Hoxe, o alumnado e o profesorado de 1ºESO e 2ºESO, recibimos a visita de Marilar Aleixandre que veu falar da súa obra "A Cabeza de Medusa" para conmemorar o 25N. Esta actividade levouse a cabo grazas ao programa "Pasemos Páxina" organizado pola asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O fío conductor da charla foi a propia novela, que serviu para tratar a violencia sutil e non reflexionada que envolve o noso día a día e á que estamos habituados.
Narradora, poeta, tradutora, Marilar Aleixandre usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non todos os bichos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos ou poemas. Desde 2017 forma parte da Real Academia Galega, cun discurso sobre Voces termando da paisaxe galega.
Vive en Santiago de Compostela onde escribe e investiga na argumentación e Didáctica da bioloxía. Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares.
No hay comentarios:
Publicar un comentario