2.5.07

Traballando co "inglés"

Igual que xa pasara cos de primeiro, que tiveron a visita do autor do libro que leran, os de segundo tamén tiveron a súa actividade do libro de lectura da segunda avaliación, "Intercambio cun inglés".
Non puido ser coa autora do libro, Christine Nöstingler, que é austríaca e quedáballe un tanto lonxe. Pero sí puido ser con Marisa, que lles organizou unha serie de xogos e preguntas sobre o libro. Parece que non o pasaron demasiado mal, vistas as fotos do momento.

16.4.07

Tonecho no Insti

Non foi exactamente Tonecho o que nos visitou hoxe no Insti, pero si o "culpable" de todas as que lle pasan a Tonecho.
Estivo con nós Breogán Riveiro, o autor que creou este personaxe e as súas aventuras. Veu falar cos de 1º, que o pasaran xa moi ben lendo o libro e agora pasárono outra vez moi ben falando co escritor.
Houbo unha chea de preguntas e a charla foi moi animada, tanto que tivemos que poñerlle freo e dar por rematado o encontro antes de que Breogán quedase coa gorxa reseca. Claro que a el encantoulle que houbera tanta participación e que a xente se animase a facer as súas preguntas. Gustoulle moito tamén a 'decoración' da biblioteca, que tiñamos grazas aos de PCA e á xente de alternativa de primeiro. Se queres ver o ambiente que había pica na foto.

11.4.07

Como se fai un libro
Cando collemos un libro poucas veces pensamos no complexo que pode ser o proceso que hai que seguir ata que ese volume estea nas nosas mans.
Na biblioteca municipal de Camariñas teñen montada unha exposición sobre o proceso de fabricación dun libro e sobre a propia historia do libro e dos procesos de impresión. En 12 paneis ilustrados e un pequeno vídeo duns dez minutos podemos ver e aprender datos moi curiosos sobre este tema.
A pena é que as datas cadraron moi mal e a exposición remata este venres 13, sen tempo de organizar visitas dende o insti, pero seguro que a máis de un, ou dunha, apeteceralle darse unha voltiña por alí. Seguro que logo valoraremos máis (aínda) o que supón un libro.

23.3.07

I TORNEO
de XADREZ

ESCAQUES

Xa rematamos o I torneo de xadrez da biblioteca. Tras 10 xornadas de duras 'batallas' chegamos a un empate entre os dous 'figuras' que tedes na foto. Houbo que batallar de novo para que, finalmente, Brais se fixera co campeonato e Carlos co subcampeonato, como acreditan os diplomas que teñen nas mans.
Parece que a cousa tivo bastante éxito e foron varios/as os que quedaron coas gañas de participar, e parece que queren xogar "de gorra" aínda que é moito esperar que o curso que vén haxa cartos para tanto luxo, sobre todo se conseguimos algún reloxo. Aínda así seguro que o próximo ano batemos records e aumentamos o número de inscritos. De momento, se queres ver algunha foto máis que as que xa había pica na foto.

13.3.07

ÉCHE O QUE HAI!!

Xa sabemos que esta frase é unha das máis repetidas polos alumnos do Insti cando os profes desesperamos de conseguir que algún/nha se interese polo que tentamos explicar. Pero non é só iso. É, tamén, o nome do grupo de teatro que vén dirixindo Silvia (santa paciencia) dende hai xa varios anos.
Estes días tivéchedes a oportunidade de asistir ás representacións das obras de Xosé Cedena "O parque de Mª Risa" e "Un palillo 'pao' dente" e, polas risas do público, parece que o fixeron bastante ben.
Esas risas e eses aplausos compensan das horas adicadas aos ensaios, das comidas de bocata dos venres e do estudo dos papeis. Non está de máis que recordemos que o que alí vemos en media hora escasa é o traballo de varios meses.
Un aplauso para as novas "adquisicións" deste curso e un cariño moi grande para as que este ano rematan a súa andaina no centro e en "Éche o que hai".
... Ah, sí!! Se queredes ver algunhas fotos picade na foto.