9.6.25


ACTIVIDADES ORGANIZADAS ESTE CURSO

 A Biblioteca Escolar foi este curso o eixo de organizador da maior parte das actividades culturais e vertebrador da colaboración entre os diferentes departamentos e niveis do Centro.



O Día das Linguas celebrámolo o 27 de setembro cunha actividade de escrita artística de palabras de afecto e benvinda en idiomas e alfabetos de todo o mundopor parte do alumnado de 1º da ESO, con que decoraron os taboleiros ás portas do Centro e na entrada da BE, onde posteriormente alumnado voluntario de 2º, 3º e 4º recitou un poema de Luísa Villalta que foi lido en diferentes linguas europeas, algunha delas lingua materna tamén do noso alumnado: éuscaro, catalán, francés e italiano. Para a lectura en castelán, unha composición de Gloria Fuertes. Ambos os textos trataban sobre o valor creador da palabra. E, por último, unha cantiga de arrolo en árabe, lingua de orixe de cinco alumnos do noso Centro.


Festexamos o noso “fin de ano tradicional” celebrando as colleitas e honrando os defuntos coa festa de Samaín, en que organizamos un programa con decoración de portas (feito nas titorías), magosto, xogos, canto e baile tradicionais e unha noite no centro para 1º e 2º da ESO (con contadas, observación astronómica).


Durante a segunda quincena de novembro festexamos o mes da ciencia en galego coa colaboración dos departamentos de Bioloxía, Física e Química, Matemáticas e Tecnoloxía. Na entrada da Biblioteca dispúxose unha estación de observación microscópica, houbo un concurso de enigmas matemáticos diarios durante unha semana e prácticas nos recreos de impresión 3D.



Entre a última semana de xaneiro e a primeira de febreiro festexamos a Candeloria xunto co EDLG, celebrando un concurso de cartas de amor en que participou o alumnado de todo o centro coa colaboración dos departamentos de linguas (Inglés, Castelán e Galego). As cartas foron expostas polo centro e espertaron a curiosidade polo significado desta data no noso ciclo anual. O EDLG realizou unha exposición de catrtaces informativos sobre tradicións e simbolismo asociado á festividade. 


Para conmemorar o Día de Rosalía conxuntamente co da Lingua Materna estendemos a iniciativa que hai anos impulsa a Fundación Rosalía de Castro e celebramos unha xincana de obradoiros para todo o centro arredor do Caldo de Gloria, coa colaboración dos departamentos de Plástica, Educación Física, Lingua Galega e o EDLG.



O Entroido foi outra das actividades do centro impulsada pola BE xunto co Departamento de Música e as titorías. Tivemos bailes, desfiles e unha presentación realizada polo alumnado de PC de 1º da ESO sobre o Entroido na Galiza.


En marzo celebramos o Mes da literatura do mar na BE, e convocamos un concurso de selección e recitado de textos multixenéricos sobre o mar que o alumnado podía traer da casa ou seleccionar dunha exposición de fondos bibliográficos sobre o tema presididos por un faro de libros que montamos na biblioteca. O alumnado voluntario axudou na decoración.


                                       


No mes de maio o alumnado de 1º da ESO  participou dun encontro co escritor Xurxo Rodríguez Baña, autor dun dos libros do club de lectura de Naufraxios. Foi unha das actividades expresamente ben ponderadas na enquisa de avaliación da BE en que colaboramos e que foi organizada polo Departamento de LGAL e mais o EDLG.



No mes de xuño os fondos bibliográficos da nosa Biblioteca sobre a nosa contorna serviron de base para o roteiro cultural e literario realizado polo alumnado de 4º da ESO ao longo do litoral de Camelle, desde o coído de Sabadelle até o espigón e que tivo como protagonistas a figura de Man, os traballos de Baña Heim e o seu alumnado e mais o Museo dos Naufraxios.


Nas actividades semanais da Biblioteca organizarse un espazo de Lecturas ao Vivo durante o segundo tempo de lecer dos xoves, con actuacións dramatizadas e participación de alumnado de diferentes niveis. A súa finalidade central foi a de explorar algunha das múltiples posibilidades que ofrecen os textos, mais enfocándoo cara estratexias orais: pregón, recitado literario, teatralización etc. As persoas protagonistas foron variadas ao longo do curso, aproximadamente unhas 15 distintas, e o público foi, maioritariamente, o que xa estaba de por si na biblioteca, é dicir, apenas se xerou público ex profeso. Cómpre indicar que o ambiente para o desenvolvemento destas actividades non sempre foi o recomendable, o que indica que hai que insistir en tarefas de concienciación e sensibilidade cara o traballo (en especial desta natureza) dos demais.


 CLUBS  DE ENCONTRO 24/25: CULTURA E DIVERSIÓN NOS TEMPOS DE LECER

Dinamizados pola BE, en todos os tempos de lecer o alumnado do noso centro tivo a ocasión de participar nalgún club de encontro organizado por profesorado de diferentes departamentos. Os clubs propostos neste curso 2024/2025 foron: coro, escritura creativa, horta escolar, interpretación teatral de textos literarios, palillo, videoxogos e xadrez. A participación foi de entre 45 e 50 alumnos.

O coro escolar estivo composto por once alumnos e alumnas de 1º a 4º da ESO e tres profesoras, que se reunían unha vez á semana durante o recreo. Preparáronse cancións en galego, francés e castelán, fomentando así a diversidade lingüística. O proxecto foi coordinado pola Biblioteca e polo Departamento de Lingua Francesa e para a instrumentalización dos temas contouse coa colaboración do Departamento de Música, configurándose así como un proxecto interdepartamental. Grazas ao compromiso de todos e todas, o coro consolidouse como unha actividade lúdica, formativa e integradora de diferentes perfiles e sensibilidades do alumnado. 


O club de escritura, organizado polo dpto. de LGAL realizouse unha vez por semana con dous integrantes: alumna de 4ºda ESO e o docente mediador. Reflexións sobre o proceso de escritura e creación de textos diversos, non só literarios. Importancia da análise crítica como lectora como paso necesario para ser unha mellor creadora. A alumna gañou o certame de novembro do programa prensaescuela de La Voz de Galicia.

O club de encontro Horta Escolar, contou neste curso 24/25 cun total de vinte e dous  participantes, doce do cales foi alumnado, principalmente de 1ºESO, xunto con dez profesores e profesoras (que recibiron formación, a través dun PFPP, sobre cultivo ecolóxico da man de Amigas da Terra). Os seus obxectivos foron coñecer técnicas básicas sobre o cultivo ecolóxico de diferentes variedades de plantas e sobre o coidado e o control de pragas; observar os procesos naturais que afectan ao desenvolvemento das plantas e incluír e fomentar a participación do alumnado. Todos os días da semana un grupo de profesores e alumnos foron á horta para facer tarefas concretas; o alumnado amosouse moi participativo e entusiasmado, mantendo a maioría o seu compromiso.

O club de interpretación organizado polo dpto. de LGAL contou con catro integrantes: tres alumnos de 2º e un docente. Do xogo teatral das primeiras sesións pasouse aos ensaios de diferentes teatralidades (xestuais ou verbais, tráxicas ou cómicas, etc.) e púxose en práctica o aprendido actuando para a comunidade escolar en varias ocasións.

O club de palillo desenvolvouse principalmente nos segundos recreos de toda a semana agás os martes. Este grupo estaba composto por 12 integrantes, 6 profes e 6 alumnas. O obxectivo deste club é que os participantes aprenderan os puntos básicos do arte do palillo, arraigado aquí nesta terra camariñá. O club participou na o 15 de maio na I Feira da educación, formación e emprego.



O club de videoxogos foi proposto e mediado por un docente do Dpto. de Lingua Inglesa e neste curso consistiu nun campionato de combates Pokémon que comezou en novembro e finalizará, aproximadamente, a mediados do mes de xuño. Cada venres realizáronse dous combates no recreo e levouse constancia da clasificación nunha páxina en liña para que o alumnado soubese cal foi o seu rendemento a final do curso. Creouse tamén un curso en E-Dixgal onde se subiron os materiais necesarios para que os participantes estivesen en igualdade de condicións: listaxe de todos os equipos inscritos cos seus ataques, lista de debilidades e fortalezas de cada tipo de pokémon, repeticións dos combates máis salientables e ligazóns á clasificación e outros recursos Pokémon. Tamén se realizaron medallas para os tres primeiros clasificados e outras para o resto de participantes co material dispoñible na aula de Polos Creativos. De cara ó curso que vén, escoitáronse propostas de mellora por parte do alumnado, como a realización de combates dobres, por parellas, ou con outros requisitos para aumentar a dificultade. 

O club de xadrez foi proposto e conducido por unha docente do Dpto. de Matemáticas. Contou coa participación de seis estudantes que se reunían de forma regular no primeiro recreo dos xoves para xogar partidas entre eles. A dinámica foi sinxela: os alumnos emparellábanse libremente e disputaban partidas amigables, fomentando tanto o pensamento estratéxico como o respecto polas normas e polo rival. Ao longo do curso, observouse unha participación constante e entusiasta por parte do grupo. Destaca especialmente a boa sintonía que se xerou entre os participantes, que crearon vínculos de amizade entre estudantes que non se coñecían previamente. A valoración da actividade feita pola docente a cargo é moi positiva, tanto polo compromiso mostrado polos alumnos como polo ambiente de compañeirismo que se logrou construír.

26.3.25

 MALETAS VIAXEIRAS

Até o 23 de Abril están expostas na Biblioteca Escolar obras den banda deseñada e de álbum ilustrado que se poden emprestar até antes de Semana Santa. Bótalles o ollo e seguro poderás atopar títulos que sexan do teu interese!!



3.5.24

VIII Torneo de Xadrez Intercentros en A Coruña

 O venres, 3 de maio, un grupo de alumnos de todos os cursos asistiu ao VIII Torneo de Xadrez Intercentros que se celebrou no IES Fernando Wirtz da cidade da Coruña.

No torneo participaron centros educativos de toda a provincia e os nosos representantes nas finais foron Alejandro Lobelos (4º ESO), Raúl Salvador Mouzo (3º ESO) e Xabier López (2º ESO). 

A xornada resultaou moi amena e foi unha gran oportunidade para compartir a paixón polo xadrez con alumnado doutros institutos.









2.5.24

Novidades de abril

 Aquí vos quedan as últimas adquisicións da Biblio. Xa podedes levar prestado o voso exemplar preferido!