17.3.11

Desde o IES da FONSAGRADA
Parece que aos nosos amigos da Fonsagrada gústalles 'complicarse' a vida. Mirade o vídeo e veredes cal é o destino final, que, evidentemente, non podía ser outro.
Non quero nin pensar nos traballiños que pasarían para facer algo tran espectacular, pero seguro que tamén o pasaron bomba polo camiño. Que cantidade de xente colaborando nunha mesma idea!
A nosa noraboa desde aquí, tamén cun anaquiño de envexa da boa!

16.3.11

JOSEFINA ALDECOA
Recibimos a noticia triste de que finou Josefina Aldecoa. Foi a autora, entre outras cousas, do precioso libro "Historia de una maestra" que limos o curso pasado no noso club de adultos.
Pero non era simplemente unha escritora; Josefina adicou a súa vida ao ensino, creando e dirixindo un centro (Estilo) en plena era franquista e que se basa nos principios da Institución Libre de Enseñanza.
Foi quen, ademais, de demostrar as capacidades e o bon facer das mulleres nunha España na que iso era case impensable. Superou a morte -e a sombra como escritor- do seu marido, Ignacio Aldecoa, e creou unha obra propia, de gran sensibilidade e calidade literaria.
Ela deixounos, a súa obra queda.

11.3.11

VALE, VALE, XA ESTÁ
Logo da insistencia dalgunha xente, e a petición popular, tedes colgado en Pedras do Vilán a versión reducida do vídeo do Entroido.
Se queredes que vexamos a versión extendida (26 minutos) teremos que usar un recreo na biblio. Apuntádevos, e se hai xente abonda, facémolo un día da semana que entra. OK?
Parece que a chantaxe funciona e máis xente da habitual fixo un comentario nalgún dos blogs. Eso sempre anima. Graciñas e que cunda o exemplo.

4.3.11

ENTROIDO 2011
Xa está publicada en Pedras do Vilán a entrada do entroido desta mañán, incluídas unhas cantas fotos que podedes descargar. A colección completa de fotos estará, á volta destes días de descanso (descanso de estudo, quero decir) nos ordenatas da biblio para quen as queira copiar.
En breve teremos a disposición o vídeo co mellor do día. Atentos!

1.3.11

DE COBARDES, NADA!
... como quedou demostrado onte na sesión de "Cine para falar", na que nos xuntamos máis de trinta persoas, rapaces/as a adultos/as, para ver unha película e comentala entre todos.
A peli en cuestión foi "Cobardes", sobre o acoso escolar, e o tema deu para falar moito, e a verdade é que esta vez os rapaces e rapazas falaron máis e mellor e uns animaron a outros a participar (grazas, Bruno, grazas, Clara). Tivemos que deixalo aló polas sete e media, pero aínda quedaban cousas por falar e gañas de facelo. Os/as maiores seguiremos dándolle voltas ao tema na seguinte reunión.
Desde aquí a noraboa a todos os/as participantes, pola atención, pola intensidade, pola participación.