20.2.11

UN PLANETA PARA TODOS
Estamos tan afeitos a mirar o noso entorno como a algo do máis natural do mundo que esquecemos con moita facilidade que este planeta (o único que temos) alberga moitos tipos de seres humanos, algúns deles vivindo nas situacións máis extremas e perigosas.
Estas imaxes, preciosas, poden tamén axudarnos a recordar que o noso estilo de vida non é o único existente, que hai outras persoas, outros modos de vida diferentes e que tal vez converternos en consumidores compulsivos non é a única maneira posible de existir.

10.2.11

A QUEN TI QUEIRAS...
Queres dicirlle algo especial a alguén?
Podes facelo cun poema.
Selecciona o que máis che guste. Logo podes pasar pola biblioteca para recollelo.
Escribe na parte traseira a dedicatoria e entrégao
a quen ti queiras...
Podes escoitar a canción mentras les e escolles!


6.2.11

XOGAS UN "PRIVIAL"?
Seguindo co post do outro día sobre internet e as súas vantaxes e perigos (aquilo do sentidiño común que falabamos) chégame esta páxina divertida sobre o coidado da nosa imaxe na rede.
Proponnos un xogo estilo 'trivial' para ver canto sabemos realmente sobre o tema. Pódese xogar de 1 a 4 xogadores, e eu confeso que nalgunha das preguntas metín a zoca.

Es un experto/a en privacidade, manexo de datos persoais, uso da webcam, sexting...? Pois que non se diga, contesta as preguntas e consegue os diplomas que o acrediten.

2.2.11

O BOTÓN VERMELLO
Non sei que pasou pola miña cabeza cando vin este pequeno vídeo, pero o caso é que, non me digas por que, acordeime (jua, jua, que malo son) dos meus alumnos e alumnas (duns máis que doutros e outras, é verdade).
A ver se algún de vós me pode explicar o misterio: en que estaría eu pensando? Pasará o mesmo pola cabeza de todos os 'pesados' dos adultos? Xa me diredes. Mentres tanto pasádeo ben coa animación que vos deixo aquí.

30.1.11

30 de xaneiro
DÍA ESCOLAR POLA PAZ
A pomba foi historicamente considerada símbolo universal da paz. A orixe deste símbolo vén da Arca de Noé, cando a aparición dunha pomba cunha póla de oliveira no bico, anunciou que podían volver a terra, que xa desaparecera o perigo.

A festividade do Día Escolar pola Paz e a Non-violencia, foi declarada en 1964, coincidindo coa data do falecemento de Mahatma Ghandi, considerado o pai do pacifismo, que morreu un día 30 de xaneiro de 1948.

Para celebrala déixovos aquí un fermoso poema de Celso Emilio Ferreiro.

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.
>