24.12.18

Tempo de festas, tempo de Nadal!

Co final do primeiro trimestre, chegan as festas e o noso alumnado colaborou na decoración da entrada da biblioteca:

- Onde están as tesoiras?
- Pásame o pegamento!
- Recorta dese lado!
- Colle por aquí...

Con vontade e unha chea de mans dispostas a colaborar, todo se fai. Con rapazada así dá gusto!


 

23.12.18

Concurso de felicitacións de Aninovo!

Un ano máis o alumnado do Instituto creou postais para felicitar as Festas e o Aninovo. Parabéns aos premiados e premiadas!

1º premio: Lara González López (3ºA)
2º premio: Sabela Mouzo Suárez (2ºC)
3º premio compartido: Ana Canosa ( 2ºC) e Paula Vázquez (1ºB)

 Que gocedes das vacacións e máis do voso agasallo!

Velaquí unha mostra dos traballos realizados:

 

28.11.18

Atende os sinais! Día Internacional da Non Violencia contra a Muller



A Biblioteca súmase aos actos do 25N. Un ano máis, infelizmente, non temos nada que celebrar. A xornada do venres, 23 de novembro, pasou a ser no noso centro unha ocasión para reivindicar a dignidade e integridade de todas as mulleres, que dun xeito ou doutro, poden estar en risco de padecer algunha forma de violencia. Adiantámonos, pois, por razóns de calendario, á xornada do domingo onde innumerables accións de rexeitamento cara a violencia machista percorreron o pais, e berraron un "basta xa!" claro e rotundo.
Desde a biblioteca, o noso voluntariado colaborou coa construción dun violentómetro, para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa cunha mensaxe clara: violencia non é só asasinato. Antes de chegar aí, hai todo un proceso de desgaste psicolóxico e físico da persoa agredida, que convén parar canto antes. Para pensar sobre este tema, o alumnado repartiu folletos con esta escala da violencia, ademais de ler varios poemas de Alba Canosa (antiga alumna) e Izaskún Santos (3ºC) que abordaban aspectos relacionados coa temática.
Ao acto asistiron Sandra ínsua e Rebeca Montes, Alcaldesa e Técnica de Igualdade do Concello de Camariñas, onde tamén se leu o manifesto e se gardou un minuto de silencio polas vítimas. A xornada rematou cunha fotografía con toda a comunidade dándolle as costas a esta lacra social, cunha morea de globos e mochilas negras onde se podía ler o lema "Camariñas en negro".


11.11.18

UN SAMAÍN PARA A COSTA DA MORTE!

Neste tempo de magostos e Samaín, o noso alumnado e profesorado implicáronse moito para facer dos últimos días de outubro toda unha celebración. 
O alumnado do centro traballou para decorar a entrada con centos de morcegos e arañeiras... Outros déronlle forma ás cabazas que adornaron os chanzos da escaleira, mentres o equipo de voluntariado da biblioteca creaba o mural temático do Samaín. Desde a biblioteca, tamén sacamos de festa dúas mesas de libros con títulos en relación ao tema do terror, a etnografía e contos do extraño...
A xornada do 30 de novembro foi intensa e misturou un magosto a media tarde, un xogo de pistas polo interior do instituto, e un tempo para a caracterización como personaxe de medo. A velada continuou cunha cea nese espazo tan ben decorado nos días previos, con mesa corrida á lus do candil e ambientación musical.
Logo chegou o momento das contadas onde varios alumnos, narraron historias inventadas ou rescatadas da tradición para o resto de asistentes. A biblioteca foi un espazo ideal para esta actividade e máis para a proxección do filme "Coco", que aborda a temática da morte desde a emotividade e as relacións humanas.
Á media noite, despois de sustos, berros e sorpresas variadas, chegou o momento de retirármonos dereitiños ás casas...

As imaxes dan boa conta do traballo realizado desde os equipos de Actividades Extraescolares e Biblioteca, Titorías da ESO e Dpto. de Ed. Física:  
Galería de Fotos



Grazas a todos e todas pola vosa participación! Pasámolo de medo!

22.9.18


ARRINCAMOS!!!

Chegou setembro e con el  un novo curso.
O primeiro día sempre causa un pouco de incerteza: novos profes, volver ver aos amigos, risas,…En pouco tempo todas as dúbidas despéxanse e todos sabemos en que clase imos, que compañeiros temos  e a cales terei que ver no recreo.
Os que chegan por primeira vez, con catro cursos por diante están a pensar se realmente será tan terrible como lles contaron. Os de cuarto comezan o fin da súa andaina neste instituto, pero outros centros espéranos con novas experiencias.
Para todos, de 1º a 4º e para todos os profes “novos” e “vellos” esperamos que este sexa un bo curso, que o pasemos ben, que fagamos amigos e que aprendamos moitas cousas novas. Sorte!

27.6.18

Xabier P. Docampo
    Somos moitos os que sentimos a perda, os que sentimos a tristura e a ausencia. E non somos só os  amantes dos libros. Xabier foi moito máis que un bo escritor, foi un bo mestre, no máis amplo sentido da palabra, foi un amigo, foi un loitador e foi, sobre todo iso, unha boa persoa.
    Certo é que sempre nos quedarán ou seus escritos como consolo, aínda que sempre botaremos a faltar a súa voz narrando aqueles contos de lareira que tanto nos gustaba escoitar. 

    Pero Xabier debera ser recordado por outras cousas, pode que menos visibles pero máis fondas. Foi el, e outros coma el, como o seu gran amigo Agustín F. Paz, os que marcaron e sustentaron a evolución da nosa terra nestes últimos anos, creando unha base literaria forte e profunda no noso idioma, recoñecida en todo o  mundo, formando lectores novos nas escolas, promovendo cambios importantísimos na educación, pelexando polos dereitos, defendendo o idioma... formando así un humus social, un sustrato,  que pode que non sexa tan recoñecible nunha primeira ollada, non tanto como os seus textos, pero sen o que hoxe a nosa sociedade non sería o que é.
    Quero recordalo rodeado da rapazada, contando contos coa súa voz grave e quero imaxinalo  na butaca, falando de cine e de libros, seguro que acompañado de Agustín, mentres ao seu redor se arrexuntan tantos e tantos a escoitalos falar.
Que teñas boa viaxe, amigo.

11.6.18

Marchan os de 4º!!
Que te vaya bonito!!

26.5.18

PREMIO EN SANTIAGO
Estamos que non paramos no Insti. Agora un gran éxito do alumnado de Oratoria en Santiago! Ante todo a noraboa aos participantes e a Silvia e á súa santa paciencia de comidas e tardes no Instituto. Pero os resultados non están mal: de toda Galicia, con 10 equipos seleccionados, tres eran do noso centro (só outro centro de Vigo tiña 3, e eran de 3º e 4º) e un deles premiado cun terceiro premio (e outro que non nos deron pero que todos sabemos que era merecido). En calquera caso a participación e os logros están aí. Pasados os nervios iniciais todos quedamos contentos coa experiencia e aprendemos para futuras ocasións. Deixo aquí unha mostra do que pasou e tamén as montaxes de vídeo envíadas ao concurso:

24.5.18

O rastro brillante de Gemma
Costounos algo máis dun ano pero finalmente poidemos ter a Gemma con nós neste curso. Polo que sei, o seu libro El rastro brillante del caracol foi dos que máis gustaron a unha maioría de lectores. Seguramente algún ou algunha buscará agora os libros de Carlota e descubrirá que Gemma tiña moito máis que ofrecer.
Gemma é unha muller activa e activista, cunha chea de vivencias que comparte cos demáis con xenerosidade e que se reflexa nos seus escritos. Unha das grandes. Oxalá podamos contar con ela noutra ocasión!

1.5.18


Como fotografar un libro?

Dazaoito alumnos asumiron o reto que se lles propuxo no concurso “Ler nun clic”: facer unha  fotografía na que aparecese un libro. O resultado? Podedes pasar a velo na entrada do instituto, paga a pena facelo.

Ós fotógrafos participantes: grazas por compartir a vosa mirada e as vosas ideas e seguide collendo a cámara: hai potencial!. O fallo farase público o venres no segundo recreo na biblioteca.

TRABALLANDO A CREATIVIDADE!



E se aprendemos a facer divertidos marcapáxinas nós mesmos? Inxenio, creatividade, unha pizca de destreza manual e  ganas de construír dende o papel para o papel son os ingredientes básicos para realizar estes marcapáxinas coloridos e orixinais.

Animádevos a participar e crear un destes monstruitos dentados!


CONCURSO DE EMOTICONOS



Continuando coas actividades emmarcadas na celebración do Día do Libro, realizouse un concurso de emoticonos 😉 sobre películas 📺 e libros 📘.  
Xa entendestes o principio, non? 

Pois os gañadores foron tres dúos: Javier Devesa Allo e Pablo Martínez Blanco, Marta Baña Cerdeiras e Ainhoa Gerpe Pensado, Alba González e Ariadna Martínez Pasión que fixeron pleno. 

Parabéns!





28.4.18

LEÓNS /AS
 EN PONTEVEDRA
Pois si, alá foron as nosas leonas e os nosos leóns, a visitar as terras de Pontevedra, o Salón do Libro e a falar con Eva Mejuto, a autora de "22 segundos". Un estupendo día para coñecer un pouco a cidade, comer todos xuntos e coñecernos algo mellor (con móbiles incluidos) e escoitar a autora falarnos do seu libro, do que supuxo para ela e de aqueles que atopou no camiño mentres preparaba a escrita. Día completo!
Pola miña banda un gustazo atoparme de novo con esta xentiña, coñecer a algunha nova e botar en falta a algunha que me gustaría que estivese alí. Outra vez será!

18.4.18

IV Certame Fotográfico. LER NUN CLIC.

Tema: Pon un libro na túa vida.

Se queredes participar neste concurso de fotografía, tedes que presentar unha ou dúas fotos sacadas por vós relacionadas coa lectura. E recordade que nelas deberán aparecer obrigatoriamente un ou varios libros.
Ánimo! Lembrade que as fotos poden ser en branco e negro ou en cor, formato jpg (o habitual en cámaras dixitais ou teléfonos móbiles) pero, eso si, deberán estar realizadas no presente ano 2018.

Enviade as fotos ao correo electrónico antes do 20 de abril:
E indicar autor e curso se queredes recollelo premio!

O fallo farase público o día 30 de abril de 2018, dádevos présa que aínda estades a tempo!!!!

27.2.18

OBRADOIROS DE XADREZ

Xa comezaron este xoves 22 de febreiro os obradoiros de xadrez impartidos por alumnos do centro.
O nivel principiante todos os xoves no 2º recreo e o nivel avanzado todos os venres, tamén no 2º recreo.

Animádevos e vir a botar una ollada!

Como dicía o gran maestro Bobby Fischer: "O xadrez non é como a vida, é a vida mesma".




26.2.18



BUZÓN DOS AFECTOS
Compañeiros, como xa sabedes todos,  os amigos son esas persoas que nos acompañan e que temos cerca no día a día, coas que podemos compartir as nosas alegrías, tristezas, plans, soños..., son un tesouro de valor incalculable e que, ás veces, non valoramos na súa xusta medida.

Esta semana pasada celebramos a importancia da amizade no centro. Bonito, non? Pois un bico para todos vós.


20.2.18

ENTROIDO 2018


E aquí tedes algunhas fotos do ben que o pasamos no Entroido do Instituto.
A ver si vos encontrades!!!


13.1.18

POEMAS PARA COÑECERSE
Hoxe en santiago, na libraría Lila de Lilith, a nosa querida ex-alumna Alba Canosa presentou o seu segundo poemario: "Conocerse".
Foi un acto cargado de emoción, e de risas cómplices, presentado por Silvia, no que se falou sobre as orixes e os porqués da súa poesía, da xestación dos poemas, da espontaneidade, da súa negativa a que ninguén lle modifique nada do escrito, da necesidade de escribir, de non repetirse, de escribir desde as entrañas...
Para os seus ex-profes, que coñecimos nun principio unha Alba (moi) difícil na clase e unha Alba cercana e cariñosa despois, foi un pracer asistir a un acto coma este. Os seus poemas sírvenlle a ela, pero tamén nos sirven aos demais así que esperamos novos poemarios e estamos seguros de que ten por diante un gran camiño que andar. Noraboa, Alba!
 Podes ver a noticia en La Voz de Galicia aquí