30.12.07


Meigas na Biblioteca
Parece que para rematar o ano andan as 'Meigas' pola nosa biblio. Esta é unha 'meiga boa' que che vai permitir ver por internet o catálogo da biblioteca para que escollas o que máis che guste: ano novo programa novo!!
Aparecerán os últimos 50 volumes catalogados, pero tamén poderás buscar, usando a caixiña en branco da esquerda, un título ou un autor ou autora. Se escolles 'materia' podes escoller o tipo de libros: medo, amor, aventuras...
Incluso podes reservar o que che interesa por internet, para que non cho leve ninguén, usando o teu DNI (se temos o número na biblio) e o teu número de lector/a.
Anímate e navega un pouco polo catálogo, verás que é moi fácil saltar dunha cousa a outra. Non tes máis que picar na dereita, onde pon O catálogo da Biblioteca.

22.12.07

BO NADAL
A Biblioteca do IES Pedra da Aguia quere desexarvos un Bo Nadal e un Feliz Ano Novo.
E por suposto unhas Felices Lecturas: u
n libro, un amigo.

Ah! E para axudarvos coas panxoliñas podedes practicar aquí: picando unha vez en cada un cantan e con outra paran!

Decembro 07

18.12.07

Eses 'Chalados' cos seus tolos 'Libracos'

Para aqueles aos que lles gusta ter un libro nas mans é un gustazo saber que hai máis 'chalados' coas mesmas afeccións. Hai polo mundo adiante unhas pequenas vilas, chamadas "book towns" (as vilas do libro) onde moitos dos seus edificios están adicados ao libro: bibliotecas, librerías, salas de exposicións... e agora xa temos unha en España, a primeira: Urueña, na provincia de Valladolid.
Que? Animámonos a facer da Ponte unha Book Town??
Javier, o de Mates, mándanos máis fotos de vilas-libro:
BubbleShare: Share photos - Delicious Christmas Recipes.

10.12.07

NOVA PUBLICACIÓN

acaba de saír o número 0 dunha nova publicación no insti: O REXUBEIRO. Polo módico prezo de 0'50 € podedes ter información fresquiña, de primeira man, sobre o que acontece no IES, sobre a música que vos gusta, as series, os actores... e os rexoubos!!
Un pequeno grupo de alumnas/os forma o 'consello de redacción', encargado de darlle forma á revista. Elas e eles poden escribir artigos no rexubeiro, faltaría máis, pero, sobre todo, son os encargados de recoller as vosas colaboracións e darlles forma para que poidan sair na revista.
Asi que xa sabedes: animádevos a colaborar cos vosos textos, a falar das cousas que vos gustan. Imos facer que entre todos e todas a revista teña moita vida e que os seguintes números sexan cada vez mellores!
Benvido Rexubeiro!!

8.12.07

O HIMNO GALEGO

Hoxe, día 20 de novembro, hai cen anos da estrea do himno galego no Gran Teatro Galego da Habana, interpretado pola banda municipal desta cidade, seis meses despois de morrer Pascual Veiga que compuxera a música para un poema de Eduardo Pondal titulado Os Pinos.

Este ano celébrase o seu centenario, por iso no Instituto estivemos cantándoo, e de vez en cando escoitámolo polos corredores. Se premes aquí poderás baixalo en mp3 e ler o texto do poema.
Podes ver o ben que cantamos:

2.12.07

Unha semana movida
Esta semana foi bastante movida no Instituto, xa que coincidiron dúas actividades consecutivas. Os de 1º e 2º foron a ver teatro a Santiago. Foron o día 29, xoves, debido a un cambio de datas da compañía de teatro. E o día 30 foron alumnos/as de todos os niveis á competición de campo a través que se organiza en Cee.
Podedes saber máis de todo isto visitando a sección "Outras actividades"

30.11.07

GUAAAUUUU
QUE DISCO!!
Xa temos nas nosas mans o CD-DVD da Operación Can, coas marabillosas voces do alumnado deste IES (e algúns ex, que non vos esquecemos). Disque están nominados para os Grammy galegos!!
A verdade é que soa moi ben, que estes (cando queren) saben facer as cousas. Dende a biblio unha forte noraboa a todos/as e, como non, a Almudena. E recordámosvos que podedes ver algunhas fotos e un pequeno vídeo da gravación do disco se picades aquí.

25.11.07

25 de novembro: día contra a VIOLENCIA DE XENERO!

Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e
todas vós sabedes que unha data, por desgraza, non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crúa realidade.
25 de novembro.
Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerable nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentable da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agrede sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.
25 de novembro.
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.
25 de novembro.
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.

22.11.07

As letras están de loito

Abandonounos Fernando Fernán Gómez e as letras deste país quedan tristes. Marchou un dos grandes, dos máis grandes. Fixo ben practicamente todo aquelo no que se embarcou: escritor, autor e director de teatro, actor, director de cine...
Todos os compañeiros de profesión están de acordo en que foi o mestre de moitos, e o seu labor foi recoñecido con moitos premios, tanto literarios (ademais era membro da Real Academia) como teatrais e cinematográficos. Moito mérito tiña este home que se consideraba un simple 'cómico', que é como se denominaba antes aos actores.

Podes ver algunhas das súas películas na colección da nosa biblioteca. Se queres saber máis sobre el pica na foto e no seu nome.


18.11.07

MAN de Camelle
Celebrouse en Camelle, na súa casa, un encontro sobre a figura de Man, o alemán de Camelle. Parece que agora, logo da súa triste despedida, comezamos a comprender e valorar a súa obra. Man era, como alguén explicou no Encontro, un dos artistas máis radicais da segunda mitade do século XX, encadrado (se é posible encadralo) na tendencia denominada Land Art. Pero no caso de Man levado ao extremo, de xeito que se confunden a súa obra e a súa propia vida. A súa vida foi a súa obra.
Un recordo para Man
E para a organización en xeral, felicitacións, que foi un traballo grande e ben feito, a pesar de que o espazo era máis un inconveniente que unha axuda. Para Ana, a bibliotecaria, felicitacións dobres, polo traballo e polos premios ó labor da biblioteca de Camariñas.
Que ocasións coma estas sirvan, tamén, para recordarnos que vivimos nun entorno privilexiado que non merece que o enchan de cemento!
(Se non podes ver as fotos pica aquí)

14.11.07

Lemos de todo

Quen dixo que non liamos? Os de 1º e 2º son quen de ler ata en inglés... ou eso din! Foron ver unha obra de teatro e antes de vela xa leran o texto enteiriño en ingles... ou eso din! Ao remate había diferencias de opinións, que si era mellor a obra deste ano, que si era mellor a do ano pasado... Ti que opinas?
Si queredes ver como foi a cousa visitade a sección "Outras actividades". Tedes o enlace na columna da dereita. Podes deixar alí o teu comentario.
En calquera caso o que sí empezou a funcionar foron os correos 'elecstrónicos' do alumnado e iso está ben, que gañamos tempo e aforramos papel.

12.11.07

Nin Unha
Nada, que non dades nin unha!
Ninguén acertou cales foran os tres profes que fixeran os relatos, así que o premio quedou deserto. Lástima, porque era unha Playstation 3 con dous mandos inalámbricos e un lote con 6 ou 7 xogos carísimos, ademáis dun móvil de última xeración con GPS incorporado, e máis...
En fin, se vos serve de consuelo podedes volver a ver os contos no "Recanto Literario" e teredes remarcados os nomes dos autores/as ao final e cada conto.
A próxima vez será!
BubbleShare: Share photos - Delicious Christmas Recipes.

1.11.07


O SAMAÍN


O día 31, na hora do recreo, xuntámonos uns poucos na biblioteca para coñecer os resultados do concurso de cabazas (poucas pero moi boas, polo que foi moi difícil para o xurado escoller as 3 mellores) e do certame de microrrelatos de terror. ¡Que medo! Houbo un pouco de barullo e ante a presión dos rapaces e rapazas, os fallos do micrófono,..., ata houbo algún enfado, pero ao final todo rematou ben coa entrega dos vales e dos vídeoxogos e, como non, coa lectura dos textos gañadores no certame. Dos alumnos e alumnas do 2º ciclo non apareceu ningún, só Jonatan que recolleu o seu merecido premio. Os estupendos decorados foron realizados nas clases de plástica. Podedes ver as fotos picando na lápida. Os textos, con algunha sorpresa, podes leelos no Recanto Literario.

28.10.07


Presentamos a Biblioteca

Este xoves pasado tivo lugar no Instituto a reunión inicial do curso coas nais e pais de 1º e 2º niveis da ESO. Nesta reunión aproveitamos para presentar a biblioteca, dando a coñecer algunhas das actividades que realizamos ao longo do curso e os obxectivos que perseguimos.

Un punto moi importante foi facerlles a invitación a participar na actividade "Lendo a pares" para que compartan as lecturas dos seus fillos/as. Esperamos que se animen moitos/as.

Repatimos unha carpetiña cos datos máis importantes e cun resumo do labor da biblioteca, para que teñan onde gardar as notificacións que reciban do Instituto.

Aproveitamos a ocasión para invitalos a visitar a biblioteca e facer uso dos seus servizos, (invitación que reiteramos dende aquí), e tamén para recordarlles que está aberta ao público os xoves pola tarde.

25.10.07

UK Culture
Hoxe tivemos a visita de Win, un nativo do País de Gales que, como el dicía, my English is not perfect but it's very very good. Para enterarte de máis detalles, e dalgunha sorpresa, visita ó apartado de Outras Actividades.

19.10.07

Certame de Micro-relatos

Xa está convocado o primeiro certame de micro-relatos deste curso, que chamamos:

Que medo me dás!!

Como novidade hai tamén un certame de ilustración dos relatos. Tedes as bases nas aulas, nos corredores e, por suposto, na propia biblio. O prazo de entrega remata o próximo venres 26 e podedes mandalos ao correo da biblioteca (que tedes aquí mesmo, á dereita, onde pon suxestións) ou entregalo na biblio en papel ou en disquete, lápis de memoria...
Non teñades medo e animádevos!!

16.10.07

Con MúsicA

Así comezamos as actividades deste curso, con música!
Se queres saber algo máis do tema, ou ver algunha imaxe, tes que ir ao apartado de Outras Actividades deste blog.


25.9.07

XA ESTAMOS "ENREDADOS"!!

Comeza o novo curso e xa estamos todos "enredados" cos estudos, cos libros, as libretas, os traballos...
Na foto podedes ver que no Insti tiñamos todo preparado, con rede incluída, para cando fósedes chegando e que ninguén escapara.
Afortunadamente non houbo que usar o artiluxio, porque todo o mundo estaba no seu sitio cando debía. E a cousa non debeu resultar tan mal, porque se podian ver bastantes sorrisos nas caras. E se non me cres podes comprobalo ti mesmo picando aqui! E, por suposto, dende a nosa/vosa bibliteca queremos 'berrar':
BENVIDOS A TODOS E TODAS!!
FELIZ CURSO E MELLORES NOTAS!!
Vémonos en breve



24.6.07

REMATAMOS!!
Chegou fin de curso e chegou a hora de pechar a biblioteca. Todos esperamos as vacacións con ilusión, pero seguro que temos tamén un pouco de pena por pechar a nosa biblio: pasamos alí bos momentos e houbo un pouco de todo.
Claro que unha biblio nunca se pecha realmente, en canto teñades nas mans algo escrito, sexa libro, revista ou páxina web, quere decir que levades a biblioteca con vós!
En calquera caso xa sabemos que dentro dun tempiño estaremos alí outra vez e, aínda que protestemos ao comenzo, seguro que tamén teremos bos momentos.
E seguro tamén que teredes noticias do que vaia sucedendo a través deste blog e as vosas opinións e suxestións aparecerán tamén publicadas. Así que ata a próxima, e non vos esquenzades de ler algo nas vacacións. Seguro que hai por ahí algún libro que te engancha, só tes que atopalo!
Ah sí! como despedida quedan un par de cousiñas máis na sección de "Outras Actividades"

16.6.07

Os ladridos do "Can"
Outro apunte para que saibades que xa se realizou a gravación de "azul e verde ennegrecidos" e que podedes saber máis sobre este tema en "outras actividades".

Un mural en Cee
Un apuntiño para que sepades que xa está rematado o concurso de murais de Cee. Podedes ver como quedou a cousa na sección "Outras actividades"

3.6.07

A Festa de Voz Natura
Só un pequeno apunte para que saibades que no apartado de outras actividades tedes unha entrada adicada ao día da festa de Voz Natura. Picade no enlace que hai na columna da dereita e chegaredes axiña!

1.6.07

VILAN 5
Xa está á vosa disposición o último número do boletín da biblioteca, Vilán, coas últimas noticias das actividades relacionadas coa biblioteca, co centro, cos libros e cos alumnos.
Este número do boletín, que fai o 5, será o último que saia este curso, pero estamos seguros que continuaremos o ano que ven, e ata pode que con novidades como, por exemplo, que haxa máis dun alumno/a que colaboren na súa edición. Sería estupendo que, logo dun pouco de práctica, formaran un equipo de redacción para que o boletín acabara sendo completamente obra do alumnado. Todo se andará!!
De momento Vilán é o primiro en despedirse deste curso e o pimeiro en desexarlle a todos un verán estupendo.

29.5.07

Sabías que...?
Xa temos rematado o 5º concurso "Sabías que...?" e celebramos hoxe a entrega de premios. Coma outras veces, houbo 4 premios por sorteo para os que acadaran a metade dos puntos en xogo de cada semana, outros 4 premios seguros para os segundos clasificados e o gran premio para o equipo gañador... ou deberamos dicir "equipa gañadora"?? Porque é a primeira vez que un equipo totalmente feminino gaña o concurso. Demostraron ao longo de todo o concurso unha grande regularidade na puntuación, tanto no preguntón como nas apostas ou nas pistas. Noraboa, rapazas!!

Ah! e se queres ver fotos preme na foto!

23.5.07

Unha Exposición de libro
Durante o que queda de mes, e gracias á colaboración de Ana, a bibliotecaria de Camariñas, temos no Instituto unha exposición sobre o libro infantil e xuvenil en Galicia. Podemos ver a evolución do libro ao longo dos últimos cen anos, ata chegar ao momento actual, no que contamos con autores moi recoñecidos, non só en Galicia, senón por todo o mundo.
Especial atención hai que prestar, nos últimos tempos, á labor dos ilustradores, que están a elaborar auténticas marabillas. Para mostra fixádevos na ilustración colgada na entrada da biblioteca, regalo de Xosé Cobas, realizado hai un par de cursos (como quen non quere a cousa) mentras mantiña unha charla, xunto co autor Xabier Docampo, cos alumnos do centro.

15.5.07

Corre lingua 07
Outro ano máis o insti participa no Correlingua, que este ano, na Coruña, cadrou en 15. Coma sempre, fomos un 'mogollón e medio': 132, e iso que este ano puxemos algunha condición á hora de apuntarse!
Había boa 'marchita', como se poder ver nas fotos e no vídeo, e tempo para cantar (mal), entrar nas pastelerías, ligar (pouco), bailar co Xabarín, equivocar o camiño e dar a volta, comer, ir ao cine... e ata facer compras!!
Non está mal como día para defender o que é noso e non queremos perder: o idioma. Tamén é certo que por aquí tratámolo bastante ben e non é necesario adicarlle un día especial xa que o coidamos a diario.

10.5.07

Moito "Conto"

Moito conto é o que teñen algúns de primeiro e de terceiro, que tiveron a sorte de contar coa visita de Santi Prego. Contou algunhas historias divertidas. Contounos, e cantounos, un cantar de cego, contos do Camiño de Santiago, representou unha micro-obra de teatro e algún que outro conto máis.

Está ben iso de que os alumnos escoiten a alguén diferente de nós, os profes, que xa sabemos que a habilidade de non oír(nos) téñena moi desenvolvida e moi practicada os de 1º, os de 2º, os de 3º...

Se queres ver algo máis do conto preme no conto.

6.5.07

NOVA SECCIÓN
Xa está funcionando a nova sección do blog "Outras Actividades". A cousa é que había algunhas cousiñas que pasaban polo Insti adiante, ou foral del, que tiñan pouco que ver coa biblio, pero tiñan moito que ver con vós, que digo eu que non só de libros vive o alumno, non si?
Igual que para o resto de seccións, tedes o enlace na columna da dereita, baixo e epígrafe "Tamén podes ir a".
Pois nada, a disfrutar, oiga! Que o pasedes ben con este novo apartado!!

2.5.07

Traballando co "inglés"

Igual que xa pasara cos de primeiro, que tiveron a visita do autor do libro que leran, os de segundo tamén tiveron a súa actividade do libro de lectura da segunda avaliación, "Intercambio cun inglés".
Non puido ser coa autora do libro, Christine Nöstingler, que é austríaca e quedáballe un tanto lonxe. Pero sí puido ser con Marisa, que lles organizou unha serie de xogos e preguntas sobre o libro. Parece que non o pasaron demasiado mal, vistas as fotos do momento.

16.4.07

Tonecho no Insti

Non foi exactamente Tonecho o que nos visitou hoxe no Insti, pero si o "culpable" de todas as que lle pasan a Tonecho.
Estivo con nós Breogán Riveiro, o autor que creou este personaxe e as súas aventuras. Veu falar cos de 1º, que o pasaran xa moi ben lendo o libro e agora pasárono outra vez moi ben falando co escritor.
Houbo unha chea de preguntas e a charla foi moi animada, tanto que tivemos que poñerlle freo e dar por rematado o encontro antes de que Breogán quedase coa gorxa reseca. Claro que a el encantoulle que houbera tanta participación e que a xente se animase a facer as súas preguntas. Gustoulle moito tamén a 'decoración' da biblioteca, que tiñamos grazas aos de PCA e á xente de alternativa de primeiro. Se queres ver o ambiente que había pica na foto.

11.4.07

Como se fai un libro
Cando collemos un libro poucas veces pensamos no complexo que pode ser o proceso que hai que seguir ata que ese volume estea nas nosas mans.
Na biblioteca municipal de Camariñas teñen montada unha exposición sobre o proceso de fabricación dun libro e sobre a propia historia do libro e dos procesos de impresión. En 12 paneis ilustrados e un pequeno vídeo duns dez minutos podemos ver e aprender datos moi curiosos sobre este tema.
A pena é que as datas cadraron moi mal e a exposición remata este venres 13, sen tempo de organizar visitas dende o insti, pero seguro que a máis de un, ou dunha, apeteceralle darse unha voltiña por alí. Seguro que logo valoraremos máis (aínda) o que supón un libro.

23.3.07

I TORNEO
de XADREZ

ESCAQUES

Xa rematamos o I torneo de xadrez da biblioteca. Tras 10 xornadas de duras 'batallas' chegamos a un empate entre os dous 'figuras' que tedes na foto. Houbo que batallar de novo para que, finalmente, Brais se fixera co campeonato e Carlos co subcampeonato, como acreditan os diplomas que teñen nas mans.
Parece que a cousa tivo bastante éxito e foron varios/as os que quedaron coas gañas de participar, e parece que queren xogar "de gorra" aínda que é moito esperar que o curso que vén haxa cartos para tanto luxo, sobre todo se conseguimos algún reloxo. Aínda así seguro que o próximo ano batemos records e aumentamos o número de inscritos. De momento, se queres ver algunha foto máis que as que xa había pica na foto.

13.3.07

ÉCHE O QUE HAI!!

Xa sabemos que esta frase é unha das máis repetidas polos alumnos do Insti cando os profes desesperamos de conseguir que algún/nha se interese polo que tentamos explicar. Pero non é só iso. É, tamén, o nome do grupo de teatro que vén dirixindo Silvia (santa paciencia) dende hai xa varios anos.
Estes días tivéchedes a oportunidade de asistir ás representacións das obras de Xosé Cedena "O parque de Mª Risa" e "Un palillo 'pao' dente" e, polas risas do público, parece que o fixeron bastante ben.
Esas risas e eses aplausos compensan das horas adicadas aos ensaios, das comidas de bocata dos venres e do estudo dos papeis. Non está de máis que recordemos que o que alí vemos en media hora escasa é o traballo de varios meses.
Un aplauso para as novas "adquisicións" deste curso e un cariño moi grande para as que este ano rematan a súa andaina no centro e en "Éche o que hai".
... Ah, sí!! Se queredes ver algunhas fotos picade na foto.

2.3.07

BOLETÍN VILAN

Xa está 'circulando' o novo número do boletín da biblioteca, Vilán. Coma sempre, podedes atopar noticias e curiosidades que teñen que ver coa nosa/vosa biblioteca e coas actividades que teñen lugar no Instituto.
Neste número, ademais, tedes os poemas gañadores do concurso "Palabra Namorada" e as fotos das súas autoras no momento en que nos facían un recitado das súas creacións durante o acto de entrega de premios.
En calquera caso recordade que esta información tamén a podedes atopar neste blog no apartado de "Recanto Literario".
Por falla de espazo no boletín non poidemos avisar de que xa está próximo o "Sabías que...?, así que xa sabedes, sobre todo os veteranos, ide pensando que equipos ides facer, e andade con ollo, que os de 1º veñen pisando forte!

28.2.07

Ler é un regalo
Estamos a participar na campaña de lectura promovida polo equipo de Bibliotecas Escolares da Conselería de Educación. Durante un tempo, os que recollen un libro (Hora de ler) da biblioteca veranse sorprendidos cun agasallo en forma de bolsa e dun diario persoal sobre viaxes, onde podedes anotar ideas, debuxar mapas, pegar recortes de revistas, nomes de lugares que visitaredes dentro duns anos, libros de viaxes que vos gustaron (e que vos deixaron con gañas de visitar aquel lugar fabuloso), folletos turísticos e todo canto se vos ocorra. Unha pequena axuda para futuros exploradores do mundo.
Nesa especie de diario vai tamén incluído un pequeno xogo de investigación, pois ten "reservadas" algunha páxinas con anacos de textos para que investiguedes e descubrades títulos e autores. Para os que non teñan sombreiro de cadros, pipa e lupa, ou algún amigo chamado Watson, hai algunhas pistas no final do libro.
Tamén hai un 'pin' de regalo para quen me diga a quen me estou a referir cando falo da pipa, da lupa e do seu amigo Watson!

26.2.07

GRAN BATALLA NA BIBLIO

Comezou xa o I Torneo de Xadrez "Escaques". Os participantes enfrontaranse en varias rondas, seguindo o denominado "sistema Suízo", que emparella aos contrincantes segundo a puntuación que van obtendo ao longo das diferentes partidas.
Xa vedes que a concentración é máxima. Incluso, se vos fixades ben, veredes uns fíos de fume saíndo polas orellas dalgún.
De momento temos máis homes que mulleres, pero as féminas xa ameazan con que o ano próximo pensan dar moita batalla. Se queres ver maís, pica aquí.

16.2.07

¡¡FUGA DE CONTOS NA BIBLIOTECA!!

Según fontes oficiais ben informadas, na mañá do día 16 de febreiro, na biblioteca IES Pedra da Aguia, produciuse unha fuga masiva de personaxes de contos populares. Parece ser que despois da fuga, os personaxes tomaron ao asalto os corredores do centro, así como a sala de usos múltiples, onde tiveron a cara dura de celebrar un desfile, con teatro e bailes incluídos. Non contentos con iso, e para repoñer forzas, atacaron sen piedade canto pastel, filloa ou orella atoparon no seu camiño, ben acompañados por un saboroso chocolate procedente da cafetería do centro. Unha vez ben fartucos, voltaron á sala de usos múltiples para poñerse a bailar coma tolos ata que decidiron abandonar o recinto, a iso das dúas da tarde.

O bibliotecario, desolado ante os feitos mencionados, anda a procura dun tal Shrek, que parece que controla bastante do tema, para ver se el é quen de devolvelos aos seus respectivos libros. Asegura que conta con probas que demostran que todo o que di é certo, e que quen queira ver algunha non ten mais que picar aquí.

Un ximnasio movido
José Gacio, seleccionador galego de judo, andivo polo insti o mércores pasado. Gacio é Cinturón Negro 5º Dan de Judo pero, como tódolos auténticos bos deportistas, consegue que non se note.
Amable e agradable pasou un bo día no insti e, polo que parece nestas fotos, o alumnado tamén o pasou ben. Un "positivo" para os profes de E.F. e para Fran, o do Concello, que conseguiron traelo ao noso centro. ¿Atoparía aquí algún futuro competidor olímpico?
Un Chupa-chups para o primeiro que me diga cal é o número da CDU que usamos na biblio para os libros de deporte!

15.2.07

Gañadores PALABRA NAMORADA

Xa podedes ver os poemas gañadores do concurso de poesía no Recanto Literario deste blog.
Este ano a participación foi algo menor que noutros anos, e o xurado declarou algún premio deserto -hai que subir o nivel, amigos- e quedouse coas ganas de repartir máis regalos! Outro ano será!!

14.2.07

O AUDIOVISUAL NO INSTI

Este ano seguimos coa programación da actividade "O audiovisual nas aulas", que vén coordinando a biblioteca dende o curso pasado e que está promocionada polo Consorcio Audiovisual de Galicia.
Este ano inícianse no tema, dun xeito xeral, os de 1º nivel e os de 2º asisten a unhas xornadas de iniciación á animación, e parece que están animados vistos os traballos que realizaron hoxe, dirixidos por Virginia e Tomás, de "Algarabía animación". Cando teñamos o traballo definitivo, xunto cos realizados polos outros Instis, xa faremos un pase público para que todos poidades velo. Mentres tanto tedes que conformarvos con ver algunhas fotos.
¿Algún futuro director de cine entre o público?

12.2.07

Á PROCURA DO DATO
O ano pasado, cando estaban en primeiro, viñeron ver a biblioteca do insti para saber como estaba organizada e como atopar o que buscaban, sobre todo no que se refería a libros de ficción, para ler. Naquel momento algún colleu tal susto que saíu correndo e non voltou pisar a biblio ata este curso!!
Pero agora, que xa lles pasou o susto, volven, en segundo, para seguir practicando e para ver como é iso de facer os traballos que piden os profes, como atopar información e como presentala despois de traballala. Iso que queda tan bonito cando lle chaman "educación documental" ou "educación en información..."
A cousa é que está claro que non sempre vai "colar" o de visitar "el rincón del vago", que os profes xa o coñecen, e hai que espelir, que seguro que hai moitos traballos que presentar, neste curso e nos que virán.
Se queres ver máis imaxes de como traballan os de 2º ata a extenuación, preme na foto.

11.2.07

PALABRA NAMORADA
Coma todos os anos, este tamén ten o seu concurso para poetas.
Recorda que para participar debes completar o poemario que che entregamos coas pegatinas correspondentes. É moi fácil.
Unha vez que o teñas completo debes entregalo cun seudónimo, o mesmo co firmarás o/os poema/s. O teu nome real só aparecerá dentro dun sobre pechado. O poemario podes recuperalo cando o xurado comprobe que está ben.

Podes entregar un pema en cada unha das linguas que se estudan no instituto: galego castelán, ingles e francés. Hai un premio en cada ciclo para cada unha das linguas, así que... ANÍMATE!!
Os gañadores serán dados a coñecer o mércores 14 na biblioteca, onde os autores nos lerán os seus poemas premiados.

7.2.07

QUE PLANTÓN!!

Que plantón andan facer os de Ciencias Medioambientais do Insti!! Pero tranquis, que non é un plantón de deixar plantado/a a ninguén.
É que andan a plantar unhas árbores no patio (como podedes ver nestas fotos) que vai dar gusto velas cando empecen a florecer. E fixérono tan ben que ata saen no periódico.
Seguro que para saber de plantas andan pola biblioteca adiante buscando libros que falen do tema. Tí tamén podes enterarte de como son e como viven as plantas se buscas na biblio. Pero para non perder tempo, e se recordas os números da CDU, seguro que vas directamento ao número... Unha pulsera da serie da tele "Héroes" para o primeiro que me diga cal é o número da CDU adicado á Botánica.

10.1.07

¡Que Reis máis Maghos!


Agora que xa estamos de volta xa podedes contarnos o 'Majos' que foron os Reis. Seguro que podedes presumir de mogollón de regalos.

A pregunta, por curiosidade, é ¿Tivéchedes de regalo un libro, ou regaláchedes un libro? E se houbo tales regalos... ¿molou ou foi un pao? Gustaríanos saber cales foron esos libros e que tal vos pareceron. Contádenos algo picando aquí debaixo, onde pon "comentarios" (Recorda: cando escribas o teu comentario, para poñer o teu nome, escolle "otros" debaixo do comentario e logo pica en "publicar")