28.11.18

Atende os sinais! Día Internacional da Non Violencia contra a Muller



A Biblioteca súmase aos actos do 25N. Un ano máis, infelizmente, non temos nada que celebrar. A xornada do venres, 23 de novembro, pasou a ser no noso centro unha ocasión para reivindicar a dignidade e integridade de todas as mulleres, que dun xeito ou doutro, poden estar en risco de padecer algunha forma de violencia. Adiantámonos, pois, por razóns de calendario, á xornada do domingo onde innumerables accións de rexeitamento cara a violencia machista percorreron o pais, e berraron un "basta xa!" claro e rotundo.
Desde a biblioteca, o noso voluntariado colaborou coa construción dun violentómetro, para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa cunha mensaxe clara: violencia non é só asasinato. Antes de chegar aí, hai todo un proceso de desgaste psicolóxico e físico da persoa agredida, que convén parar canto antes. Para pensar sobre este tema, o alumnado repartiu folletos con esta escala da violencia, ademais de ler varios poemas de Alba Canosa (antiga alumna) e Izaskún Santos (3ºC) que abordaban aspectos relacionados coa temática.
Ao acto asistiron Sandra ínsua e Rebeca Montes, Alcaldesa e Técnica de Igualdade do Concello de Camariñas, onde tamén se leu o manifesto e se gardou un minuto de silencio polas vítimas. A xornada rematou cunha fotografía con toda a comunidade dándolle as costas a esta lacra social, cunha morea de globos e mochilas negras onde se podía ler o lema "Camariñas en negro".


No hay comentarios: