1.6.16

O CLUB DE LECTURA MÓVESE
Non puidemos visitar a "casa enmeigada" de Cartas de Inverno en Vilarmaior, pero a cambio fomos dar un paseíño polas Fragas do Eume. Fomos atrevidos e cruzamos a ponte colgante, que abaneaba dun lado ao outro entre os berros de auxilio dos membros do club, que aquilo parecía unha peli do Indiana Jones ese. As troitas quedaban aplaudindo coas aletas cando por fin saímos de alí: -que tranquilidade!- dicían- Por fin marcharon os do arao!
Como a camiñata se nos fixo pequena fomos logo á praia de Cabanas, onde cumprimos o ritual de perder un balón, darnos un chapuzón refrescante e liquidar os bocatas que aínda quedaban nas mochilas. Logo un paseíño por Pontedeume, onde tampocuo puidemos visitar a Torre dos Andrade e, para desquitarmos desta negativa, outro paseíño polo Pasatempos de Betanzos, entre leóns xigantes, porcos mutantes e patos asustados. Se non me credes podedes ver as fotos. E, se queredes algunha, xa sabedes, no ordenador da biblio están para quen queira collelas, incluídas unhas cantas que non aparecen aquí.

26.5.16

OLÍMPICO MAIOR
O noso "Olímpico maior", Arián, foi o representante do Instituto na Olimpíada Matemática celebrada o día 19 en Lugo (40 participantes de toda Galicia). Non trouxo a medalla de ouro pero si unha experiencia estupenda chea de novidades.
Foron recibidos no Círculo das Artes, na Praza Maior, e alí mesmo comezaron a proba, na que durante dúas horas estiveron pelexándose con cinco problemas de diferente tipo.
Para repoñerse foron todos xantar, invitados pola Asociación AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática). Mentres agardaban as correccións das probas realizaron  un pequeno circuíto matemático pola Praza Maior de Lugo onde atopaban personaxes matemáticos como Hipatia (na foto). 
Para rematar, no salón de actos da Deputación Provincial (Praza de San Marcos), fïxose a entrega de medallas e agasallos e cada participante recibiu un pen drive e un bolígrafo.
 Seguro que en vindeiros anos é capaz de traer algunha medalla matemática para o centro. Xa se encargará Paula de que así o faga, non si?


5.5.16

DE OURO
Así foi o século -os séculos, realmente- no que se xuntaron tal cantidade de grandes figuras das artes en España.
Como non podía ser doutro xeito, desde a biblioteca argallamos unha forma de celebrar o 400 aniversario da morte de Cervantes (e de Shakespeare, que somos plurilingües). Pero pensamos que falando de Cervantes sen saber máis nada da época quedaba a cousa un pouco coxa (que non manca), así que decidimos falar un pouco de canto sucedía por aquel entón e duns cantos dos máis notables "compañeiros de viaxe" do pai do Quixote. 
E para que a cousa tivera un pouco da atención que merecía fixemos unha pequena "Guía de visita" da exposición con algunha pregunta e algún pequeno xogo para facela máis levadeira.
Como ademais temos no insti o noso Velázquez particular (léase Brey) acompañamos a expo cuns "photocalls" estupendos para que o que quixera se inmortalizase como personaxe da época, tal como podedes ver neste vídeo de aquí:

25.4.16

MÚSICA, MAESTROS!
De novo tivemos connosco este ano a este trío de auténticos mestres musicais e, un ano máis, da man de Charo (graciñas).
Sempre que veñen, ademais de tocar estupendamente, conseguen achegar a música a todos (ou case) facéndoa asequible e comprensible. Moito lamentei non poder asistir ao concerto completo porque a verdade é que estaba a aprender moito. Non se me ocorrera nunca relacionar a música, coma arte, con outros conceptos artísticos, como a pintura, e a verdade é que se comprenden mellor moitas cousas. Comprobar a evolución musical, con "probas" en directo e cunha execución tan boa foi unha ledicia. Esperemos que se poida repetir.

6.4.16

VAN POLO AIRE
VEÑEN POLO VENTO
Así andan os 14 de terceiro... van polo aire a Bruselas, quedan por alá uns días visitando e coñecendo mil lugares novos e logo veñen polo vento, de volta a casita. E non me cren cando digo que prefería ser alumno que profe nestes tempos!!
A Universidade de Lovaina, os Canais de Bruxas, o Atomiun e Minieuropa, as chairas e Waterloo e o propio Parlamentarium... todos eles lugares que visitaron os 14 intrépidos/as, acompañados polos valentes (non cabe outra palabra) Carlos e Jacobo. E todo eso sen mencionar as patacas fritas, as pizzas, os kebabs, o pan de pita e demais material que se traerán metido entre peito e espalda para cando aterren aquí (ademais das noites de charlas interminables nas habitacións do hotel, claro).