Esperemos que as notas finais sexan as mellores posibles e, se non o fosen, seguro que podemos amañarnos para que as vacacións si que sexan o mellor posible, que organizándose ben hai tempo para todo.
Mentras tanto o que si podemos facer é ver un resumo do festival de fin de curso, que aí si que había nervios...
Os que queiran coller o vídeo completo (son máis de 30 minutos) pódeno coller do ordenador Nº 1 da biblio. OK?
Pois eso, que FELIZ VERÁN!!

17.6.12

O CLUB DE LECTURA ARAO
Hai uns días os compoñentes dos Clubs de Lectura (alumnos e adultos) fixemos unha saída cara as terras de Álvaro Cunqueiro, visitando a súa cidade natal, Mondoñedo, e algunha outra zona próxima da Mariña de Lugo. Visitamos a catedral máis antiga de España. San Martiño de Mondoñedo e a chamada praia das Catedrais. O único problema foi que a data programada, que non puidemos cambiar, coincidía coa data de celebración das V Xornadas dos Clubs de Lectura, ás que non puidemos asistir, así que lles enviamos un vídeo (nós e o Instituto de Dices-Rois). Con parte das imaxes que gravamos fixeron a montaxe que aquí vos deixo. En breve subiremos ao Canal Vilán o vídeo completo feito no insti.

Xornada Bibliotecas 9 de Xuño Previo from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

14.6.12

LECTURAS REFRESCANTES
Ánimo que queda pouco para rematar o curso!! E como cada ano, cando chegan estas datas, a biblio proponvos unha boa forma de aproveitar as vacacións: uns libros "refrescantes". Xa sabedes que durante o verán podedes levar ata 5 libros.
Aquí vos presentamos unha guía coas nosas recomendacións e algunhas das últimas adquisicións recién chegadas ás nosas estanterías, pro lembrade que un bo libro segue a ser un bo libro por moito tempo que pase, así que, ademais da guía, remexede polas estanterías, que seguro que algún libro hai que está esperando por vós.
E recordade tamén que non sodes os únicos lectores, que entre os maiores tamén hai xente á que lle gusta ler, por iso na nosa/vosa biblio hai un sempre recuncho para os libros dos adultos da casa.

6.6.12


PINTANDO O INSTI
Están os de Plástica qaue non paran. Con Javier ao frente atacan canto atopan ao seu paso. Empezaron polas portas de clase, como podedes ver, e logo, non contentos con eso (afortunadamente) 'atacaron' o muro de entrada do instituto, que estaba tan tranquilo e agora, día si e día non, vese 'invadido' por alumnos armados con pinceis, pintura e gañas de deixar constancia do seu paso por aquí.
Eu non quero dicir nada... pero voulle tirar a picada a Javier e discípulos de que collo número e me poño na cola, que a entrada da biblio está un pouco triste, e pode que o próximo ano...

16.5.12

VITAMINAS NO
DÍA DAS LETRAS

Parece cada vez máis claro que temos que darlle vitaminas ao noso idioma, especialmente nos medios de comunicación, tanto na prensa escrita como na audiovisual, a ver se colle forzas.
Por eso nace esta iniciativa, na que nos invitaron a participar xunto con outros 16 centros de Galicia (17 centros, como o 17, Día das Letras Galegas - Algúns xa están colgados e podedes velos aquí).
Un grupo de rapaces e rapazas voluntarios, de todos os niveis do Instituto, deron lectura ao manifesto. En realidade fixérono dúas veces: unha primeira volta gravando de un en un, cando había oportunidade, e outro no día de hoxe, dun tirón, no día previo ao Día das Letras. Aquí tedes os vídeos para que escollades o que máis vos guste. Seguide orgullosos de ser galegos e non olvidedes darlle ao noso idioma as súas vitaminas cada día.

13.5.12

LETRAS GALEGAS 2012

Desde 1963 celebramos o  17 de maio o día das nosas letras. Escolleuse este día porque o 17 de maio de 1863 publicouse Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
Neste día homenaxeamos cada ano a algunha persoa que se destacara pola súa creación literaria en galego ou pola defensa da nosa lingua. Este ano a persoa designada pola Real Academia Galega é Valentín Paz Andrade.

Aquí tedes unha presentación para achegarvos a súa vida e obra.

1.5.12

SOMOS NUMBER 1
Pois claro, así, in English, 'pa' que logo digan!
O equipo número 1 de toda España no traballo de Euroscola en inglés e, por si fora pouco, segundos de Galicia en Castelán.
Os de 3º peleáronse duramente con xente de toda España, incluídos equipos de 4º e de Bacharelato, de Institutos e de centros privados e saíron vencedores de canta batalla se lles presentou.
O premio non está mal: 24 alumnos, máis o profe, irán a visitar o Parlamento Europeo en Estrasburgo! A visita terá lugar o próximo curso.
Podedes ver aos orgullosos gañadores/as, e ao non menos orgulloso profe, nas páxinas da Voz de Galicia.
Xa vedes que con traballo todo se consigue. Seguro que este premio dará forzas para conseguir moitos máis!

26.4.12

DE LIBRERÍAS NO MES DOS LIBROS
Foi un  'experimento' estupendo e de moi bos resultados eso de ir de "librerías" cos alumnos do Club de Lectura. Como ademais era cedo practicamente toda a Fnac era nosa e puidemos miralo todo con calma e tranquilidade e decidir que era o que queriamos ter na nosa biblio. Que gusto daba ver á xente folleando libros, decidindo... e calculando: canto nos podemos gastar? Por ganas traeríamos cando menos media librería e case toda a sección de cine.... pero todo non podía ser! E hai que ter en conta que había que deixar un tempiño para mirar tamén os 'trapitos', que non todo van ser libros. Verdade, rapazas??
Pena dos que non puideron vir; igual outro día poden ir eles e traer o que alí nos deixamos!

22.4.12

PARA UN AMBIENTE DE LECTURA NA ESCOLA

Coincidindo co Día do Libro 2012, existe unha iniciativa impulsada por Luis Arizaleta (especialista en lectura e desenvolvemento de iniciativas culturais), e na que temos a honra de participar, que nos fai reflexionar aos que a subscribimos, sobre o que el coñece desde hai máis de vinte anos: o ambiente de lectura na escola, e é ese o nome do manifesto que lles invito a ler.
Son doce puntos moi breves pero que, de telos realmente presentes, suporía un verdadeiro reformulación da experiencia lectora, persoal e cultural dos nosos rapaces e rapazas. Para iso dirixímonos a toda a ampla comunidade vinculada coa lectura: escritores, mediadores, contistas, narradores, pais e nais, editores, profesionais da educación...
Aínda que sempre oímos aquilo de “niso todos estamos de acordo” o certo é que no mundo vinculado ao libro e á lectura hai moita leria e adorno estéril, pero tamén temos que dicir que hai moita xente traballando, no noso país e máis alá del, para que as cousas non sexan así. Sabemos que hai unha corrente forte e consolidada de xente que traballa para que os pequenos, medianos e maiores vivan a lectura con pracer e sabemos que, ademais, conségueno. E non deixa de ser significativo que xunto a todas esas persoas, que irán en aumento, ou non, non tiveran dúbida en estampar a súa su firma xente como Francesco Tonucci, ou escritoras como Rosa Aneiros ou Fina Casalderrey, de entre un grupo de 108 profesionais relacionados coa lectura.
O dito, propóñovos a súa lectura:

15.4.12

MES DOS LIBROS
Xa estamos en abril, case sen decatarnos, e temos que celebrar que estamos no mes dos libros. Penso que somos moitos/as, máis dos que a xente imaxina, aos que nos gusta esa tolemia da lectura.
Unha casa editorial fixo unha presentación, que si ben ten motivos comerciais, non deixa de explicar bastante ben algúns momentos polos que pasamos os lectores. Nalgunha ocasión, posiblemente en máis de unha, nos temos visto a nós mesmos coas mesmas sensacións, metidos no libro, alleos ao mundo, querendo saber e ao mesmo tempo querendo que non se acabe... Xa me diredes si estou no certo:

29.3.12

AO SOL DE PRIMAVERA
Xa temos aquí as vacacións da semana santa que chegan coa primavera. Este ano máis veraniegas que nunca, cun sol que quenta que parece pleno verán.
E debe ser que todo florece nesta época, porque tamén florecen os Araos: queremos darlle a benvida a tres novas lectoras que se non unen agora, e espero que por moito tempo. Benvidas Adela, Desi e Laura, encantados de tervos con nós!
Pois xa sabedes, coma sempre, tedes a nosa guía de suxestións (e xa sabedes que hai moitos máis) de lectura.
Unhas recomendacións, entre moitas posibles, para tumbarse na herba a ler un cacho. E non te preocupes se a vista se che perde de cando en vez nas flores que andan a rebentar nas árbores ou o canto dos paxaros, coas súas reviravoltas aéreas nos fagan levantar a vista da páxina na que estamos.
A primavera é así, a vida é así, a lectura é así.

27.3.12

SECRETO DESCUBERTO??
Hoxe tivemos un encontro, un moi agradable encontro, cos creadores do Mundo Secreto de Basilius Hoffman, Fernando Cimadevilla (escritor) e Iván Valladares (ilustrador), que nos desvelaron parte dos segredos do libro e nos puxeron os dentes longos esperando a segunda parte.
Ademais Iván deleitounos mostrándonos o traballo, enorme, previo ás ilustracións definitivas. Como botón de mostra vimos os estudos de anatomía dos "felinos", para conseguir a súa forma definitiva e saber entón como se "moven" ata os estudos sobre o "Argestes" e o seu funcionamento. Impresionante.
Queremos agradecerlles a santa paciencia, xa que tivemos que pospoñer a visita nunha ocasión, e o ofrecemento de enviarnos un debuxo orixinal adicado.  Por outra banda lamentamos que xusto hoxe (xa era moito cambiar datas) houbera membros do club que non puideron asistir á reunión. Pero en fin, como quedamos convocados para o segundo volume... xa haberá tempo.
Aquí vos deixo unhas fotos de mostra:
Encontro secreto on PhotoPeach

19.3.12

O rei dos escaques
Xa temos o rei coroado deste curso: José Manuel Sar, de 2ºA.
Logo de arduas batallas e dun combate singular con Pablo, saíu vencedor na loita pola coroa. O seu reino conquistado: un xadrez electrónico, que lle permitirá mellorar (aínda máis) o seu xogo, aínda que os amigos dinlle que vai ter un problema: coa máquina non hai quen faga trampas!
De momento parece que a febre dos escaques sigue viva no Instituto, así que o curso próximo: máis xadrez! Conseguiremos no Escaques VII do próximo ano que haxa rapazas competindo?

7.3.12

8 de marzo
DÍA INTERNACIONAL
DA MULLER
Aínda que son moitas as conquistas, segue existindo a necesidade de seguir loitando para garantir a igualdade de dereitos da muller no mundo e acabar coas situacións discriminatorias. As diferencias, que aínda existen, teñen que desaparecer. Non podemos dar nin un só paso atrás, non pode haber recortes na igualdade. Todos e todas xuntos temos que ir avanzando neste difícil camiño.
Moitas mulleres ao longo da historia foron dando pasos decisivos. Esta presentación pretende ser unha homenaxe a todas elas, cunha pequena, e á vez grande, representación.





4.3.12

OS FANTÁSTICOS LIBROS VOADORES DE MR. MORRISON

(Ou libros para IPad)

 Parece existir o consenso de que un dos mellores libros disponibles para iPad é The Fantastic Flying Books of Mr. Morris Lessmore de William Joyce. Blog “Monkey zen”:

“Nos libros infantís a historia é unha parte fundamental.  Porén, as ilustracións son partes cruciais para atrapar a atención dos nosos pequenos lectores. É neste aspecto no que The Fantastic Flying Books of Mr. Morris Lessmore ten todas as de gañar. O autor do libro é un ilustrador que publicou o seu traballo en varias portadas da revista New Yorker, creou personaxes para Pixar e traballou para empresas como Dreamworks e Disney. Todo este impresionante currículum vese inmediatamente reflectido no marabilloso que é navegar na aplicación e a impresionante naturalidade con que o lector pode interactuar coa obra. 
E a curta completa, maravilla de animación, picando aquí!  Paga a pena! (Vía: Mesturas")

24.2.12

ENTROIDO 2012
Outro ano de entroido no Insti. Disfraces, maquillaxe, colores e sabores... Un día distinto, relacións distintas. Ese día non practicamos matemáticas, prácticamos unha coreografía xuntos, profes, profas e alumnos alumnas. Chocolate e baile. Jaime a toda mecha aos mandos do son, Charo facendo filigranas para que todo cadre, o de sempre gravando como pode o que por alí pasa... 
Non cabe aquí todo o que me pedides de ver. Iremos deixando anacos de vídeo no "Canal Vilán". Estade atentos. De momento aquí queda esta mostra:

15.2.12

CARTAS PREMIADAS
Xa temos preparadas as cartas que resultaron premiadas no certame de onte. Xa veredes como non mentía cando dixen que ademais dos talentos musicais habiaos literarios.
Desta volta non houbo máis que un atrevido/a que escribira nun idioma estranxeiro. Fallaronme os de inglés!! Como somos discretos, deixamos os textos firmados co pseudónimo...
Este ano, curiosamente, o xurado tivo serios problemas para otorgar os premios do segundo ciclo. E foi unha pena ter que deixar desertos premios no primeiro ciclo, que case sempre se distingue pola alta participación. Pero seguro que outro ano se compensará cunha participación masiva.
Aquí tedes os textos:

14.2.12

PALABRA NAMORADA 2012
 Este ano, as palabras namoradas do noso Insti tomaron camiños novos: fíxeronse carta e fixéronse canción. Ademais os nosos carteiros do amor tamén tiveron traballo, aínda que seguro que en vindeiros anos han ter máis.
O que si está craro é que os talentos 'ocultos' (non tanto) do alumnado non deixan de sorprendernos. Non só os hai que escriben moi ben, e con moito sentimento, é que ademais cantan moi ben, (e algunha especialmente ben, verdade Laura?) como quedou demostrado hoxe. Sentímolo por Érica, que non poido cantar a súa canción (fallos da técnica, a pesar dos nosos esforzos, sorry so much!), e todos sabemos desde o festival anterior o ben que o fai.
Queredes que a próxima vez as cancións sexan adicadas?

9.2.12

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
UN GRANDE
E resulta que, como todos os grandes de verdade, é unha persoa encantadora, cercana, acolledora... que consegue que unha vídeo-conferencia se pareza máis ben a un encontro entre amigos no salón da casa. Fala e di as cousas, como nos seus libros, cunha claridade que fai que todo pareza fácil.
Acabamos de ler, no Club Arao de adultos, o seu libro "Non hai noite tan longa" (enlace): fácil de ler, clariño, que te leva suavemente pero con firmeza... e logo nos conta o traballo que lle levou: os apuntes, as notas biográficas, a documentación, os debuxos dos lugares, o primeiro proxecto, os sucesivos borradores... e o traballo de 'limpeza', de 'debullar' as palabras, as frases, de 'sacrificar' parágrafos, capítulos...Tes que lelo unha segunda vez (unha terceira, dentro dun tempo) para ver ese traballo, porque na primeira simplemente te deslizas polo texto con total suavidade. E aínda ten tempo de comentar a entrada no blog do noso club!
Grazas, Agustín, por este libro, por tantos outros e polos que veñan. Grazas por ser.


6.2.12

BICENTENARIO DE CHARLES DICKENS
Hoxe, 7 de febreiro, celébrase o bicentenario do nacemento de Charles Dickens. Charles Dickens, escritor inglés da época victoriana,  naceu o día 7 de febreiro de 1812 en Inglaterra. É un dos novelistas ingleses máis recoñecidos da literatura universal. As súas novelas e relatos foron moi coñecidos mentres estaba vivo o escritor e, na actualidade, estanse reeditando continuamente.
Na súa época (s. XIX) adoitaban   escribirse as novelas por entregas e el así o viña facendo. Cada nova entrega era esperada con entusiamo polos seus lectores.
Entre os seus relatos é moi coñecido Conto de Nadal. Aquí tedes un fragmento dunha animación sobre esta pequena novela.
Entre as súas novelas máis coñecidas: Oliver Twist, David Copperfield , A pequena Dorrit, Historia de dous cidades, Grandes esperanzas...


3.2.12

O BUZÓN DO AMOR
Achégase o día de San Valentín e, coma todos os anos, achégase Palabra Namorada. Este ano temos un buzón do amor no que podedes depositar as vosas cartas de amor (ou desamor). Tedes ata o día 10 para entregar as vosas misivas.
E si queredes que as cartas cheguen a un destinatario/a en concreto non tedes máis que avisalo na propia carta: indicádenos a quen queredes que se lle entregue e, o mesmo día 14, a nosa escuadra de "Carteiros do amor" fará entrega da mesma.
As bases tédelas na entrada da biblio, así como o buzón no que deixar as vosas cartas.

28.1.12

CONSTANCIA
Non sei por que sería, pero vendo este vídeo que aquí vos deixo, non puiden menos que acordarme dos meus alumno/as. Que mos recordaría?
Cantas veces lles falamos de que as cousas non sempre saen á primeira. Cantas veces insistimos na constancia no esforzo para chegar a conseguir algo a pesar das dificultades e dos erros cometidos no camiño. As cousas boas requiren esforzo, e a constancia ten o seu premio, seguro que mellor que o do porquiño do vídeo:

22.1.12

CONVERSAS NA BIBLIO

Xa sabiamos que os alumnos/as do Club de Lectura deste centro non andaban moi ben da cabeza (A quen se lle ocorre andar a ler libros!??) pero é que ultimamente xa empeza a cousa a ser preocupante: dáselles por afirmar que os libros falan entre eles cando non os vemos, e que incluso están preocupados pola forma de actuar dos lectores. Eu non cría nada disto, pero eles din que deixaron unha cámara oculta e que gravaron o que aquí vedes. Cada un que saque as súas conclusións:

10.1.12

Celso Emilio Ferreiro
Isaac Díaz Pardo
DÚAS FIGURAS  SENLLEIRAS
Estes días de atrás cadraron dúas datas moi importantes para o noso país. Dunha banda tivemos a centenario do nacemento dun dos máis grandes poetas das nosas letras: Celso Emilio Ferreiro, que non só escribiu sobre temas sociais, senón que fixo algunha da máis sentida poesía amorosa da nosa lingua.
Doutra banda abandonounos Isaac Díaz Pardo, un dos últimos pensadores galeguistas, intelectual, artista, creador... Aquí podedes ver un traballo sobre a súa persoa que elaborou o equipo de biblioteca do IES de Elviña. E tamén podedes velo a el mesmo neste vídeo: