8.6.21

Día Mundial do Medio Ambiente 2021

A cabalo entre o mes de maio e xuño, e tendo no horizonte o Día Mundial do Medio ambiente do próximo 5 de xuño, chegou á BE unha maleta emprestada polo CEIDA, o centro de referencia para a educación ambiental en Galicia, unha maleta ateigada de libros ben vistosos e interesantes sobre os océanos. A iniciativa a cargo do departamento de Bioloxía contou co noso apoio para lle mostrar ao alumnado fontes de consulta adaptadas á súa idade sobre este tema e os principais problemas medioambientes que padece.
Toda a actividade consistiu nunha mostra dos fondos na entrada da biblioteca, a organización dunha xincana temática pensada para que o alumnado de 1ºESO manipulara e consultara estes libros viaxeiros. En días a seguir, persoal do CEIDA achegouse ao centro para impartir unha charla sobre esta cuestión e, xa por último, celebrouse o obradoiro “crebeiros”, onde analizaron diferentes tipos de refugallos encontrados nas praias da zona. A actividade foi do interese da rapazada!

Para quen queira saber máis sobre o labor que realiza o CEIDA, deixamos por AQUÍ o acceso á web.

      


Esta iniciativa entronca coas actividades programadas no marco da Axenda 2030 do Desenvolvemento Sustentable que promove a nosa Biblioteca Escolar, concretamente co nº14 arredor do coidado dos océanos e a vida submariña.





No hay comentarios: