23.12.17

DESPEDINDO O ANO
E para descansar ben nas vacacións e recibir o novo ano como se merece, que mellor que participar nunha divertida xincana e celebrar unha festiña todos xuntos, no Insti, botándolle á cousa moita música, uns bailongos e moito teatro?
Bo ambiente, participantes de 1º a 4º, cun excelente traballo do DJ e dos presentadores. 
Graciñas a todos por participar e que teñades un 2018 cheo de boas notas e aprobados a mogollón!

Algúns vídeos de actuacións podedes velos aquí:
https://youtu.be/COhXQKbUEVg
https://youtu.be/PwOipv7UqwU


      


 

21.12.17

BO NADAL E PRÓSPERO ANO NOVO




E despóis de tanto esforzo xa chega o momento de disfrutar destas festas cos seres queridos. Vémonos en Xaneiro e a portarse ben, que xa sabedes que os Reis están de camiño. 

Un abrazo para todos e bo nadal. 


27.11.17

CAMARIÑAS EN NEGRO
Aínda que o acto estaba previsto celebrarse o venres 24, a choiva non nolo permitiu. Hoxe, luns 27, puidemos levalo a cabo na praza da Insuela de Camariñas. Todos os centros educativos do Concello sumáronse á campaña "En Negro Contra a violencia machista" impulsada pola Concellería de Asuntos Sociais. Despois dun minuto de silencio en memoria das vítimas, alumnos dos tres centros leron un manifesto no que se pedía o fin da violencia de xénero. A continuación léronse dous poemas de Alba Canosa, na voz de Gabriel Dovao e Helena Ameijeiras. Para rematar o acto proxectáronse dous vídeos realizados polos alumnos do CEIP de Ponte do Porto e polo alumnado do IES Pedra da Aguia. 

CAMARIÑAS LIBRE DE VIOLENCIAS MACHISTAS 
 NIN UNHA MÁIS!!

25.11.17



25 de novembro

Seguimos tendo que
 celebrar esta data
 Un ano máis, este día fainos reflexionar, un pouco máis que o resto do ano, sobre a secuela que temos no noso país e no mundo enteiro: a violencia contra as mulleres, por ser iso, mulleres. Participamos na Campaña en negro, organizada polo concello de Camariñas e se desenvolveron talleres de prevención en todas as clases. Ademais, desde a biblioteca, realizamos algunhas actividades que nos axudaron a ser máis conscientes do que está a ocorrer ao noso ao redor. Recollemos nun panel todos os nomes das mulleres asasinadas este ano e alumnado de 2º de ESO animouse a realizar un vídeo de denuncia.

Será este o último ano que teñamos que celebrar esta data? Mentres isto non ocorra seguiremos levantando a nosa voz:
                                   Non á violencia machista
 

8.11.17

Bibliotroca



Mercadiño de libros

Vaia locura no insti. Traes un libro xa lido e volves cun diferente para a túa casa.
E se tiveches sorte, se cadra veuche cunha dedicatoria de regalo.
Isto de compartir lecturas é a caña!



ESTA BIBLIO METE MEDO!



Terrorífica entrada no noso centro!


E entre tantas cabazas e lendas misteriosas e inexplicables, a biblio tamén colaborou cunha escolma de libros e películas dacordo coa temática desta celebración.
Bótalle un ollo ás fotografías do noso SAMAÍN 2017 e prepárate para tremer!




23.6.17

INMERSIÓN TOTAL 
nos libros

O sábado pasado madrugamos ben! Antes das sete e media xa andaba o bus recollendo lectores/as camiño de Santiago para asistir ás X Xornadas dos Clubs de Lectura de Galicia. Xuntámonos alí uns mil lectotres e lectoras, aproximadamente para celebrar a festa dos clubs. X anos xa de Clubs de Lectura!
E si que foi unha festa: entrega do premio dos clubs a Miguelanxo Prado  (a ver se o podemos ter connosco o ptóximo curso), autores contando os seus segredos, actuacións, talleres, regueifas, presentadores de TV e booktubers, lectores entrevistando a autores, comida, música... e as redes sociais botando lume! ()
 Fomos dez lector@s do noso club de alumnos e dúas persoas do club de adultos. Repartímonos como mellor soupemos polas diferentes actividades, asistimos ás charlas, coñecimos outros clubs, comemos de romaría... e bailamos polos corredores do Pazo de Congresos, que creo eu que poucas veces estivo tan alegre como coa festa dos libros. Que nos dure moitos anos!!
Bo verán, boas vacacións e boas lecturas!!

6.6.17

Rematamos o mes das Letras
Galega

con festa!!!

O martes 30, despedimos maio dun xeito festivo. Que mellor forma de homenaxear a Carlos Casares que representando una obriña súa! O grupo de teatro de 1º de ESO do instituto representou a obra: “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”. Da man de Mónica, Susana, Begoña e Yolanda, a nosa compañía particular de teatro fíxonos disfrutar dunha divertidísima obra onde un  limoeiro dabaunhas enormes laranxas que estoupaban cando se lles tocaba. Ao seu redor xúntase  unha colección de veciños estraños. 

"Sentadiñas no pantalán a velas vir e deixalas pasar..."

Tamén atracou no  IES Plurilingüe Pedra da Aguia o grupo Blues do País, unha formación musical que reivindica que o Blues e Soul se pode cantar nunha lingua tan fermosa coma o galego.
Despois do xantar, escoitamos a voz profunda e desgarradadora de moitas recolectoras e recolectores de algodón.
As letras das súas cancións están cheas de retranca e ironía, reivindicando non so o papel da muller senón tamén da cultura autóctona.
Voces como Etta James e Janis Joplen saen da gorxa de Bietta James nada en Oza dos Ríos un 25 de abril. Pepe  King, tamén coñecido pola súa familia e amigos como Brais, naceu en Camos, Nigrán e co son das ondas do mar afinou a súa guitarra en solitario. Foi perfeccionando a súa  técnica cando chegou a puberdade, e o seu arte eclosionou no grupo Sacha na Horta.
En Compostela, un día primaveral, a voz de Bieitta e a harmónica de Brais conseguiron tuinguir de branco e negro a cidade, e  comenzaron a  súa andaina musical. Levan tres anos percorrendo Galicia e mesmo  traspasando as fronteiras da Península enchendo os Centros Educativos de boa música e moita retranca, sempre cun estilismo acaído ao rural porque no “estrume  tamén hai superstars” e iso ben se ve!

21.5.17

OLIMPIADA DO SABER



A semana pasada celebrouse a final do concurso “Olimpiada do Saber”, organizado polo Departamento de Xeografía e Historia.
Para participar no concurso había que formar equipos de 4 persoas, unha por cada nivel da ESO. Este dato era importante, xa que as preguntas de arte, xeografía e historia abarcaban dende 1º a 4º da ESO.
Un total de 8 equipos participaron nesta primeira edición. Durante unha semana enfrontáronse entre eles utilizando a plataforma dixital KAHOOT, que permite responder usando o móbil.
As tres mellores puntuacións, correspondentes aos equipos “Os Calqueras”, “Os Crejas” e "KKdeVK” víronse as caras na final, que tivo lugar na Biblioteca do Centro.
Tras 16 roldas de preguntas, resultou gañador o equipo dos “Crejas”, integrado por Iago Mouzo (4º), Juan Antelo (3º), Sergio Paz (2º) e Abel Luaces (1º), a quen se lles entregará un diploma como vencedores desta edición, ademais dun suculento premio. Parabéns!!!!








Pinceladas con Talento

Laura Caamaño (esquerda) e Lara González (dereita)
Noemi Lobelos

Aquí están as gañadoras do concurso "Ilustrando palabras"! No primeiro ciclo levaron os premios Lara González, de 1º A e Laura Caamaño, de 1ºB. No segundo ciclo o premio foi a parar ás mans de Noemi Lobelos, de 3º A. Grazas ás tres por compartir con todos nós a súa creatividade e imaxinación a través dos versos de Gloria Fuertes e dos textos de Carlos Casares.

9.5.17



Ilustrando palabras
Como ilustrarías un poema de Gloria Fuertes, da que este ano se celebra o centenario do seu nacemento,  ou un texto de Carlos Casares, a quen se lle adica o Día das Letras Galegas?
Lara González (1ºA), Laura Caamaño (1ºB) e Noemi  Lobelos (3ºA)  aceptaron o reto e presentaron ó concurso “Ilustrando palabras” carteis orixinais e creativos , nos que traduciron en imaxes persoais o que as palabras destes dous autores  lles inspiraban.  O seu traballo e as súas  ideas tiveron recompensa e alzáronse cos premios do concurso,  pero houbo moitos traballos interesantes, nos que os alumnos deixaron voar a súa imaxinación, dándolle vida e cores as palabras. A continuación presentamos os carteis realizados polos alumnos:

7.3.17

ENTROIDO 2017
Hawaianos, zombies, militares, equipos de fútbol, dormilóns, mimos, cantantes de gospel, pitufos... o patio do Insti encheuse de colorido, bailes e festa neste entroido 2017.
Houbo comparsas de todo tipo e moita participación das clases, con moita imaxinación nos disfraces e nas coreografías.
Pitufos e mimos resultaron gañadores do concurso, pero todos tiveron premio cun excelente chocolate que preparou Norma para degustalo cuns postres propios da época. Seguro que foi o momento en que Paula, coordenadora de todo o "tinglado", estivo máis relaxada en toda a mañán!

17.2.17



CUPIDO SOBREVOA O INSTI 💗
Este 14 de febreiro visitounos Cupido literario
 Quen dixo que o amor non está de moda? Os nosos mensaxeiros de afectos non pararon de traballar, repartindo as numerosísimas cartas de amor e amizade que se enviaron no instituto.
Ademais , Xabier e Laura presentáronnos as visitas que tivemos para acompañarnos ese día, e que ante todo o público asistente volveron demostrarnos   o seu amor, que sigue tan intenso como o primeiro día: Juana, a tola, e Felipe, o fermoso ( Tania e Fran); Romeo e Julieta (Nico e María) e  de dona Inés e don Juan (Helena e Yerai).
Esperamos que este sentimento perdure todo todo  o ano...

30.1.17



Día de campo……. a través mollado
O venres 27, 18 intrépidos/as atletas do instituto participaron  na fase intercomarcal de campo a través na Serra de Outes. A pesar da choiva non quedaron na casa e demostraron una vez máis o dito: se chove, que chova!
Máis de 500 participantes e algunhas caídas (xa que o circuíto estaba propio dun día invernal coas follas das árbores cubrindo o percorrido), pero bo ambiente e ningunha lesión.
Recibimos o parabén da organización por ser un centro público (había clubs federados), que conseguira clasificar un número tan elevedo de participantes. Pero a nosa sorpresa foi maior cando comprobamos que volviamos a casa con 8 medallas!: 
Individuais
Carla Valiña: medalla de ouro en infantil feminino.
  
Antonio Luaces: medalla de bronce, cadete masculino.
Equipos
Sergio Lamas, Pablo Martínez, Ádam Méndez, Sergio Paz, Daniel Luaces e Jairo Campaña: medalla de bronce, infantil masculino.
Parabéns a todos e todas!
Clasificáronse para a fase provincial Carla e Antonio.


19.1.17

MANUEL GAGO
 E O SEU ANXO
Onte tivemos a sorte de contar no Club de Lectura Arao-Adultos coa presencia de Manuel Gago, autor de "O Anxo Negro". Resultou que Manuel, auténtica enciclopedia ambulante en Ciencias da Información, en Historia, en Arqueoloxía, Gastronomía, Etnografía..., é en realidade un anxo branco, cercano e amigable, que coñece a nosa zona como poucos e á que defende, xentes e patrimonio, con todas as súas forzas, que son moitas. Contounos mil e unha historias relacionadas co seu libro (sorprendente a cantidade de sucesos reais detrás da ficción) e outras que non o eran tanto, e ata nos adiantou algunha miguiña do seu próximo traballo, que xa estamos adoecendo por ler.
Quedáramos xa contentos coa lectura do seu libro e máis contentos quedamos aínda coa súa presencia, como mostran as imaxes de aquí abaixo. Tamén Manuel deixou constancia da visita no seu blog "CapítuloCero". Vémonos Manuel!

8.1.17

O FESTIVAL
E quedaba contar algo do festival de Nadal! Uns cachiños seleccionados, porque todo enteiro sería moi longo dados os diferentes talentos mostrados nese día.
Seguro que para máis dun a sorpresa maior foi ver que os profes e profas, limpadoras e persoal non docente en xeral tamén saben mover os pés. Pois si, hai vida máis aló da clase ou da vasoira!
E logo foi a quenda do alumnado. Sempre sorprende a cantidade de cousas que sabedes facer (ademais de estudar moitísimo, claro) e non sei moi ben como conseguides ter tempo para todo. Ben sei que a música e o baile esixen tempo e constancia. Se é que cando queredes...

A DESPEDIDA
Case case me convencedes para quedar no instituto un ano máis... !!
Non, en serio, a verdade é que foi unha marabilla e aínda hoxe me emociono recordando esa mañá. Recibín moito afecto de todas partes, moito máis do que esperaba recibir. Xa contei algo nunha antrada anterior neste mesmo blog e insisto: sodes estupendos! Sempre estiven convencido de que esta profesión de profe é unha das máis importantes que se poden exercer, pero agora tócame entrar noutra etapa!
Dáme un pouco de "nonseique" falar de min mesmo nesta entrada, pero dado que sempre tentei contar o que pasaba no insti, terei que poñer tamén o que pasou ese día, así que aquí deixo o vídeo para quen teña gañas e paciencia de velo. E aínda falta un...