27.6.18

Xabier P. Docampo
    Somos moitos os que sentimos a perda, os que sentimos a tristura e a ausencia. E non somos só os  amantes dos libros. Xabier foi moito máis que un bo escritor, foi un bo mestre, no máis amplo sentido da palabra, foi un amigo, foi un loitador e foi, sobre todo iso, unha boa persoa.
    Certo é que sempre nos quedarán ou seus escritos como consolo, aínda que sempre botaremos a faltar a súa voz narrando aqueles contos de lareira que tanto nos gustaba escoitar. 

    Pero Xabier debera ser recordado por outras cousas, pode que menos visibles pero máis fondas. Foi el, e outros coma el, como o seu gran amigo Agustín F. Paz, os que marcaron e sustentaron a evolución da nosa terra nestes últimos anos, creando unha base literaria forte e profunda no noso idioma, recoñecida en todo o  mundo, formando lectores novos nas escolas, promovendo cambios importantísimos na educación, pelexando polos dereitos, defendendo o idioma... formando así un humus social, un sustrato,  que pode que non sexa tan recoñecible nunha primeira ollada, non tanto como os seus textos, pero sen o que hoxe a nosa sociedade non sería o que é.
    Quero recordalo rodeado da rapazada, contando contos coa súa voz grave e quero imaxinalo  na butaca, falando de cine e de libros, seguro que acompañado de Agustín, mentres ao seu redor se arrexuntan tantos e tantos a escoitalos falar.
Que teñas boa viaxe, amigo.

3 comentarios:

Silvia dijo...

Que fondo pesar! que marche un amigo é moi duro, pero ti eras máis que iso. Incansable mestre, incansable defensor do noso idioma, incansable contador de historias. A túa pegada e o baleiro que nos deixa a túa ausencia será imposible de encher.Sempre levarei a túa voz no meu corazón.

Lettera dijo...

Para sempre con nós, Xabier. Permanecerás nos libros que nos deixaches. Grazas

Lucía Pasantes dijo...

Oíao todas as semanas,cando tiña aquel cachiño no programa de mañan na radio galega,(creo que os martes)para recomendarnos un libro para semana,contávanos de que iva e daba justo oílo,recordo a sua voz tan particular,e a última entrevista que lle fixeron en ese programa, cando presentou o seu último libro,"A nena do abrigo de astracán",e tamen recordo que dixo que non iva a ter tempo para escribir outro. D.E.P