30.1.11

30 de xaneiro
DÍA ESCOLAR POLA PAZ
A pomba foi historicamente considerada símbolo universal da paz. A orixe deste símbolo vén da Arca de Noé, cando a aparición dunha pomba cunha póla de oliveira no bico, anunciou que podían volver a terra, que xa desaparecera o perigo.

A festividade do Día Escolar pola Paz e a Non-violencia, foi declarada en 1964, coincidindo coa data do falecemento de Mahatma Ghandi, considerado o pai do pacifismo, que morreu un día 30 de xaneiro de 1948.

Para celebrala déixovos aquí un fermoso poema de Celso Emilio Ferreiro.

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.
>

No hay comentarios: