14.12.23

Obradoiro de adornos navideños nos recreos

 Achégate pola Biblio nos recreos da vindeira semana e crea os teus propios adornos para un Nadal moi especial.

Empregaremos materiais de refugallo e da natureza para facer bonitas decoracións coas que engalanar as nosas árbores e os nosos fogares. 

Dálle un toque persoal ao teu Nadal facendo adornos únicos e respectuosos coa natureza ao mesmo tempo que pasas momentos irrepetibles cos teus amigos.

Ánimate... agardamos por ti!




28.11.23

Mes da Ciencia en Galego na Biblio: O mundo microscópico

 Conmemoramos o Mes da Ciencia en Galego cunha actividade relacionada co mundo microscópico na que o alumnado puido ver diferentes tipos de células a través dun microscopio óptico. 

Esta actividade foi organizada por parte do voluntariado da Biblioteca e que foron os encargados de realizar o mural que se colocou na entrada da Biblio e amosar ao resto de alumnado as mostras de observación.









24.11.23

Violentómetro e coidómetro: 25N

 A violencia contra as mulleres e as nenas segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis estendida do mundo.

Todos os 25 de novembro se conmemora o Día contra a Violencia de Xénero e no IES Pedra da Aguia realizamos un marcapáxinas que será repartido entre todo o alumnado do centro e que nos axudará a identificar as relacións tóxicas que debemos evitar e que tamén nos servirá para medir esas relacións saudables que todo o mundo merece.

Por un lado do marcapáxinas temos un "violentómetro" que serve de aviso para identificar as malas condutas, tamén as máis sutís. E pola outra banda, o "coidómetro" permítenos medir se a nosa relación é positiva e saudable.




24.10.23

Día das Bibliotecas

 O día 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas co acendido do noso faro dos libros.

O voluntariado da Biblioteca construíu un faro, símbolo do noso Concello e da vitoria da luz sobre as tebras, e leu un texto en homenaxe e agradecemento a eses lugares que nos ofrecen o refuxio e a compañía dos libros.

Podedes ver máis fotografías e ler o manifesto nos documentos adxuntos.

Feliz Día das Biblios e que sigan a guiar o voso camiño!





26.9.23

Día das Linguas

 O Día das Linguas é unha iniciativa do Consello de Europa para pór en valor a diversidade lingüística da Unión Europea e fomentar a aprendizaxe de distintos idiomas.

Conmemórase o día 26 de setembro e no IES Pedra da Aguia celebrámolo cun recital poético no cal alumnado de todos os cursos leron un fragmento do poema "O neno morto", de Lupe Gómez, nas distintas linguas que falan os nosos alumnos e alumnas.

Galego, castelán, catalán, portugués, árabe, francés, inglés, italiano e éuscaro foron os idiomas que se escoitaron na nosa Biblioteca nun acto artístico e reivindicativo do valor de todas as linguas coma patrimonio da Humanidade






25.9.23

Durante esta 1ª avaliación contamos con nove sesións da hora de Ler. Comezamos o luns 2 de outubro na 1ª sesión!
Este ano elaboraronse itinerarios de lectura para cada nivel que serán presentados nas aulas durante esta semana, antes do comezo da Hora de Ler. Aquí vos deixamos o link para acceder aos itinerarios lectores.

19.9.23

Benvidos/as ao curso 23/24!

Continuamos un ano máis coa proposta dos Clubs de Encontro. Se estades interesados/as, é o momento de que propoñades un club ou de que vos sumedes a unha ou varias das propostas doutros/as compañeiros/as. Na entrada da Biblio tedes estes carteis para anotarvos. Non perdas a oportunidade de compartir as túas afeccións!

11.6.23

 4º DESPÍDESE

    Outro curso que está a piques de rematar e, para algúns, remata tamén unha etapa. Rematan o curso,  rematan a ESO e toca "cambiar de aires".

    Fagan o que fagan a partir de agora espero que a tod@s lles vaia moi ben, que triunfen no que sexa que escollan e espero tamén que veñan por aquí a visitarnos de cando en vez.   SORTE!

 

7.6.23

Encontro online con Nando López

 O alumnado de 1º da ESO asistiu o luns 5 de xuño a un encontro grupal online co autor Nando López para falar do seu libro "Por qué tiene que ser todo tan difícil", publicado en 2017. Esta obra de teatro,  recollida na lista de lecturas obrigatorias do Departamento de Lingua Castelá, foi o punto de partida para tratar diferentes temas de interese para os adolescentes, como por exemplo a importancia das amizades, a necesidade de sentirse integrado nun grupo e a dificultade de encarar os conflitos internos nunha etapa de constantes cambios. 


O autor contestou as preguntas formuladas por estudantes de institutos de toda España e asegurou sentirse moi satisfeito pola boa acollida que os seus libros teñen entre o alumnado máis novo. Nando López coñece ben ao seu público posto que, como el mesmo explicou, durante anos foi profesor de ensinanza secundaria e moitos dos seus personaxes están inspirados de alumnos seus. 




5.6.23

VII Torneo Intercentros De Xadrez no IES Rafael Dieste

O pasado venres 2 de xuño, tivo lugar a final do VII Torneo Intercentros de Xadrez no IES Rafael Dieste en A Coruña. O alumnado finalista dos centros IES Salvador de Madariaga, IES Urbano Lugrís,  IES Fernando Wirtz, IES Rafael Dieste e Fabio Pasantes de 4ºESO representando ao noso IES, enfrentáronse nunha dura final polo premio.



Durante a xornada contamos co Mestre Internacional de Xadrez, Jacobo Caselas, quen disputou partidas simultáneas con todo o alumnado participante.

Do noso IES levamos a 20 alumno/as que participaron previamente no Torneo de Xadrez no centro, moitos deles forman parte do club de Xadrez do instituto.





24.4.23

Conmemoración Semana do Libro

 Coa conmemoración da Semana do Libro no noso instituto realizarase un torneo de Trivial por equipos desde o mércores 26 de abril ata o mércores 10 de maio, día da gran final!

Iremos amosando as fotos dos encontros e as novas do torneo!






14.4.23

Encontro con Manuel Núñez Singala

 O vindeiro martes, 18 de abril, manteremos un interesante encontro co escritor Manuel Núñez Singala.

A 3ª hora participará o alumnado dos Clubs de Lectura que leu a obra narrativa "Noite de temporal". A 4ª hora será a quenda para o alumnado de 3º PDC, os cales estiveron lendo e traballando coa obra teatral "O achado do castro".



Amosámosvos algunha foto do encontro.



Noraboa ao autor pola obtención do premio dos Clubs de Lectura 2023.

30.3.23

Concurso Trivialízate

 Apúntate ao concurso cultural por equipos co que a Biblio conmemorará o Día do Libro. 

Celebrarase nos recreos da semana do 24 ao 28 de abril.

O premio para o equipo gañador será unha fantástica excursión no mes de xuño.


Apúntate no taboleiro da entrada da Biblio e pídenos máis información se a precisas. 




29.3.23

Hora de Ler 3ª avaliación

 Á volta das vacacións retomaremos a hora de ler o día 18 de abril na primeira sesión.

Non esquezades traer as vosas lecturas favoritas para gozar desta actividade!




22.3.23

22 de marzo: Día Mundial da Auga

 Conmemoramos esta data coa lectura do libro de Antía Yáñez, "Be Water" por parte do alumnado de 2ºESO. 

Para máis información sobre o libro e as actividades do encontro accede ao Blog Arao.




14.3.23

I Día do Cómic

 Este venres día 17 de marzo celebramos na Biblioteca o I Día do Cómic.

Para conmemorar esta data haberá unha exposición de exemplares e unha pequena mostra das actividades que se levan facendo no Club de Cómic desde novembro.




Ademais, durante o 1ºrecreo dese día na Biblioteca, o profesor Felipe Bueno, realizará un breve taller sobre a adaptación dun texto a cómic. Para asistir ao taller requírese inscrición previa. Se estás interesado/a apúntate na folla do taboleiro da Biblio, as prazas son limitadas!

 

Esperamos que gocedes moito deste día!

27.2.23

Torneo de xadrez

 Durante o mes de marzo levarase a cabo un torneo de xadrez organizado polo club de xadrez, grazas ao seu coordinador Aitor Costa de 4ºESO e ao profesor Felipe Bueno.

Ilustración de Venus Márquez de 2ºA

As partidas realizaranse na aula 2 durante un dos recreos de martes a venres, seguindo o calendario adxunto na imaxe e que está colgado no taboleiro da entrada da Biblioteca.


Aquí deixamos algunhas fotos das primeiras partidas.




23.2.23

Concurso de Cómic

 Aberto o prazo para o I Concurso de Cómic "Leo porque quiero" organizado polo Ministerio de Cultura e Deporte. A temática do mesmo estará enfocada ao fomento da lectura. Podes consultar as bases do concurso no taboleiro da entrada do instituto.

Moi importante: data límite de entrega na Biblio, venres 10 de marzo. Acompañado dunha fotocopia do teu DNI, e un papel co título da obra, nome e apelidos.


Para máis información, pasa pola Biblio.




14.2.23

Alumnado premiado no concurso de cartas

 Xa coñecemos os gañadores do concurso de cartas de amor insólitas co que conmemoramos a Candeloria. 

Na categoría 1º e 2º de ESO, o gañador do primeiro premio foi Iago Gerpe e o segundo premio recaeu en Daniel Castro.

Na categoría de 3º e 4º da ESO, o primeiro premio foi para Marcos González e o segundo, para Alba Pérez. Parabéns a estes grandes artistas!





26.1.23

Concurso de cartas de amor insólitas

 Celebra a Candeloria, a festa galega dos namorados, participando nun concurso de cartas de amor insólitas.

Establécense dúas categorías (1º-2º ESO e 3º-4º ESO) dotadas cun primeiro premio (50 euros) e un segundo premio (30 euros), para gastar no comercio local do concello.

Atoparedes as bases do concurso colgadas na cortiza das vosas aulas.

Na Biblioteca tamén se porá á vosa disposición unha "caixa de correos de afectos" onde podedes depositar as vosas mensaxes de cariño, amizade, etc., que serán entregadas aos seus destinatarios o día 14 de febreiro. 

Nesa mesma data farase público o resultado do concurso de cartas.

Desatade a vosa imaxinación e animádevos a participar!






10.1.23

Hora de Ler 2ªavaliación

O vindeiro venres, día 13 de xaneiro, retomamos a "Hora de ler" como actividade semanal de fomento da lectura.

Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo dedicaremos unha sesión á lectura, tal e como podedes consultar neste calendario.

Non esquezades traer o voso libro favorito e gozade da actividade!