29.1.14

COSTA DO SOLPOR
A última lectura realizada por este club foi “Costa do Solpor” e hoxe tivemos a honra de ser o primeiro Club de Lectura que conta coa presenza do autor, que tamén se estreaba neste tipo de encontros cos seus lectores. Un encontro que resultou moi agradable e proveitoso, contando ademais coa vantaxe de que os lugares nos que transcorre a aventura son perfectamente coñecidos, e recoñecidos na novela, por todos nós.
Nunha charla moi distendida o autor revelounos segredos da procedencia de datos, nomes e escenarios da novela, deixándonos ver con claridade o contexto histórico no que esta se desenvolve, así como as licencias xeográficas que se permitiu para axeitar o terreo ás necesidades narrativas, se ben puidemos “percorrer” moitos deles tal como son: Laxe, Camariñas, A Ponte, Muxía... e tamén os pequenos cabos, praias e enseadas.
Como tantas veces o club de lectura vai máis alá do libro impreso, permitíndonos neste caso, ademais do intercambio co autor, darlle valor ao noso, ao que temos na porta da casa e que tantas veces deixamos de lado. Algo que temos que agradecerlle a Xosé Mª Lema que sempre defendeu o de aquí e sempre se interesou pola posta en valor da nosa cultura e o noso patrimonio, como ten demostrado en moitos ensaios e artigos ao longo do tempo.

1 comentario:

Barca dijo...

Ese libro que nos destedes no club esta mui ben aunque eu sei de que vai a historia (porque sa vin a pelicula) ten unhas partes da historia mui divertidas